CCOO e UGT rexeitan a folga xeral proposta pola CIG

Imaxe panorámica da manifestación de CCOO e UGT na Coruña © Daniel Candal

UGT e CCOO rexeitan a proposición da CIG de convocar unha nova folga xeral na primeira quincena de xuño. Os secretarios xerais de ambos os dous sindicatos, José Antonio Gómez e José Manuel Sánchez Aguión, cren que a decisión foi "precipitada", censuran "as formas" da central nacionalista, aínda que non descartan un novo paro máis adiante.

"Non compartimos nin a forma, nin o método, nin o momento, nin a oportunidade. Xa o dixemos: non descartamos ningún escenario e estamos nun proceso de mobilizacións sostidas no tempo que pode desembocar nas accións que en cada momento, en función da agresión, necesiten a contundencia na resposta", explicou Sánchez Aguión, que critica que a CIG anunciase a súa proposta aos medios de comunicación antes que ao resto de sindicatos. A central nacionalista propuxo onte o paro xeral e pediu a unión a el de CCOO e UGT pola importancia "de que estamos todos xuntos". A CUT, pola contra, xa anunciou que apoia "sen dúbida ningunha" a proposta.

"Non compartimos nin a forma, nin o método, nin o momento, nin a oportunidade"

No entanto, a unión non será posible desta vez. "É momento da confluencia e da unidade pero sen apriorismos nin condicionantes de ningún tipo", engadiu Gómez, que tamén cre "precipitada" a convocatoria, pero que tampouco descarta "ningún tipo de media, visto o escenario". "Sen descartar nada, porque non sabemos os escenarios que nos podemos atopar dentro de catro días, primeiro temos que xestionar a tremenda resposta que os traballadores deron na folga xeral", defendeu o secretario xeral de UGT e sostivo que "as folgas xerais hai que pensalas" e que "hai outras formas de mobilizarse". Ademais, destacou que os paros xerais "nunca deron" en España "resultados a curto prazo". 

Para Sánchez Aguión, que pediu ao Goberno que "sente a negociar", as mobilizacións "teñen como obxectivo cambiar as políticas que se están desenvolvendo", pero "non son un fin en si mesmas". "Respectamos pero non compartimos a oportunidade dunha folga xeral, aínda que non descartamos ningún escenario no futuro que poida desembocar nunha situación deste tipo", reiterou. "Quedan os orzamentos de 2013", advirte o secretario xeral de CCOO, que cre que poden ser "leoninos" se o Estado insiste en axustar o déficit ao 3%, algo que os sindicatos ven "imposibe se non se leva a poda do Estado de Benestar máis aló do que se está facendo". "Haberá que dar resposta tamén a esas políticas", dixo e considerou que a folga xeral "é un instrumento moi importante e de moito valor que hai que utilizar con moita intelixencia".

"Nós ímolo facer así, os demais están no seu dereito de facer o que estimen oportuno", insistiu o secretario xeral de CCOO. Ademais, o líder de UGT-Galicia asegurou que lle "parece un pouco contraditorio" que a CIG rexeitase facer protestas conxuntas en febreiro e marzo e incluso na xornada de folga e que agora pida a unión sindical.  

 

Mobilizacións o 29 de abril e o 1 de maio

Ademais, CCOO e UGT chamaron a protestar o Primeiro de Maio contra as políticas de contorl do déficit postas en marcha no Estado e en Galicia e que interpretan como "un desmantelamento" do Estado de Benestar. "Son reformas ideolóxicas porque o PP pretende facelas irreversíbeis", aseguran os líderes dos dous sindicatos, que celebrarán unidos a súa manifestación principal na Coruña, aínda que haberá outras en Ferrol, Santiago, Lugo, Burela, Ourense, Arousa, Pontevedra, Vigo e O Barbanza. Ademais, lembraron tamén que o vindeiro domingo 29 haberá concentracións nas principais vilas e cidades galegas contra os recortes na sanidade e na educación. 

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © Myriam Vázquez Fraga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.