Case 180.000 parados máis en Galicia desde que comezara a crise

Manifestación dos traballadores de Navantia ante a sede do PP CC-BY-NC Susete

Os datos do paro volveron deixar en evidencia o diferencial positivo de Galicia co conxunto do Estado. O país foi unha das tres únicas comunidades na que non descendeu o desemprego, segundo os últimos datos da EPA feitos públicos polo INE o pasado xoves. Así, e mentres en España se crearon uns 150.000 postos de traballo no segundo trimestre do ano e o paro descendeu en máis de 200.000, na autonomía non só non creceu a ocupación, senón que o desemprego aumentou en 800 persoas, co que a cifra total sitúase xa nos 288.200 e a taxa elévase ao 22,4% polo 26,26% do Estado.

Mentres no Estado se crearon uns 150.000 empregos no segundo trimestre do ano, Galicia incrementou en 800 persoas o número de parados

Pero botando a vista máis atrás, e analizando con perspectiva as cifras facilitadas esta semana, desde que comezara a crise no segundo trimestre de 2008, a poboación ocupada en Galicia caeu en 200.000 persoas, mentres que o paro incrementouse en perto de 180.000. Deses desempregados, unha boa parte sumáronse á lista no último ano, tal e como destaca a CIG, un exercicio no que a poboación caeu en 14.000 persoas, os activos en 22.000, ao tempo que a poboación ocupada baixou en 35.000 e aumentou a parada en 12.000.

Case 180.000 persoas uníronse ás listas do paro en Galicia desde que comezara a crise

A brutal caída da poboación activa responde en boa medida á elevada emigración -sobre todo de xente nova- e que explica tamén que as cifras de desemprego non sexan aínda maiores. Malia que o drama abrangue todo o país, en Vigo a taxa de paro sitúase xa en algo máis do 26%, mentres que Ferrol, co 33,3%, segue sendo a cidade galega con maior taxa de paro e unha coas porcentaxes máis elevadas do Estado e de Europa.

Traballador da construción nun tellado en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.