Cando as caixas multan por morrer

Sede dunha caixa vista desde un banco CC-BY-NC-SA Landahlauts

Cando morrer implica o pago de comisións. Esa é a denuncia que fan varios clientes de caixas de aforros, que están a ser sancionados co cobro dunha cota mensual  que antes non pagaban e que chega despois do falecemento do seu cónxuxe. Chegan, estas queixas, de mulleres xubiladas e pensionistas que se veñen de decatar de que a súa entidade lles está a reter unha cantidade ao mes como penalización por deixar de domiciliar -obviamente e logo da súa morte- a pensión dos seus maridos.

Clientes de caixas pagan comisións das que estaban exentes por domiciliar pensións de familiares que agora están falecidos

Non son moitas as denuncias, en parte porque son moitos os casos de familias que ou non se decataron ou non repararon neste novo cobro de comisións. Segundo confirma Adicae-Galicia (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros) a Praza, esta situación "é máis que probable" e adoita acontecer porque as caixas ou bancos "non teñen en conta o motivo polo que esa pensión deixou de estar domiciliada" e comezan así a aplicar unhas comisións das que antes estaban exentos os clientes, precisamente por ter domiciliado ese pago.

Estas promocións, como insiste Adicae, adoitan ir vinculadas a agasallos que se lle ofrecen aos clientes por domiciliar unha pensión para "retelos o máximo tempo posible" e a cambio tamén de comisións cero, pero sempre que se manteña esa mesma pensión domiciliada. No caso de que faleza o receptor da oferta, o marido ou muller que mantén a conta conxunta pasa a pagar unha penalización mensual en forma de comisión. "E adoitan pagar os que menos teñen, porque estes produtos recaen en xubilados que reciben pensión por viuvez ou unha escasa paga", engade a asociación de usuarios de banca, que lembra que desde 2007, as comisións incrementáronse un 170% en España. "Deberían ser máis condescendentes", explican desde a entidade.

"As entidades non teñen en conta o motivo polo cal esa pensión deixa de estar domiciliada; deberían ser máis condescendentes", din desde Adicae

Pero non o son. Unha veciña da Coruña explicou o seu caso a Praza. Seu pai morreu hai xa un ano. Antes, domiciliara a súa pensión nunha caixa de aforros castelá cun contrato de permanencia de dous anos e que incluía un agasallo "que non vale para nada e que miña nai aínda ten na caixa e sen abrir". Falecido o familiar, e con varios meses de contrato aínda por diante, a entidade cobroulle unha penalización mensual de 12,5 euros que acabou devolvendo tras as reclamacións da filla e tras presentar os papeis que acreditaban o falecemento do seu proxenitor.

Pero a oficina pechou e a conta pasou a depender doutra que volveu decidir cobrarlle unha comisión á muller do falecido e que mantiña unha conta conxunta co marido. Logo de varias reclamacións e visitas á caixa, a entidade accedeu a devolver de novo os cartos, pero nin moito menos aseguraron que iso podería seguir sendo así. "Faremos o que poidamos, estamos traballando", disque lle contestaron.

"Miña nai está perfectamente e decatouse da penalización, pero canta xente haberá que non se decata e que segue pagando pola morte do seu cónxuxe", pregúntase esta veciña da Coruña. A súa advertencia é precisamente a que se cumpriu noutros casos, como na doutro cliente galego dunha caixa galega que reparou en que a súa nai levaba anos pagando unha cantidade mensual tras a morte de seu pai. A familia deixara -obviamente- de domiciliar a súa pensión, pero a entidade nin pensou que puidera ser por mor do seu falecemento. Seguiuna penalizando.

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.