Chega a Galicia a 'barra libre' de horarios comerciais imposta por Rajoy

Interior dun establecemento comercial CC-BY-SA CCOO

Xa están aquí. As medidas de liberalización dos horarios comerciais impostas polo Goberno central a través do Real Decreto lei 20/2012 veñen de iniciar a recta final para a súa aplicación en Galicia. O Consello da Xunta deulle este xoves luz verde ao proxecto normativo co que reformará a Lei de Horarios Comerciais do ano 2006 e que ten como principal novidade que "o pequeno comercio terá liberdade horaria", resume o presidente do Goberno galego. Coa salvidade de que este "concepto" vai ser "ampliado", ata o punto de que os locais cunha superficie de venda de ata 300 metros cadrados serán considerados como "pequeno comercio".

Aínda que a norma estatal exclúe desta barra libre os comercios "pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa" -as tendas de Inditex, por exemplo-, a Federación que agrupa as empresas do sector en Galicia xa vén expresando a súa preocupación pola liberalización. O propio presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, xa manifestou a súa oposición á ampliación de horarios, aplicada entre "presións" dos "grandes centros" comerciais e que "non favorece nin os pequenos nin os medianos". "Por traballar máis non se vende máis", abondaba Seijas o pasado xaneiro, quen explica tamén que a liberalización o que provoca son "máis gastos".

Terán consideración de pequeno comercio as tendas de ata 300 metros cadrados, que poderán abrir ata 90 horas á semana

Neste escenario, no que as tendas poderán ter abertas as súas portas ata 90 horas á semana -isto é, ata doce horas ao día- no que as grandes superficies teñen autorizados dez domingos e festivos de apertura ao ano -o mínimo permitido polo Estado-, se cadra é o malestar no pequeno comercio é o que leva a Xunta a tentar suavizar as normas noutro ámbito: o das sancións. Así, as multas por faltas moi graves -que, segundo o Executivo galego, son as que máis habitualmente cometen os centros comerciais- poden chegar ata un millón de euros, mentres que o máximo das leves pasa de 60.000 a 1.500 euros "pensando nos pequenos e medianos comercios", aseguran.

Malia á controversia dende a Xunta asegúrase que este proxecto de lei foi elaborado "tendo en conta as necesidades transmitidas polo sector" e para "avanzar na modernización e dinamización do comercio galego, outorgándolle seguridade xurídica, ao tempo que garante un axeitado nivel de oferta ás persoas consumidoras". Como era de agardar, a reforma pasa por riba peticións da oposición parlamentaria como establecemento dunha taxa específica que grave as grandes superficies ou mesmo o recurso ante o Tribunal Constitucional pola reforma horaria ante a posibilidade de que invada competencias exclusivas da comunidade autónoma.

 

Interior dun establecemento comercial CC-BY-SA CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.