Case 60.000 mulleres galegas novas tiveron que emigrar desde o inicio da crise

Protesta de traballadoras de Freiremar © CIG

A taxa de paro feminino medrou 1,5 puntos no último ano e duplicouse desde 2008. Ademais, do padrón de habitantes de Galicia desapareceron 58.000 galegas de entre 15 e 34 anos, tamén desde que comezou a crise. Case 60.000 mulleres novas que emigraron por falta de traballo, mentres as que quedan ven como as súas condicións laborais e salariais son cada vez peores, ao tempo que se reducen as axudas públicas aos dependentes e a responsabilidade do seu coidado volve recaer sobre elas. En canto ás pensións, máis de 30.000 mulleres perciben unha no contributiva -366 euros ao mes- e a media das non contributivas é de 574 euros, o 53,7% do que ingresan os homes.

Así é o "desolador" panorama que retrata a CIG no seu informe A muller no mercado laboral en Galiza en 2013 e que foi presentado este xoves pola secretaria da Muller do sindicato, Margarida Corral, e pola responsable do gabinete de economía, Natividade López. É un estudo con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, e que formar parte dunha compaña, baixo o lema “As políticas do PP prexudican seriamente os nosos dereitos”, na que a central acusa o PP de "provocar un retroceso sen precedentes nas condicións laborais, salariais e de vida das mulleres galegas".

O informe da CIG únese aos que neste mesma semana fixeron públicos tamén UGT-Galicia e CCOO-Galicia, nos que se destaca que a crise dispara o risco de exclusión social entre as mulleres ou como se incrementa tamén a parcialidade e temporalidade dos seus empregos. Para Margarida Corral, son a reforma laboral, os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos, o incremento das taxas no ensino e servizos sociais, os copagos ou a eminación da universalidade na anteción sanitaria o que están a empeorar a situación das mulleres. A todo isto, hai que engadir "a redución dos salarios, o abaratamento do despedimento, a reforma das pensións, as altas cifras de desemprego e un marco lexislativo que nos retrotrae a tempos do franquismo”.

"Todo obedece a unha estratexia da dereita para devolver as mulleres ao rol reprodutivo e de coidado"

A reforma do código penal, a lei mordaza, a reforma das mutuas ou a contrarreforma do aborto. "Todas obedecen a unha estratexia da dereita de devolver as mulleres ao rol reprodutivo e de coidado, ou ben para explotarnos dobremente, pagándonos menos salario e garantindo que contribuamos ao sistema facéndonos cargo das tarefas de coidado, ao tempo que desempeñamos o noso labor no campo reprodutivo”, sentencia a CIG, que lembra que se facilitou o despido e a redución de salarios e que sexa o xénero feminino o que "substitúe os recortes no gasto público mediante o seu traballo invisíbel e non remunerado no ámbito do fogar”.

Tamén denunciou a CIG que o PP pretenda "tomar o control" dos corpos e da sexualidade das mulleres para "garantir a súa explotación", tras lembrar que a Xunta segue opoñéndose á dispensación da pílula postcoital sen receitas nas farmacias ou delegando o asesoramento de mulleres embarazadas en centros privados, relixiosos e antiabortistas.

"Non consentiremos esta tutelaxe nin imos someternos á imposición", lembra o sindicato, que fixo un chamamento par saír á rúa, tanto o 9 de marzo en Compostela, contra a contrarreforma do aborto, como o 8 de marzo en Vigo coa Marcha Mundial das Mulleres.

"Non consentiremos esta tutelaxe nin imos someternos á imposición"

A responsable do gabinete de Economía da CIG, Natividade López, incidiu no feito de que desde o ano 2008 máis de 58.000 galegas de entre 15 e 34 anos se deran de baixa no padrón municipal de habitantes o que, ao seu entender, evidencia a “terríbel situación que está atravesando Galiza, coa enorme perda de poboación da xente máis nova e mellor formada”.

Isto implica que arredor do 17% da poboación que tiña no ano 2008 entre 15 e 34 anos "está neste momento fóra". As porcentaxes son idénticas en homes e mulleres e “as consecuencias a medio e longo prazo desta sangría van ser demoledoras para o noso futuro”, advertiu López, que explicou que se non se producise esta emigración, a taxa de paro feminino sería do 29% e non do xa elevado 21,9% actual.

Para a CIG, tamén contribúe a tomar a decisión de abandonar o país "o feito de que en torno a un 50% das desempregadas leven máis dun ano no paro", o que implica, na maioría dos casos quedar fóra das prestacións. De feito, desde o ano 2010 a taxa de cobertura do desemprego baixou dun 66% a un 56%, 10 puntos. “Isto é igual a pobreza”, denunciou.

O 17% das mulleres que en 2008 tiña entre 15 e 34 anos está agora mesmo fóra de Galicia

Tamén repara o sindicato no incremento da fenda salarial entre homes e mulleres en dous puntos e a redución media dos ingresos das traballadoras galegas, que foi do 2,9%, fronte o 2,6% dos homes. Na baixada xeneralizada de ingresos inflúen factores como descolgues de convenios, rebaixas na masa salarial, mais tamén como está evolucionando a ocupación. "De media descendeu a ocupación en 18.300 mulleres, pero medrou entre as traballadoras con xornada parcial en 7.300 e descendeu entre as de xornada completa en 25.600", destaca.

Esta precaria situación económica e laboral, a maior perda de emprego dos homes que das mulleres provocou que cada vez un maior número de traballadoras se convertesen en sustentadoras principais do fogar. De feito, un 36,04% dos fogares galegos teñen como principal fonte de ingresos os provenientes dunha muller, dous puntos máis que no ano 2009.

No ano 2012 preto do 69% das persoas perceptoras de pensións non contributivas eran mulleres, isto é máis de 30.000 que percibiron uns ingresos, no mellor dos casos, de 366 euros ao mes. Para as que cotizaron os anos suficientes para ter dereito a unha pensión contributiva, a media de ingresos é de 574euros, un 53,7% do que alcanza a pensión media dos galegos.

Mariscadoras nunha ría galega CC-BY-NC-ND Jon Reporperro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.