Castellano nega que NGB vaia ser vendida para o ano e asegura que o seu plan segue vixente

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

O presidente executivo de Novagalicia Banco, José María Castellano, teima na súa idea e vén de trasladar aos sindicatos con representación na entidade que o seu proxecto de introducir fondos de investimento no banco e esquivar unha adxudicación a outro grupo bancario segue "vixente" e que está en marcha. Nunha xuntanza do pasado luns cos representantes sindicais, mantivo que o seu plan é viable e que segue habendo interese pola entidade galega entre os investidores cos que el mesmo xa negociara.

NGB comezará a negociar un novo ERE para 2.500 traballadores o vindeiro 10 de decembro

Os sindicatos, no entanto, advirten de que o encontro con Castellano nin resolveu dúbidas nin achegou datos novos. As cifras que manexa a entidade para futuros despidos son as mesmas: uns 2.500 empregos menos a través dun ERE que se comezará a negociar o vindeiro 10 de decembro. Será o cuarto expediente de regulación de emprego que se lle aplique ao persoal da entidade.

Ademais, Castellano aclara que os contactos con posibles compradores deberán estar iniciados en xullo de 2015, aínda que a venda ten de prazo até 2017. Nese primeiro período, sinalaron representantes sindicais, o presidente de NGB quere conseguir investimento privado para levar adiante o proxecto que el expón, que é manter unha entidade independente e radicada en Galicia.

Castellano nega as declaracións dun alto cargo do Banco de España, que asegura que NGB será vendida a principios de 2013

Deste xeito, contradixo as declaracións dun alto cargo do Banco de España que a semana pasada afirmou que Novagalicia será vendido a outro grupo financeiro mediante unha poxa. Aínda que nun primeiro momento apuntouse a que a operación debería pecharse en 2013, posteriormente o regulador aclarou que non hai prazos.

Pola súa banda, os sindicatos insistiron en pedir unha reunión co "propietario" do banco, o FROB, para pedir que aclare o futuro do mesmo, antes de sentar a negociar. Ademais, teñen previsto este mércores un encontro para pactar unha postura común de todas as organizacións sindicais de Novagalicia, que son seis. Ademais, manifestaron o seu enfado pola situación do banco. "Os millóns que seguen chegando só serven para seguir botando a xente á rúa e meter a man no peto dos pequenos aforradores galegos que teñen preferentes e subordinadas", protestou un dos sindicalistas.

Feijóo, con Castellano, nun acto para captar fondos para a entidade en México © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.