CIG, CC.OO. e UGT anticipan o prometido 'outono quente'

Concentración dos tres principais sindicatos galegos CC-BY Praza Pública

Os tres sindicatos realizaron concentracións conxuntas esta mañá, coincidindo co Consello de Ministros e en protesta polos recortes aprobados polo Goberno de Rajoy que as centrais cualifican de "saqueo". De feito, as concentracións estiveron presididas por unha faixa na que se podía ler 'Non ao saqueo do pobo. Hai que evitar que nos arruínen'. Os berros máis repetidos xiraron ao redor do emprego ("onde están, que non se ven, os postos de traballo do PP"), continuando a denuncia sindical de que o paro aumentou en case cen mil persoas durante os tres anos e medio de goberno de Núñez Feijoo. Tamén se esixiu que os cartos públicos non sirvan para rescatar os bancos, e si para asegurar o mantemento do Estado de Benestar e dos dereirtos laborais.

As concentracións foron máis numerosas que as convocatorias precedentes, con máis dun milleiro de partipantes e cantidades igualmente importantes noutras cidades, sobre todo Ferrol, Ourense e A Coruña, con ao redor de 300 persoas en cada unha delas, e un cento en Lugo, Santiago ou Ribadeo. Na Coruña o secretario xeral de CC.OO en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, denunciou que os recortes afectan especialmente aos mozos e mozas, pois oito de cada dez quedarán sen dereito a percibir os 400 euros. Sánchez Aguión recoñeceu estar "moi preocupado co que poida pasar co rescate".

As concentracións deste venres completaron o obxectivo das centrais sindicais de que as mobilizacións masivas de xullo se esquecen en agosto e ademais dan paso ao que se espera sexa un mes de setembro e un outono quentes. Os sindicatos teñen convocadas mobilizacións case todas as semanas de setembro, uns actos reivindicativos que van ir crecendo en intensidade e que poderían conducir cara á convocatoria dunha nova folga xeral a finais de mes, antes das eleccións en Galicia e Euskadi en calquera caso.

Iso é cando menos o que a CIG lles vai propoñer a CC.OO. e UGT: a convocatoria conxunta dunha folga xeral o 26 de setembro. De feito, as bases destes dous sindicatos tamén barallan esa data ou algunha moi próxima, a comezos de outubro, e queren converter a convocatoria de mobilizacións xerais en todo o Estado o 15 de setembro nun anticipo da folga xeral. Ese día CC.OO. e UGT esperan reunir en Madrid centos de milleiros de manifestantes. 

Tamén se especula coa posibilidade de que a convocatoria de folga xeral fose na primeira semana de outubro, na que tamén comezará a campaña electoral en Galicia e Euskadi (o venres 5). Sería unha folga xeral europea, ou cando menos se convocaría á vez nos países do sur: Portugal, España, Italia e Grecia. En calquera caso a CIG entende que é necesario enviar "unha mensaxe clara ao goberno do Estado español e ás institucións europeas do rexeitamento que provocan as políticas de recortes antisociais que se veñen aplicando" e Suso Seixo xa apremiou as restantes centrais a tomar unha decisión "antes do 10 de setembro".

Especúlase coa convocatoria dunha folga xeral o 26 de setembro ou na primeira semana de outubro

Antes, o venres 7 de setembro haberá concentracións en defensa da negociación colectiva en diferentes localidades galegas. O sábado 8 Compostela acollerá así mesmo unha manifestación nacional en defensa dos servizos públicos, convocada por todos os sindicatos. Ademais, a CIG convocou xa unha Asemblea Nacional de Delegadas para o vindeiro 11 de setembro, en Compostela, cunha manifestación posterior en denuncia das políticas económicas do Partido Popular. Finalmente, ademais das devanditas mobilizacións do día 15 de setembro, os tres sindicatos negocian a organización conxunta de novas manifestacións comarcais o 21 de setembro.

Na faixa dos tres sindicatos podíase ler 'Non ao saqueo do pobo. Hai que evitar que nos arruínen' CC-BY Praza Pública
Na concentración da Coruña tamén participaron tamén traballadores da Universidade CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.