Case 705.000 parados levan tres ou máis anos sen traballar

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

O drama da crise, o drama do paro. O número de desempregados que deixou o seu traballo tres anos antes ou máis aumentou un 43% no pasado ano, até alcanzar os 704.900, de tal forma que o peso deste colectivo sobre o total de desempregados alcanza xa o 15,4%, unha porcentaxe case catro puntos (3,9) superior á de 2010, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) tirados da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Porque o drama do paro bateu de cheo en 2011, ano que se pechou con 4,6 millóns de parados, dos cales máis da metade, o 52,1%, ingresaron nas listas do desemprego tras acabárenselle o contrato durante ese exercicio. Ademais, máis dun millón de persoas quedou sen traballo por mor dun despido ou tras a supresión do seu posto, incluíndose aquí os ERE, o que supón un 23,3% do total de desempregados. 

En resumo, foron 2.390.700 as persoas que ingresaron no paro ao rematárselles o contrato, o 7,72% máis que en 2010, mentres que 1.067.400 traballadores quedaron no paro por despedimento ou supresión do posto, incluídos os ERE. En canto ao resto, 58.000 saíron do mercado laboral por enfermidade ou incapacidade; 39.900 por realizar estudos ou recibir formación; 23.100 por coidado de nenos, de adultos enfermos, incapacitados ou maiores. Ademais, houbo 11.500 persoas que se xubilaron.

Pero a catástrofe é áinda máis grave para aqueles preto de 705.000 parados que levan xa tres ou máis anos sen emprego. Parados de moi longa duración que non ven saída no conxunto do Estado, milleiros de familias desesperadas por unha crise que os afasta dun mercado laboral onde xa non ven expectativas ningunha. Algúns rendidos, algúns fartos e moi poucos con esperanzas. 

Os datos difundidospor Estatística mostran ademais que unha de cada tres persoas, o 35%, traballou en 2011 polo menos un sábado ao mes, porcentaxe unha décima superior ao de 2010, mentres que o 4,3% traballou un domingo ao mes (dúas décimas máis) e o 15,9% fíxoo dous ou máis domingos (cinco décimas máis).Pola contra, o 62,5% dos ocupados non traballou ningún sábado de 2011 e o 78,6% ningún domingo.

Do mesmo xeito que aumentou o número de persoas que tivo que traballar en fin de semana, tamén se incrementou o ano pasado a porcentaxe de traballadores en xornada nocturna, desde o 11,6% de 2010 ao 12,2% de 2011. Un 6,1% traballou ocasionalmente de noite e o mesmo porcentaxe fíxoo en máis da metade dos seus días laborables.

Ademais, o 92,6% dos ocupados non traballou ningún día no seu domicilio durante o ano 2011, mentres que o 2,7% fíxoo ocasionalmente e o 4% traballou en casa máis da metade dos seus días laborables. A EPA de 2011 tamén revela que a porcentaxe de asalariados que foi contratado a través dunha ETT baixou tres décimas o ano pasado, desde o 3% ao 2,7%, mentres que só un 2,5% obtivo o seu emprego mediante a intermediación dunha oficina de emprego público, unha décima máis que en 2010.

Tna só un 2,5% dos contratados obtivo o emprego grazas á intermediación dunha oficina do INEM

Da enquisa tamén se extrae que a maior parte dos traballadores españois teñen xefe, pero ningún subordinado. En concreto, sete de cada dez traballadores atopábanse nesta situación en 2011. Do total de ocupados contabilizados o ano pasado, o 9,9% non tiña xefes nin subordinados, o 6,6% era encargado, o 7% director dunha empresa pequena, departamento ou sucursal, o 5,7% era mando intermedio, e o 0,8% ocupaba un posto de director de empresa grande ou media.

A porcentaxe de empregados, é dicir, de traballadores con xefe e sen subordinardos, mantívose estable en 2011 respecto de 2010, situándose no 69,8%, mentres que o de encargados descendeu dúas décimas. En todos os tamaños de empresa, a proporción de homes directores como mínimo duplicou ao de mulleres. No caso do posto de empregado (con xefe e sen subordinado), a porcentaxe de mulleres superou ao de homes (77,6% fronte ao 63,4%).

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.