Cando hai que pagar por perder a casa

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY-SA Merixo

Unha familia chega a unha situación económica límite, tanto que non é quen de facerlle fronte á súa hipoteca. O banco vai ao xulgado, inicia un procedemento de execución hipotecaria que remata en lanzamento, isto é, en desafiuzamento. Xa fóra da vivenda, as persoas que moraban nela reciben unha nova reclamación de pagamento: o Concello reclámalles que abonen o mesmo imposto que terían que achegar se vendesen o piso. Isto é o que lle aconteceu a varias familias galegas nos últimos meses, a última no Concello de Barbadás, unha paradoxal circunstancia que levou o Valedor do Pobo a iniciar actuacións de oficio e a dirixirse aos gobernos municipais para que o eviten.

A recomendación do Valedor en funcións, José Julio Fernández, refírese concretamente ao coñecido como "imposto de plusvalía municipal" co que os concellos gravan a venda de vivendas e que se calcula baseándose no incremento do valor da propiedade ao longo do tempo. O alto comisionado do Parlamento "rexistrou varias queixas de persoas afectadas por execucións hipotecarias que, despois de perder a casa, recibiron ordes de cobramento dos concellos" para que pagasen este tributo, explican dende a súa oficina. "Aínda que exista unha base legal" o Valedor coida que os concellos deben eliminar estes procedementos.

O Valedor coida que aplicarlle o imposto de plusvalías ás persoas afectadas por desafiuzamentos "colisiona co criterio básico de xustiza material"

Esta é a mensaxe que lle dirixiu en primeiro termo aos concellos afectados e, a continuación, ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, xa que o Valedor considera que "a actuación dos servizos de recadación nestes casos colisiona co criterio básico de xustiza material", mesmo "entendendo" que o imposto "revirte na comunidade" nuns tempos de "delicada situación económico-financeira" para as entidades locais. Pero "a total ausencia da capacidade contributiva no suxeito pasivo", isto é, nas persoas afectadas por desafiuzamentos, "fai que este tipo de transmisións forzosas deban estar exentas de tributación".

Neste contexto, Fernández coida que a Fegamp lle debería remitir unha recomendación a todos os concellos para que "nas ordenanzas fiscais do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana" sexa introducido un "suposto de exención para o caso da transmisión de vivenda habitual do debedor hipotecario realizada a prol do acredor como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria". Esta, explica, sería unha "solución de carácter xeral" por "razóns de xustiza material e equidade" que evitaría intervencións de emerxencia como a que tivo que efectuar o propio Valedor en Barbadás. Neste caso, a intervención do alto comisionado "permitiu que se lle reintegrase á familia afectada a cantidade abonada por medio dunha axuda de emerxencia social".

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.