"Calquera podía xerar enerxía máis barata que a que venden as eléctricas. E iso non se podía permitir"

Placas solares fotovoltaicas na Comunidade Valenciana © Anpier

Nunca España fora o país número un do mundo en ningunha tecnoloxía. E foino na enerxía solar. As inmellorables condicións de irradiación e o traballo de moitos pioneiros chegaron a situar España en cabeza da produción eléctrica a través de placas fotovoltaicas. Pero había un problema: "As enerxías renovables -sobre todo a fotovoltaica- son capaces de individualizarse ao máximo e poden estar en mans dos cidadáns", explica Juan Castro-Gil, secretario da Asociación Nacional de Produtores de Enerxía Fotovoltaicas (Anpier) e delegado en Galicia desta entidade.

"Nos tres primeiros anos que funcionou a enerxía fotovoltaica en España, apareceron 62 mil pequenos produtores, moi pequenos todos, que demostraron que o cambio cara a un modelo de xeración distribuído estaba á volta da esquina. Iso en España non se permitiu", explica. "Sobre todo porque apareceron outros actores, como cooperativas eléctricas verdes que viron unha oportunidades de negocio, apareceron medios de comunicación que se interesaban pola enerxía, cando a enerxía fora sempre un asunto opaco, apareceron despachos de avogados que xa non estaban vinculados aos intereses de sempre, apareceren enxeñeiros que estaban dispostos a contar moitas miserias do que pasaba no mercado eléctrico...", di.

"Nese momento comezaron a entrar nos consellos de administración da grandes empresas eléctricas antigos presidentes do goberno, antigos ministros, antigos secretarios de Estado, e ao mesmo tempo comezaron a aprobarse normativas que obstaculizaban as renovables e o autoconsumo", comenta. "Grazas ao traballo de moitos pioneiros, hoxendía calquera novo produtor podería xerar enerxía de forma máis barata á que lle venden as distribuidoras eléctricas. E iso non se podía permitir. Non queren que produzamos enerxía, porque só a poden producir os que historicamente a viñeron producindo", di. "A gran diferenza, é que os beneficios que xera a enerxía os repartirían un millón de persoas e non tres grandes empresas. Iso non se podía permitir", conclúe.

 

Cambio nas regras do xogo, a ruína para moitos

En efecto, en 2004, o Goberno español eliminara as barreiras económicas para a conexión das enerxías renovables á rede eléctrica, igualou as condicións para a súa produción a gran escala, e garantiu a súa venda mediante primas á xeración. A enerxía solar estendeuse por todo o país; só en 2008 instaláronse 2708 MW. Porén, nos anos seguintes varias modificacións na lexislación frearon o crecemento e a comezos de 2012, xusto despois da vitoria electoral do PP, un Decreto Lei paralizou a instalación de novas centrais fotovoltaicas e demais enerxías renovables. En 2013 só se instalaron 140 MW, e en 2014 foron unicamente 7 MW. Pola contra, neses dous anos Alemaña instalou 5.500 MW. Alemaña é, de feito, o país do mundo que máis enerxía solar produce, con nove veces máis potencia instalada que España. E é que non é necesario ter as horas de sol de Almería para que a enerxía fotovoltaica sexa rendible.

En 2013 só se instalaron 140 MW, e en 2014 foron unicamente 7 MW. Pola contra, neses dous anos Alemaña instalou 5.500 MW

O bloqueo á enerxía solar e ao autoconsumo non só tivo graves consecuencias medioambientais, senón tamén para a economía española, que debe seguir importando combustibles fósiles e uranio para producir a súa enerxía. A dependencia enerxética de España supera o 86%. O informe O impacto das enerxías renovables nos fogares, elaborado para Greenpeace por unha consultora independente, sinalaba que un sistema eléctrico renovable ao 95% suporía un descenso do 34% na factura enerxética dos fogares.

E foi especialmente prexudicial para milleiros de pequenos produtores, ao redor de 62 mil, que viron moi comprometido o seu investimento (calculado en máis de 20.000 millóns de euros) e, en ocasións, os seus aforros. As disposicións retroactivas impostas aos produtores españois de enerxías renovables reduciron os seus ingresos nun 30% entre 2011 e 2013, facendo inviables a maior parte das instalacións. Greenpeace denuncia que coa reforma do sector eléctrico "ao cambiar drasticamente a estrutura da amortización, os produtores tiveron que refinanciar ou soportar os pagos mensuais con recursos propios; isto obrigou a achegar garantías adicionais aos bancos, aceptando, ademais, tipos de interese máis altos a cambio de estender os períodos de amortización". Ademais, segundo a organización, o 15% dos produtores ten mensualidades pendentes coas entidades bancarias que os financiaron.

