Cando a crise é peor que a morte

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa © CGTP

Vivir por riba das nosas posibilidades. Esta é unha das sentenzas das que máis se bota man hoxendía para facer referencia ao estilo de vida dos cidadáns europeos durante os chamados anos de bonanza económica. O excesivo apalancamento das familias, segundo esta frase, sería a causa principal do crecemento da desigualdade social, da pobreza e da cidadanía materially deprived. Xente con severas dificultades para facer fronte aos gastos e mesmo para sufragar cousas básicas como a calefacción ou o consumo de peixe fresco. Mais o endebedamento dos fogares, que si se incrementou na última década, está moi por debaixo da taxa de apalancamento do sector público e, sobre todo, das empresas privadas (financeiras ou non financeiras). Xa que logo, e cos datos na man, se cadra o incremento da pobreza e a disminución da capacidade adquisitiva das familias ten unha explicación máis complexa.

Á marxe dos datos publicados polo Eurostat, e que falan dun 25% de españois en risco de exclusión social, hai outro indicador do que pouco se fala nos medios de comunicación. Un tabú agochado con silenzo: a taxa de suicidios por causa económica. Un estudo de David Stuckler, Sanjay Basu, Marc Suhrcke, Adam Coutts e Martin McKee de Oxford University, ao que tivo acceso Praza, constata que o crecemento do desemprego está directamente relacionado coa suba de mortes prematuras por causa violenta á vez que descenden as mortes en accidente de circulación. "A posta en marcha de programas activos de emprego para recolocar os parados pode mitigar os efectos da recesión económica na saúde das persoas", conclúe o estudo.

Os países rescatados

Grecia, Irlanda, Portugal e novamente Grecia (á espera de aprobación) foron, por este orde, os países rescatados na Unión Europea. Cómpre distinguir cales foron as causas que os levaron á creba e, tamén, que exposición tiña a cidadanía ao endebedamento exterior. Non para analizar culpabilidades, mais si para determinar que grao de apalancamento tiñan os fogares de cada un dos países. Non todas as débedas son iguais malia que, como constata o estudo de Oxford, as crises financeiras repercuten igualmente nun incremento xeneralizado da taxa de suicidios.

Composición da débeda. % de PIB Q2 de 2011
  Fogares Empresas non financeiras Empresas financeiras Goberno Total
Irlanda 124 194 259 85 663
España 82 134 76 71 363
Portugal 94 128 55 79 356
Grecia 62 65 7 132 267
Italia 45 82 76 111 314

Como se observa na táboa, Grecia ten un problema severo de endebedamento público, cunha estrutura administrativa moi sobredimensionada, alimentada durante décadas de "nepotismo" e "favores", tal e como indica o economista Nikos Tsafos. Estrutura viciada tanto polo Pasok como polos gobernos conservadores, sempre segundo a opinión deste analista consultado. Tamén Italia ten unha débeda pública moi elevada. En Irlanda, pola contra, foi a caída do seu sector financeiro o que provocou a desfeita económica. En España e Portugal son as empresas privadas as que máis se apalancaron. O caso portugués é significativo xa que, malia que o Goberno de Passos Coelho puxo en marcha todas as esixencias que lle foron requeridas, a austeridade provocou a inactividade (e caída da actividade) en tanto puxo en evidencia os problemas do sector privado para desapalancarse. A consecuencia, nin o goberno nin as empresas privadas xeneran estímulo para a actividade. O Instituto de Estatística luso constatou este martes unha recesión do 2,7% no cuarto trimestre.

O estudo do equipo de investigadores liderados por David Stuckler conclúe o seguinte: "podemos observar que os países que afrontan os peores escenarios financeiros, como Grecia e Irlanda", viron incrementada a súa ratio de suicidios nun 17 e 13%, respectivamente. Unhas taxas máis altas "que as rexistradas nos demais países" coa única excepción de Letonia, onde tamén medrou nun 17% entre 2007 e 2008.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.