CIG, CCOO e UGT non acordan aínda data para a folga xeral, pero manteñen a unidade de acción

Manifestación na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Non houbo acordo na convocatoria de folga xeral. Os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT, xunto cos secretarios de organización das centrais estatais, reuníronse este xoves para analizar a situación económica e a diminución de dereitos laborais e sociais, así como para debater a posibilidade de convocar un paro total o máis cedo posible.

Mentres a central nacionalista defendeu a proposta de convocar a folga xeral xa no mes de setembro, concretamente o 26 ou 27, CCOO e UGT manifestaron que preferían agardar, tal e como asegura a CIG nun comunicado. No entanto, as tres organizacións sindicais acordaron reunirse de novo a principios do mesmo setembro "para revisar a situación".

“Parecíanos que era o momento de anunciar esa convocatoria de folga xeral e traballar nesa perspectiva. Eles son partidarios de agardar”, sinalou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que advertiu tamén de que os tres sindicatos "concordaron en que as medidas do Executivo supoñen un grande retroceso nos dereitos sociais, económicos e mesmo políticos, polo que require unha resposta importante de todo o movemento sindical". "Debemos intentar implicar tamén o maior número de organizacións sociais posíbel para que sexa unha resposta moi global de toda a sociedade", engade.

CCOO e UGT apoiarán a folga xeral se o Goberno non convoca un referendo sobre as medidas de axuste

Así, Seixo explicou que CCOO e UGT "están máis centrados na campaña de exixir un referendo” e que apoiarían a convocatoria de folga xeral “se efectivamente o Goberno non o convoca”.  O que si se acordou foi unha nova xuntanza a principios de setembro para valorar o escenario e intentar fixar, en función diso, unha data para a convocatoria de folga xeral. “Nós temos o firme convencemento, e eles coido que tamén, de que o Executivo non vai convocar ese referendo”, di o líder da CIG, polo que o paro podería atrasarse tan só un tempo.

De feito, Seixo indicou que a central sindical valoraría a proposta de CCOO e UGT, entendendo que “non tería ningún sentido convocar dúas folgas xerais en Galiza con pouca diferenza de días”. Porén, afirmou que “non tería sentido agardar dous ou tres meses para facela porque as circunstancias sociais e económicas son tan duras que a resposta de folga xeral ten que estar aí”.

A CIG podería esperar por CCOO e UGT para convocar unha folga xeral, pero "non dous ou tres meses"

Ademais, a CIG abriu un chisco máis a porta de cara a unha futura unidade de acción sindical como a que se viviu nas pasadas manifestacións do 19 de xullo. Para Suso Seixo, os posicionamentos de CCOO e UGT “abren unha perspectiva de traballo que até o de agora non había, por mor das políticas de concertación social ás que a CIG se opoñía, ao entenderen que ían en contra da clase traballadora”. “Esas mesas de concertación e diálogo social hoxe non existen, non están funcionado, o que permite pornos de acordo e irmos traballar de cara a primeiros de setembro para acordar unha data de folga xeral e non só dunha. Nós tamén propuxemos que de aquí a final de ano, se o Goberno non muda estas políticas e as institucións europeas seguen defendéndoas, deberiamos anunciar outra folga xeral como referencia de aquí a final de ano”.

Manifestación do 19 de xullo na Coruña © Daniel Candal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.