Cinco anos de crise, 200 mil empregos menos en Galicia

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

A falta de emprego segue sendo o principal problema de Galicia e de España, e polo tanto a gran materia pendente do goberno de Alberto Núñez Feijoo, quen en 2009 prometía acabar co paro. A realidade é que durante os seus 4 anos e medio de xestión o desemprego non deixou de crecer en Galicia, mentres a falta de expectativas levou a ducias de milleiros de mozos a marchar a outras zonas de España e a distintos puntos de Europa. Aínda que a taxa de paro en Galicia segue sendo máis baixa que a media do Estado, o diferencial recurtouse, e dende o ano 2009 o paro crece en Galicia máis que no conxunto de España.

Os empregados cobraron de media 140 euros menos en 2012, que un ano antes. Dende 2001 o salario dos traballadores sempre medrara, ano a ano, unha tendencia que a crise tamén rachou

Os datos xerais, moi negativos, agochan outras realidades, coma que cada vez son máis as persoas que deixan de buscar activamente emprego, desaparecendo deste xeito das cifras globais de desempregados, ou que a taxa de cobertura, isto é, a porcentaxe de desempregados que reciben algún tipo de prestación, non deixa de descender. Ademais, os datos tamén amosan que o emprego que se mantén ou que se crea é cada vez de peor calidade: máis precario e con salarios máis reducidos. Segundo os datos do INE, o custo total por traballador no Estado para un empresario, en termos brutos, ascendeu en 2012 a 30.905,55 euros, o que supón un 0,8% menos que en 2011. O 73,2% dese custo total destinouse a salarios: 22.635,56 euros, o que supón que os empregados cobraron de media 140 euros menos en 2012, que un ano antes (daquela, 22.775,76 euros). Desde que o INE realiza esta enquisa, o salario dos traballadores sempre medrara, ano a ano, unha tendencia que a crise tamén rachou.

É certo que o ritmo de crecemento do desemprego se reduciu, pero o paro segue crecendo, e hoxe hai 1.360 parados máis que hai un ano

Segundo as cifras da EPA, no último ano perdéronse en Galicia máis de 52.000 postos de traballo. A cifra eleva até 216.000 os empregos perdidos dende o terceiro trimestre de 2008. Unha cifra moi superior ao incremento efectivo do número de desempregados rexistrados, o que se explica pola emigración e polo abandono da procura de emprego de milleiros de persoas ante a falta de expectativas. 

En maio de 2009 había máis de 207.000 parados rexistrados en Galicia, unha cifra que xa experimentara un crecemento durante os 12 meses anteriores. Os últimos datos coñecidos, correspondentes a setembro, indican que esa cifra supera os 260 mil (283 mil en maio, antes da tempada de verán). É certo que o ritmo de crecemento do desemprego se reduciu, pero o paro segue crecendo, e hoxe hai 1.360 parados máis que hai un ano. O número de afiliados á Seguridade Social descendeu en 25.920 persoas respecto de setembro de 2012, unha caída do 18,7%, que se explica, segundo UGT, "na saída dos mozos na búsqueda de oportunidades de futuro, co que supón esto en termos de perda de capital humano, na maior parte dos casos, cunha boa formación".

A taxa de cobertura é do 62,6% e hai preto de 110.000 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura, co forte risco de exclusión social que isto representa

Ademais, a taxa de cobertura é do 62,6% e hai preto de 110.000 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura, co forte risco de exclusión social que isto representa. En Galicia hai un total de 299.200 fogares onde non hai ningún membro activo, o que supón o 28,8% do total vivendas habitadas no país e que supón máis de 18.000 familias nesta situación que hai tres anos, cando o número de casas sen membros en activo era de 281.500, o que supoñía un 27,8% do total.

