Continúa a lea no PP pola reforma enerxética

Instalación de placas solares © Som Energia

A pesar de que non nin Soria nin Montoro volveron expresar publicamente o seu desacordo respecto da reforma enerxética, as diferenzas de criterio no seo do Goberno permanecen e chegarán este venres ao Consello de Ministros, onde o titular de Industria podería facer oficial a súa proposta. Cristóbal Montoro deixou claro esta semana que "ata que eu o decida, non irá adiante, anúncieo quen o anuncie".

O PSOE pedirá a comparecencia do ministro de Montoro no Congreso dos Deputados para que explique a política enerxética do Goberno, despois da polémica que protagonizou co titular de Industria, José Manuel Soria. O secretario xeral do Grupo Parlamentario Socialista, Eduardo Madina, salientou que "esta podería ser "a primeira coincidencia con Montoro en 30 anos do PSOE", se é que as declaracións do ministro significan que "critica esta aposta tola pola enerxía nuclear e que está a apostar polas renovables".

A reforma deseñada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo de José Manuel Soria inclúe distintos gravames sobre a facturación das empresas en función da tecnoloxía que empregan para a xeración da enerxía, co obxectivo de reducir o déficit de tarifa de 24.000 millóns de euros que foi acumulando o sistema eléctrico español desde que o primeiro Goberno de José María Aznar decidiu a liberalización do mercado eléctrico, seguindo as directrices europeas.

O problema é que as renovables son as que peor paradas saen no proxecto de reforma. As vendas da fotovoltaica estarían gravadas cun 19%, a termosolar cun 14% e a eólica, cun 11%. Mentres, ás chamadas convencionais aplicaríaselles un 4% e á nuclear e a hidráulica imporíanselles senllas taxas de 10 e de 15 megawatts por hora, respectivamente. Aínda que, no caso destas dúas últimas, amplíase a vida útil das instalacións. 

Un informe da FAES consideraba que "o crecemento descontrolado do volume de primas ás enerxías renovables

Os conceptos manexados por Soria para a reforma non son novos. Nas súas Propostas para unha estratexia enerxética nacional, a Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (FAES) consideraba que "o crecemento descontrolado do volume de primas ás enerxías renovables" era o responsable principal do sobrecuste da electricidade que orixina o déficit de tarifa.

 

Consecuencias "desastrosas para o sector"

A Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA) considera que as medidas que o Goberno podería incluír na reforma enerxética terían consecuencias "desastrosas" para o sector e para a imaxe internacional de España, e pídelle ao ministro de Industria, José Manuel Soria, que defenda a "estabilidade xurídica" do país: "Máis que pedir máis primas ou menos recortes, o que pedimos é estabilidade. Que as cousas non se fagan desde a precipitación e a improvisación características dos últimos anos", explicou o presidente da asociación.

APPA cualifica de "falacias" as acusacións de que o déficit tarifario se derive das primas ás renovables

APPA cualificou ademais de "falacias" as acusacións de que o déficit tarifario se derive das primas ás renovables, argumentando que "antes de 2008 xa había 15.000 millóns de déficit e as primas ás renovables non sumaban máis de 6.000 millóns". Solicitan ampliar algúns anos máis o obxectivo de supresión do déficit de tarifa, fixado actualmente en 2013, xa que "un ano de prazo é excesivamente ambicioso e non sería lóxico".

Instalación de placas solares © Som Energia
Eólicos no Bierzo © Asociación Cultural Ecobierzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.