Clamor contra o "espolio" dos restos das caixas galegas

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA Merixo

"Somos traballadores, non estafadores". Foi unha das consignas máis repetidas na mañá deste sábado polas rúas de Compostela, ateigada de persoal de Novagalicia Banco e das súas familias e persoas achegadas. Todos clamaban contra a enésima consecuencia do proceso que comezou coa fusión de Caixa Galicia e Caixanova -"non foi fusión, foi demolición", aclara unha traballadora-, o plan de reestruturación pactado polo Goberno de España coas autoridades europeas e que trae consigo 2.508 despedimentos, ademais dunha quita de ata o 40% dos cartos dos e das afectadas polas participacións preferentes.

Baixo unha intensa chuvia da que moitos dos asistentes se protexían con paraugas con logotipos das extintas entidades de aforro ou da agoniante Novacaixagalicia, os sindicatos sectoriais e de clase -CIG, CCOO, UGT, CGT, CSICA e ASCA-, os principais partidos diferentes do PP e, sobre todo, persoas afectadas directamente polo proceso, esixiron que a cúpula de Novagalicia dea marcha atrás na "fraude social e laboral" que están a levar adiante. "O próximo despido, que sexa un directivo", coreábase entre pancartas nas que se rexeitaba o "espolio" non só da entidade financeira, senón tamén do que algún día foi unha potente obra social.

O plan de reestruturación contempla máis de 2.500 despedimentos e a quita de ata un 40% nas preferentes

"O noso sacrificio, o seu beneficio", repetía a megafonía que abría a comitiva, que fixo rebordar sobradamente a Praza de Praterías, lugar elixido para a conclusión da protesta. Alí, aguantando estoicamente baixo o dioivo, lembráronse os principais efectos do plan de reestruturación: "a destrución" dos devanditos 2.500 postos de traballo "e máis despedimentos nas empresas auxiliares", a "desaparición da participación accionarial da antiga caixa de aforros no banco, poñendo en perigo a viabilidade da obra social", que o "conxunto da sociedade asuma as perdas derivadas da mala xestión das dirección", "o peche de oficinas", especialmente "no rural" ou a "incautación do patrimonio acumulado polos aforros de milleiros de galegos e galegas durante case dous séculos".

Do mesmo xeito, os representantes dos traballadores rexeitan tamén a "dura e inmoral quita para os aforradores e aforradoras posuidores de débeda subordinada", isto é, das preferentes, mentres que "se garante o pagamento aos grandes investidores institucionais, posuidores de células hipotecarias". O conflito das preferentes foi, precisamente, unha das cuestións máis lembradas nas rúas compostelás este sábado. Non faltaba quen amosaba toda a comprensión pola ausencia das plataformas de afectados. Non en van, lembran, moitos dos que hoxe se manifestaban foron quen tiveron que vender eses produtos. "Clientes e persoal, afectados por igual", coreouse.

Paraugas das antigas caixas CC-BY-SA Merixo
Praterías, ateigada CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.