Pero hai cifras aínda máis duras para resumir a situación que provoca a crise entre as familias. Segundo estes datos do segundo trimestre de 2013, máis de 90.000 fogares galegos teñen en paro todos os seus membros activos. En concreto, son 91.200 familias, o que supón o 8,9% do conxunto de vivendas, 30.000 máis nesta situación das que había no mesmo trimestre de hai tres anos, cando eran pouco máis de 60.000 (o 5,9%) as que tiñan todos os seus membros en desemprego.

 

Por sectores

O que comezou como unha crise na construción, continuou como unha crise industrial e xa é unha crise xeneralizada porque os servizos, públicos e privados, están perdendo emprego

Na crise destruíuse todo o emprego que se creara na máis intensa e longa fase expansiva da economía galega, iniciada en 1994 e que se estendeu durante catorce anos. O número de ocupados queda, outra vez, por debaixo do millón de persoas. Isto non sucedía dende o ano 2000. A destrución de emprego esténdese ao conxunto de sectores económicos. O que comezou como unha crise na construción, continuou como unha crise industrial e xa é unha crise xeneralizada porque os servizos, públicos e privados, están perdendo emprego.

É preocupante a perda de postos de traballo nos servizos: 14.200 no trimestre e un total de 18.300 no último ano. Pero o máis preocupante é a perda de ocupación na industria. Nosprimeiro trimestre de 2013 perdéronse outros 4.600 postos de traballo industriais. No último ano desapareceron 15.800 empregos, un 9% dos que había e que, sumados aos dos anos anteriores, disparan ata os 67.000 os postos de traballo destruídos na industria dende que no ano 2008 a crise comezara a golpear o emprego en Galicia.

Ademais, na fase inicial da crise, o emprego público mantívose estable; compensaba parcialmente a destrución de emprego privado, contribuíndo así ao mantemento da demanda interna. Porén, a partir da chegada do PP ao Goberno central a estratexia da austeridade extrema, os recortes e a deterioración dos servizos públicos tiveron como resultado unha intensa destrución de emprego público. Nun ano destruíronse 27.500 empregos públicos en Galicia, isto é, o 14 % dos que había.

Un informe de CC.OO. que analizaba os datos da EPA en Galicia correspondentes ao primeiro trimestre do ano sinalaba que se perderan 52.100 empregos, e que oito de cada dez, uns 39.400, correspondían a menores de 35 anos. Este mesmo informe alertaba do impacto do paro de longa duración: hai 160.000 persoas que levan en paro máis dun ano, e 92.700 persoas que levan en paro máis de dous anos

 

Emprego? De calidade?

"Aínda que Galicia presenta un diferencial positivo co conxunto do Estado e se observa unha desaceleración no ritmo de crecemento do desemprego, cómpre tomar medidas e mellorar as xa existentes para reverter totalmente esta tendencia". Así o dicía o programa electoral co que o PPdeG gañou os comicios do pasado mes de outubro, que engadía que "as decisións económicas públicas deben incardinarse nunha política económica que teña como obxectivo a creación sostida de emprego de calidade".

"Se eles din que a economía non vai crecer e que si se vai crear emprego, é que asumen que a produtividade vai descender, e que o que se vai crear é emprego absolutamente precario"

Porén, no último ano Galicia non creou emprego, e moito menos de calidade. Dende o Goberno leva tempo apuntándose que, fronte á análise tradicional, que fala de que para que en España se cree emprego cómpre que a economía creza por riba do 2% anual, agora (en virtude da reforma laboral) pódese crear emprego con crecementos inferiores ao 1%. "É unha barbaridade", di Manuel Lago, que explica que "o maior recoñecemento do fracaso e da pobreza de ideas do Goberno e dos economistas que o apoian é dicir que coa reforma laboral xa non é necesario crecer un 2% para crear emprego. A relación entre a produción total, o PIB, e o número de traballadores é a produtividade. Se eles din que a economía non vai crecer e que si se vai crear emprego, é que asumen que a produtividade vai descender, e que o que se vai crear é emprego absolutamente precario, a xornada parcial, emprego con baixos salarios, emprego non competitivo". "É unha aberración. É un reparto da miseria", conclúe.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.