Cando o contrato de traballo só dura un día

Mobilización en Vigo contra a precariedade laboral CC-BY-NC-SA CIG

Non son unha lexión, nin sequera unha amplísima maioría no mercado laboral galego, pero existen e van a máis. Mentres a campaña electoral acabada de iniciar amplifica as mensaxes da publicitadísima "senda da recuperación" e da recuperación do emprego, en Galicia máis feble e máis lenta que na súa contorna, os datos oficiais acreditan o medre dun modelo de traballo precario, temporal e eventual ata o límite. Unha das mostras máis evidentes deste fenómeno son os contratos laborais que duran menos dun mes, menos dunha semana e, en ocasións, un só dia.

Segundo os datos máis recentes da enquisa de poboación activa no primeiro trimestre deste 2015 había unhas 3.500 persoas asalariadas con contrato temporal dun só día, un 133% máis que no primeiro trimestre de 2010. No cuarto trimestre de 2014, cadrando coas contratacións do Nadal, este tipo de contratos dun só día tocaron teito no país, chegando ás 3.900 traballando por un só día. No cuarto trimestre de 2009 foran só 1.700.

A EPA rexistra 3.500 persoas contratadas en Galicia por un só día, un 133% máis que hai cinco anos

As cifras de persoas sometidas a esta extrema inestabilidade laboral medran moito máis se son tidas en conta as que din estar contratadas por máis de dous días pero por menos dun mes. No inicio deste ano eran 4.800, un 20% máis que media década antes, e no terceiro trimestre do pasado ano, en pleno verán, chegaron ás 9.200, case un 40% máis que no verán de 2009, ano ao que se remontan os datos do Instituto Galego de Estatística.

A outra fonte estatística para radiografar a contratación laboral no país son os datos que chegan á Consellería de Traballo dende as oficinas do Servizo Público de Emprego. Neste caso non é posible coñecer cantos contratos se rexistran por un só día, pero si cantos se fan por menos dunha semana. Estes datos reflicten que nos últimos anos, tanto no máis profundo da recesión como na suposta saída dela, as contratacións iniciais por menos de sete días non só seguiron sendo as máis numerosas, senón que aumentaron a súa preponderancia.

Os datos de Traballo procesados polo IGE indican que o pasado marzo, último dato dispoñible, se rexistraron en Galicia máis de 18.500 contratos iniciais de menos dunha semana de duración, o que supón un 73% máis que no mesmo mes de tan só tres anos antes, en 2012. No último xullo, mes no que tradicionalmente se concentran o maior número destes contratos, asináronse no país máis de 25.800 contratos de menos dunha semana, un 20% máis que en xullo de 2012.

Mentres que os datos das oficinas de emprego sitúan os contratos de menos dunha semana como os máis habituais entre os temporais a enquisa de poboación activa indica que, polo xeral, os máis comúns en Galicia son os que duran entre 4 e 6 meses. Non obstante, dende 2012 a tendencia comezou a rachar durante os veráns. Así, dende hai tres anos no terceiro trimestre do exercicio xa son máis as persoas asalariadas que indican que están traballando por entre 1 e 3 meses, unhas 38.000, que as que din facelo por entre 4 meses e medio ano. 

As persoas que traballan un só día xa son máis que as contratadas por entre 2 e 3 anos, segundo a EPA

Os datos da EPA a respecto da contratación tamén amosan outro dato rechamante. No inicio da mostra que ofrece o IGE, no terceiro trimestre de 2009, a diferenza entre as persoas que dicían estar contratadas por un día e as que o estaban por entre dous e tres anos era de case o 300%, con 5.000 persoas máis con contratos de longa duración que as que contratadas por unha soa xornada. A tendencia mantívose estable ata finais de 2012, cando ambas cifras comezaron a aproximarse ata que, na actualidade, as devanditas 3.500 persoas sinalan que só traballan un día e 3.200, que están contratadas por entre 2 e 3 anos.

Mobilización en Vigo contra a precariedade laboral CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.