Carteis con impacto para advertir do desastre do naval

Imaxe de Edu Pereira sobre a apocalipse que suporía un Ferrol sen naval © Edu Pereira

O Concello de Ferrol en ruínas, estaleiros que caen derrubados, corvos, lume e coches destruídos. Ese é o panorama que poden atopar aqueles que visiten a cidade. Son as fotografías-ficción do enxeñeiro naval, traballador de Navantia e artista Edu Pereira. "Matan ao naval. Desastre comarcal", rezan estas vallas publicitarias que intentan axitar a conciencia da cidadanía ante o drama ao que se asoma o sector da comarca.

As enormes imaxes pretenden chamar a atención sobre a situación na que quedaría a conmarca se o naval desaparece

Son tres enormes carteis (de oito por tres metros) que se poden ver fronte ao Alcampo, así como nas estradas de Catabois ou Castela. Un intento por amosar a importancia dun sector "estratéxico" e do que "dependen todos" en Ferrol e que vai camiño do desastre, tal e como denuncia o comité de empresa, que este mércores presentou estas vallas publicitarias que pretenden chamar a atención sobre a situación dunha comarca que alcanza  uns niveis de paro récord en Galicia e sobre o que suporía "que os estaleiros desaparecesen".

Edu Pereira, o fotógrafo autor destas imaxes dos carteis, explica a Praza que a idea xurdiu nas mesmas instalacións de Navantia, onde el traballa. "Alguén do comité de empresa viu os traballos que se basean na idea dun Ferrol deserto, da situación fantasmagórica na que quedaría a cidade se os estaleiros continúan nesta progresiva destrución; ocorréuselles utilizalas como parte dunha campaña de impacto visual para chamar a atención sobre a gravidade do que estamos a pasar", conta.

"Se cadra unha imaxe vale máis que mil palabras; levamos moito tempo manifestándonos e repetindo lemas"

Daquela, Pereira ampliou as fotografías, modificounas e engadiulles outros elementos representativos da comarca, como o Concello de Narón ou o Castelo de Fene. "Posiblemente unha imaxe valla máis que mil palabras; levamos moito tempo manifestándonos e repetindo lemas mediante berros ou de maneira escrita; quizais estas imaxes, polo menos ao principio, teñen unha repercusión maior e serven para que impacten e se fale do tema", reivindica este artista que cedeu os dereitos de imaxe dos seus traballos ao comité de empresa.

"Vemos día a día como se pechan negocios na comarca", di o fotógrafo autor dos carteis

"É innegable que Navantia é o motor principal da comarca enteira; coa destrución de emprego nos estaleiros baixa o poder adquisitivo da cidadanía e vemos, día a día, como van pechando negocios; desde logo, a tendencia é ir cara á situación que se ve nas fotografías, pero esperemos que iso non pase", asegura Edu Pereira, que non descarta que a campaña se amplíe no futuro con outras imaxes.

Para o comité de empresa de Navantia, aínda que ficción, as fotografías reflicten moi ben a situación que vive a cidade e toda a comarca. E sinala culpables. "Están matando o naval, os políticos non se involucran, o Goberno central mentiunos sobre o veto ao dique flotante e do contrato de Pemex aínda non sabemos nada; todo son mentiras", din os traballadores. Desde hai ano e medio, son máis de 2.000 os empregos destruídos no sector. A realidade, como ocorre moitas veces, pode superar incluso a ciencia-ficción.

 

Valla publicitaria contra o desmantelamento do naval en Ferrol Dominio Público @maria_panblanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.