CIG e CCOO denuncian un convenio "inhumano" que quere poñer en marcha Citroën

Montaxe de coches en PSA Vigo CC-BY-NC-SA PSA

O sindicato SIT é o maioritario na factoría de PSA Peugeot Citroën de Vigo. E contra a súa "hexemonía" non queren comulgar, cando menos, os compañeiros da CIG e Comisións Obreiras. Ambos os dous sindicatos traballan unidos para protestar contra a proposta de convenio achegada pola parte empresarial. Documento normativo que nestas dúas centrais se cualifica de "inhumano". Os delegados sindicais xa convocaron protestas á hora do bocadillo coa esperanza de modificar a proposta da patronal. Este sábado terán unha asemblea para informar do contido final do convenio.

Un retroceso democrático que fomenta o escurantismo

Segundo apuntaron desde ambas as dúas centrais, o texto ten "problemas" en numerosos puntos. Para a CIG, a patronal aposta porque nas comisións que xurdan do convenio colectivo non haxa presenza sindical e só participen os asinantes nas mesmas. De aí que a central nacionalista fale de que se suprime o acceso dos representantes dos traballadores "nas distintas áreas de traballo que afectan ás condicións laborais", subscriben. "Un retroceso democrático que fomenta o escurantismo".

Sábados obrigatorios

Asemade, un dos puntos máis controvertidos é o que fai referencia aos "sábados obrigatorios". "Queren levarnos ao século XIX ao pretender quitarnos o dereito á liberdade de decisión sobre nós mesmos", arremeten desde a CIG. Para CCOO o argumento da empresa é que se primará a "voluntariedade" e que a obriga a traballar os sábados xa non será tal para os empregados que xa fixeron dez xornadas en sábado de maneira voluntaria.

A aceleración das cadeas de montaxe é algo "inasumible" para os sindicatos

"No taller de embutición eliminarían as substitucións para recuperar a fatiga", engaden desde CCOO. A empresa manifesta, dacordo coa testemuña das centrais, que existe un estudo das liñas 8 e 9 de produción nunha xornada de traballo que conclúe que "a media de paradas por estas causas supón estar un mínimo de 70 minutos sen actividade". Desde os traballadores aseguran que isto non é certo.

Entre outras medidas estaría tamén a aceleración das cadeas de montaxe, algo "inasumible" para os sindicatos, ou a integración dalgúns complementos dentro do salario. Decisión que "acentuaría" a "diferenza salarial cos traballadores de novo ingreso" que deixarían de percibir "sobre 150 euros ano. O complemento de puntualidade e asistencia sería só para os empregados que traballan na actualidade que a compañía francesa ten en Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.