Canto máis paro, menos fondos da Xunta para o emprego

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, con Feijóo ao fondo © Ana Varela

O paro continúa a incrementarse en Galicia. Desta vez, e segundo os últimos datos do Ministerio de Emprego, o número de desempregados no país aumentou en 2.033 no pasado mes de febreiro, situándose nun total de 292.823 demandantes nas oficinas do antigo Inem. Malia manter -aínda que cada vez con menos vantaxe- o seu diferencial positivo co conxunto do Estado, o panorama do emprego en Galicia é negro. Moi negro. Sectores fundamentais da economía esmorecen e milleiros de mozos emigran cada pouco na busca das oportunidades que se lle negan na terra. Nesta situación, a Xunta leva tempo renunciando a unhas políticas activas de emprego que son fundamentais, xa non só para a creación inmediata de postos de traballo, senón para unha mellor recuperación futura e unha alternativa que agora non se albisca.

"Nun momento como o actual, co crecemento continuo do paro, reducir os fondos para as políticas activas de emprego é un enorme erro; a austeridade cos cartos dos parados é indecente", di Enrique Negueruela, ex secretario de Economía do PSdeG e experto no tema. Porque o caso é que, malia o incremento do número de desempregados e o drama da falta de traballo, a Xunta aplica a tesoira nos fondos que dedica ao emprego nos seus Orzamentos. "O Goberno galego non se compromete coas políticas de emprego, prescinde dos seus fondos e a súa capacidade e só dedica aqueles que proveñen do Estado ou de Europa", insiste.

A Xunta dedica aos fondos para o emprego máis da metade menos que en 2009

Os datos cantan. Os fondos destinados ao emprego pola Xunta nos Orzamentos de 2013 suman pouco máis de 201 millóns de euros, 137 menos que o ano anterior (338) e máis da metade menos dos destinados nas contas de 2009 (420), cando a crise aínda non aterrara con toda a súa dureza no país. Esta liña de austeridade, incluso nas políticas activas de emprego, marcou tamén o camiño a seguir no Estado, que pasou dos 4.700 millóns dedicados en 2011 aos 1.255, un 63,6% menos, do actual exercicio.

Se facemos a conta por parado, e tendo en conta os datos no momento no que se elaborou o Orzamento, a Xunta de Galicia dedica 745 euros a cada parado nos seus fondos de emprego, case a metade do que lle dedicaba en 2012 a cada desempregado (1.402) e 3,5 veces menos que o que lle correspondería a cada un dos demandantes de emprego en 2009 (2.584).

O Goberno galego achega 745 euros por cada parado nos seus fondos de emprego, 3,5 veces menos que hai cinco anos

Pero ademais, se reparamos nos fondos para políticas activas de emprego que Galicia recibe do Estado, a comunidade volve saír mal parada. Co 5,8% de parados do conxunto do Estado, a autonomía recibiu en 2012 o 3,9% destes fondos estatais, algo máis de 73 millóns de euros. De recibiren os demandantes galegos o mesmo trato que a media estatal, disporían de 16 millóns de euros máis para políticas activas. No entanto, a Xunta non reclama nada. "Por que nin Feijoo nin Beatriz Mato dixeron nada diante da tropelía que fai Rajoy? Por que non reivindican eses fondos que en 2012 suporían un terzo máis?", pregúntase Negueruela, que advirte tamén do perigo dos brutais recortes que dentro destes fondos de emprego se están a producir nos fondos destinados á formación.

O Executivo renuncia á formación e á reconversión de traballadores en paro ao recortar en máis de metade os fondos

Así, mentres estes fondos para políticas de formación para o emprego superaban os 103 millóns de euros en 2009 e os 95 millóns en 2012, neste presente exercicio tan só suman pouco máis de 44, máis da metade menos que hai tan só un ano. "Feijóo chegou a dicir que para que se lle daba formación aos parados se non podían traballar", lembra Negueruela, que se pregunta "que plan" ou "que idea" ten o Goberno galego para os milleiros de cidadáns que se ven na obriga de reconvertirse tras perder o seu emprego na construción, no sector textil ou na banca. "Non hai política de emprego porque non hai política de país; non se planifica nada e todo depende do deus mercado", insiste, tras asegurar que a Xunta "leva catro anos perdidos" e logo de recordar que "tería que ter formado" moito persoal para saír en mellores condicións da crise.

En canto aos fondos destinados a políticas de emprego diferentes á formación, Galicia dedica na actualidade uns 86,5 millóns de euros, dos cales case nin un peso provén de fondos propios da Xunta de Galicia, senón que son achegas do Fondo Social Europeo e de transferencias do Estado, mentres que en 2009 tan só o Goberno galego achegaba máis de 68 millóns de euros. 

A situación agrávase de ter en conta tamén o brutal recorte de persoal técnico das oficinas de emprego, que desde o pasado ano contan con 223 traballadores menos, nun axuste igual de duro que o aplicado aos programas de cooperación local e que facilitaban a introdución no mercado laboral, e as conseguintes prestacións, a milleiros de familias cos seus membros en paro.

A alternativa, para Negueruela, e clara. "O que debe facer a Xunta é apostar por determinados sectores, pero para apostar polo emprego hai que investir e formar xente para que poida facer eses traballos", insiste, ademais de actuar "de abaixo a arriba", analizando os mercados locais de emprego e "buscando en cada un deles solucións de maneira consensuada". "Pero ese modelo tamén o eliminaron", lamenta.

 

Orzamentos de emprego da Xunta de Galicia © Enrique Negueruela
Fondos destinados a políticas de formación © Enrique Negueruela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.