Catalunya réndese e tamén solicita o rescate

Francesc Homs, voceiro da Generalitat © GenCat

Catalunya tamén solicita o rescate. A Generalitat deu por feito este martes que acudirá ao fondo de liquidez do Estado para as autonomías, ao igual que xa fixeron Murcia e a Comunitat Valenciana. Sen aclarar aínda a data, o Govern catalán réndese asfixiada pola débeda máis alta do Estado, malia que asgura que a súa situación financeira está "moi lonxe" de precisar un rescate.

Foi o voceiro do Govern, Francesc Homs, o que intentou evitar usar a palabra rescate, para asegurar que en caso ningún se pode asimilar a participación no devandito fondo cun rescate propiamente dito. Para o dirixente catalán, a liña de crédito á que acudirá a Generalitat non é máis que un mecanismo máis dos moitos que ofreceu España ás autonomías até hoxe en día.

"Non pedimos rescate ningún nin estamos nesa situación", insiste en dicir a Generalitat

Máis aínda, xa que segundo Homs, acudir a este fondo non suporá para as autonomías un endurecemento ningún das súas condicións e quixo desvincular a decisión das negociacións sobre o pacto fiscal co Executivo central. "Non pedimos rescate ningún nin estamos nesta situación", asegurou o voceiro da Generalitat, tras destacar que as dificultades de tesourería do seu Executivo son semellantes ás sufridas durante os últimos dous anos.

"Non se pode presentar o acceso a unha liña de tesourería coma se fose a fin do mundo", insistiu Homs, que aclarou que aínda están a analizar a letra pequena das condicións estatais e que a decisión, aínda que xa meditada, non era formal. "Recorremos aos fondos de liquidez que se pon ao noso alcance, como fan todas as administracións públicas, locais ou autonómicas", asegurou, tras insistir en non determinar o importe que se solicitará até que se debulle polo miúdo o acordo adoptado polo Estado.

"Catalunya non ten ningún outro banco máis que o Goberno de España"

Pola súa banda, o conseller de Economía e Coñecemento da Generalitat, Andreu Mas-Colell, en declaracións á BBC, afirmou  que "a situación actual é que Catalunya non ten ningún outro banco máis que o Goberno de España". "Todo o mundo coñece a situación do mercado, somos contribuíntes en España e é normal que recorramos aos servizos bancarios do Tesouro español porque temos que xestionar a nosa débeda e porque temos un obxectivo orzamentario", engadiu.

Ademais, e sobre a teórica preocupación pola posible insuficiencia dos fondos españois ante os seus problemas de acceso aos mercados, o conselleiro di que non lle preocupa a posibilidade de que os mercados se pechen a España, facendo un chamamento a que a UE leve a cabo políticas que eviten esta situación. "Vai parecer que son doutro planeta se digo que non me preocupa a posibilidade de que os mercados se pechen a España. Gustaríame que as políticas europeas se desenvolvesen rapidamente para que esa desafortunada situación non se materialice", sostivo.

Francesc Homs, voceiro da Generalitat © GenCat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.