62 mil pequenos produtores (2.600 en Galicia) viron moi comprometido o seu investimento e, en ocasións, os seus aforros

"O Goberno animou primeiro a investir e, despois, rebaixou as retribucións á vez que incrementou a presión fiscal. Cambiou cinco veces as regras do xogo", denuncia Juan Castro-Gil. "No mellor dos casos os bancos quedaron con todos os beneficios que podían conseguir en 25 anos. Pero hai quen o está a pasar peor: houbo moitos concursos de acredores, houbo quen perdeu a súa casa", explica. En Galicia hai ao redor de 2.600 familias que se atopan nesta situación, que viron comprometido o seu investimento.

"No mellor dos casos os bancos quedaron con todos os beneficios que podían conseguir en 25 anos. Pero hai quen o está a pasar peor: houbo moitos concursos de acredores, houbo quen perdeu a súa casa"

"O autoconsumo fotovoltaico está sendo esmagado en España. É un disparate que botáramos a perder esta oportunidade: Non teríamos que mercarlle uranio a Canadá ou gas a Alxeria. É un disparate que moitísimos enxeñeiros españois tivesen que marchar traballar fóra por esta causa", di. "A posición deste Goberno con respecto ás enerxías renovables é de completo rexeitamento. Pero en certa maneira somos optimistas, porque non se lle poden poñer portas ao Sol. A situación cambiará nalgún momento", conclúe.

 

O camiño do Sol

Hai unhas semanas botou a andar a campaña El camino del Sol, impulsada por Anpier, e apoiada pola Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA), e a Unión Española Fotovoltaica (UNEF), Greenpeace e a Fundación Renovables. A iniciativa -comandada por un autobús que realiza actividades de divulgación- percorreu case todas as comunidades autónomas e esta fin de semana chega a Galicia, onde rematará. Anpier, con máis de 5.000 socios e socias en toda España, organizouna a xeito de peregrinaxe a Compostela e, de feito, varios centos dos seus asociados realizarán dende este venres as últimas etapas do Camiño de Santiago. Haberá actos, ademais, en Sarria (o venres), Lugo (sábado) e Compostela (domingo).

Haberá actos en Sarria (o venres), Lugo (sábado) e Compostela (domingo)

O obxectivo da campaña é "impulsar unha transición rápida cara a un sistema enerxético baseado no uso de tecnoloxías renovables" e "transmitir tamén cultura enerxética á poboación e denunciar as irregularidades do sistema enerxético español". No acto que se celebrará o sábado en Lugo, ademais, participarán representantes de organizacións sociais (coma a presidenta de Greenpeace España) e forzas políticas, dende o PSOE (coa presenza confirmada de Pilar Lucio, responsable de Enerxía e Medio Ambiente), a Podemos (con Sergio Pascual, número 3 da formación), Ciudadanos (representada por Carolina Punset) e Izquierda Unida (pendente aínda da participación de Alberto Garzón).

En Lugo asinarase o Manifesto de Camiño do Sol, un texto "en defensa dun novo modelo enerxético"

En Lugo asinarase tamén o Manifesto de Camiño do Sol, un texto "en defensa dun novo modelo enerxético, como alicerce esencial dun verdadeiro desenvolvemento económico sustentable que deixe atrás o vello modelo enerxético, baseado en tecnoloxías fósiles e centrais nucleares, con prezos altos da enerxía, motivados polas sobrerretribucións ás eléctricas". Pedirase, ademais, a "restitución dos dereitos" que a todas as persoas que investiron en renovables "lles outorgaron as normas que deron orixe a estes investimentos".

Acción de Greenpeace ante a sede do Ministerio de Industria © Greenpeace
O autobús da campaña #CaminodelSol percorreu España nas últimas dúas semanas © Anpier
A entidade demandou en varias ocasións o cese do ministro de Industria © Anpier
Juan Castro-Gil, secretario de Anpier e delegado en Galicia da entidade © Anpier
Fachada fotovoltaica nun edificio de Terrassa Dominio Público Chixoy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.