Case unha de cada catro persoas atópase en risco de pobreza e exclusión social en Galicia

Imaxes que revelan a situación de pobreza de milleiros de persoas son habituais nas cidades galegas CC-BY-SA Dani Vázquez

Os cidadáns galegos teñen unha renda media por fogar de 26.001 euros, por debaixo da media do resto do Estado, con 26.154 euros. A renda media por persoa en 2014 foi de 10.325 euros ao ano, unha cifra tamén inferior á media estatal, situada nos 10.391 euros anuais. Estes son algúns datos que UGT-Galicia debulla na súa análise das condicións de vida no país en base á Enquisa de Condicións de Vida do INE do pasado ano, que segundo o sindicato "constata o deterioro das condicións de vida dos cidadáns e o incremento das desigualdades e da pobreza, como consecuencia da crise e das políticas económicas que se están aplicando". 

UGT advirte da "precariedade, o desemprego e as políticas económicas" que fan medrar "o risco de pobreza e exclusión social"

Os datos reflicten "que a precariedade laboral, o desemprego e as políticas económicas impostas conducen a situacións familiares e persoais crecentes de risco de pobreza e exclusión social", di UGT, que advirte de "graves desigualdades, provocadas pola incapacidade de xerar emprego, a depreciación salarial xeneralizada neste país, con menores ingresos e salarios percibidos, a caída da capacidade adquisitiva dos fogares, o empeoramento na distribución da renda e a extensión da precarización laboral e do paro de longa duración". Nesta enquisa compróbase que no 2014 o indicador agregado AROPE de risco de pobreza e exclusión social situouse no 23,8 por cento da poboación residente en Galicia (654.189 persoas nesta situación).

Ademais, e segundo os mesmos datos, a poboación en risco de pobreza severa en Galicia é do 15,4%, 423.300 persoas, e a poboación con carencia de material severa do 5,5%, 151.178 persoas. A isto engadiríaselle que a poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos) é do 14,9% e o sindicato destaca a "progresiva evolución negativa". 

A poboación en risco de pobreza severa en Galicia é do 15,4%

Así, se no 2013 a porcentaxe de poboación con carencia de material severa era do 4,6 sube ata o 5,5 no 2014. No referente aos fogares con baixa intensidade no traballo, a taxa era no 2013 do 14,1 e tamén subiu no 2014 ata o 14,9.

O sindicato destaca tamén a precariedade laboral, xa que no primeiro semestre do 2015, un 91,8% dos contratos realizados foron de carácter temporal e tan só o 8,2% foron indefinidos. O peso dos contratos a tempo parcial é xa do 37%, ocupando cada vez maior parte do mercado de traballo e a extensión de precariedade no propio desemprego reflicte un descenso continuado dos beneficiarios das prestacións por desemprego, das contías medias e, en última instancia, da taxa de cobertura, do 68,8% no 2011 ao 52,5 en maio de 2015.

"A extensión do paro de longa duración está cifrada na EPA nun 60% máis dende 2011"

"A extensión do paro de longa duración está cifrada na EPA nun 60% máis dende 2011", destaca UGT. Ademais, segundo os últimos datos do IGE, no 2014, o peso dos parados de moi longa duración sobre o total de desempregados acadou preto do 40Q%, medrando en relación ao ano anterior en 4,2 puntos.

Na análise que o sindicato fai de todas estas cifras, reflíctese a "altísima dependencia" que existe das transferencias sociais para garantir a cohesión social nos fogares galegos. De feito, se se exclúen as prestacións contributivas, as non contributivas e prestacións e subsidios por desemprego do cálculo, a taxa de risco de pobreza dos fogares ascendería ao 35,51%. Pola contra, contando con estas prestacións, este indicador baixa ao 16,57%.

UGT advirte que a tímida recuperación do emprego "estase baseando nun modelo produtivo xa coñecido, cun marcado carácter estacional que permite melloras en etapas vacacionais e que se sustenta en actividades de menos valor engadido", tal e como se pode tirar dos últimos datos do paro. "Encamiñámonos cara a un sistema baseado en baixos custos laborais, con escaso investimento en tecnoloxías e formación e no que prima o traballo precario, temporal e a tempo parcial", engade. Por iso, reclama un sistema de políticas de emprego "eficiente", que potencien e reformulen as políticas activas de emprego e a contratación indefinida con dereitos e de calidade.

Imaxes que revelan a situación de pobreza de milleiros de persoas son habituais nas cidades galegas CC-BY-SA Dani Vázquez
Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.