Coworking: algo máis que un espazo de traballo

Instalacións de Magma Espacio, en Ourense Dominio Público Praza Pública

Coworking é outro deses conceptos afortundados, que duns anos para aquí comezou a estar na boca de todos. Responde a unha realidade, a do número crecente de freelances e traballadores autónomos, sobre todo en certas profesións (deseñadores, xornalistas, informáticos...), aínda que como adoita suceder, alimentou unha certa burbulla ou foi entendido de maneira incorrecta. O coworking non é un espazo físico de traballo, ou cando menos non é só iso; é un espazo humano, a posibilidade de crear relacións profesionais entre traballadores da mesma ou de distintas disciplinas. E estas conexións son, dende logo a principal virtude do coworking.

En Galicia cada vez son máis os espazos de coworking; atopámolos en todas as cidades e tamén nalgunha vila como Cangas, Arteixo ou Silleda. Por unha tarifa mensual (variable, dende 60 euros as máis económicas até 300 as máis custosas), ofrece unha serie de servizos comúns: un lugar de traballo, conexión a internet, teléfono, unha caixa de correo, un espazo de reunións... É buscado por un determinado tipo de profesional como unha alternativa ao illamento de traballar na casa e como forma de contar cunha oficina a un prezo reducido.

Pero, obviamente, debe proporcionarlle ao traballador algo máis: un entorno creativo, que propicie as sinerxías con outros proxectos e profesionais, xerador de contactos. A oferta de espazos é cada vez maior e son vaios os casos de locais de coworking que pecharon nos últimos meses por falta de demanda. Aí a burbulla. Porén, cando o coworking funciona de verdade, as sinerxías xorden: "Estamos convencidos de que a idea de poder xuntar a diferentes profesionais nun mesmo espazo, propiciará de seguro que van a xurdir sinerxias entre os coworkers. Soamente isto xa é unha razón de peso para decidírmonos a crear un espazo colaborativo", destacan dende Magma Espacio (Ourense).

"Estamos convencidos de que a idea de poder xuntar a diferentes profesionais nun mesmo espazo, propiciará de seguro que van a xurdir sinerxias entre os coworkers. Soamente isto xa é unha razón de peso para decidírmonos a crear un espazo colaborativo"

"Estamos asistindo ao fin do modelo do estado de benestar europeo e estase a implantar un modelo máis duro, máis individualista e sen tecido que ampare esta nova forma de traballar. Como freelancers carecemos de estrutura e do soporte organizativo das compañías tradicionais", resume o contexto Chus Prol, de Doutroxeito (Compostela), que esta fin de semana se presentou no Culturgal. Engade que "hai quen asocia o coworking ao contexto de crise e á proliferación de fórmulas low cost. Pero vai máis aló. A que está en crise é a sociedade de consumo tal e como a coñeciamos: estase facendo uso dun maior sentido común á hora de consumirmos".

Algúns dos exemplos en Galicia son WeKAb Coworking Space, Coworking Coruña, Coworking MONTY4, The Room (A Coruña); CoIngenio (Ferrol); Coworking Lugo, Pexego (Lugo); Coworking Tecnopole (San Cibrao); Espacio Arroelo, Cenepo Coworking (Pontevedra); Espacio Nido, VM17-Pop Up & Coworking, Vigo Low Cost (Vigo); Articos (Arteixo); Magma Espacio (Ourense); lala!bandería, Coworking San Pedro, A Pelu, Emprende Cultura Gaiás ou Doutroxeito Coworking (Compostela). Falamos cos responsables de Doutroxeito, Coworking Coruña (Cowoco) e Magma Espacio.

 

Por que decidistes crear este espazo?

Doutroxeito: Estaba en plena fase de reinvención e buscaba crear un espazo de traballo diferente desde o que impartisen clases de idiomas docentes freelancers con oferta de horarios métodos ou actividades máis flexibles e personalizados, que non tivesen que ver coa oferta habitual. Fun bater co coworking, interesoume a filosofía que encerra, a metodoloxía de traballo que representa e atraeume como movemento de “pensa en global e actúa en local”. Compostela é unha cidade inzada de centros de negocio que se corresponden co modelo de traballo tradicional e co atractivo de contar cunha masa crítica para innovar neste caso con novos ecosistemas de traballo.

Magma: A decisión de montar un espazo de coworking vén de que nos gusta colaborar con distintos profesionais. Na nosa curta traxectoria como empresa sempre intentamos traballar nos diferentes proxectos con outros profesionais, polo que pensamos que a idea de poder traballar un grupo diverso de persoas nun mesmo espazo podía ser beneficioso para todos. Estamos convencidos de que a idea de poder xuntar a diferentes profesionais nun mesmo espazo, propiciará de seguro que van a xurdir sinerxias entre os coworkers. Soamente isto xa é unha razón de peso para decidírmonos a crear un espazo colaborativo.

Cowoco: Foi unha mestura de cousas, pero fundamentalmente por ganas de traballar en equipo con outros profesionais e de desenvolver proxectos relacionados con Internet.

 

O coworking fai virtude da necesidade?

"Hai quen asocia o coworking ao contexto de crise e á proliferación de fórmulas low cost. Pero vai máis aló. A que está en crise é a sociedade de consumo tal e como a coñeciamos: estase facendo uso dun maior sentido común á hora de consumirmos"

Doutroxeito: Hai quen asocia o Coworking ao contexto de crise e á proliferación de fórmulas low cost. Pero vai máis aló. A que está en crise é a sociedade de consumo tal e como a coñeciamos: estase facendo uso dun maior sentido común á hora de consumirmos. O coworking, como outras tantas iniciativas, forma parte da sociedade colaborativa, da economía do compartir. Estamos en pleno proceso de pasar do criterio da propiedade á un consumo máis racionalizado dos bens: as plataformas de crowdfunding, os bancos de tempo, cooperativas de consumo, portais de intercambio de aloxamento, portais para partillar coche, etc. 

Magma: En parte si e en parte non. Nós sempre quixemos poder traballar nun gran equipo de profesionais, e hoxe en día iso non ten sentido. Porén, cremos que esta fórmula é máis beneficiosa que a de traballar nun mesmo equipo, xa que cada un ten os seus proxectos e, ao mesmo tempo, tamén podemos compartir traballo. A necesidade para nós viña de que rematabamos unha fase do noso proxecto empresarial Equipoeme Estudio, tiñamos que deixar o viveiro de empresas no que estiveramos aloxados durante os dous últimos anos e tiñamos dúas opcións: buscar unha pequena oficina ou intentar crear un grupo de xente nun espazo maior. Non tivemos dúbida e lanzámonos a emprender este lugar de traballo á vez que punto de encontro cultural e profesional.

Cowoco: Si, pero non hai que ver o coworking só como un aforro de custes respecto de ter unha oficina tradicional. De feito, a maioría dos coworkers que están en Cowoco antes desenvolvían o seu traballo desde casa e se decidiron vir a un centro de coworking non é tanto por buscar un espazo físico en si e dispor dunha "oficina" senón polo grupo humano e o proxecto Cowoco.

 

Que persoas traballades alí? Cal é o perfil de profesionais que até o de agora se interesou?

"Estamos asistindo ao fin do modelo do estado de benestar europeo e estase a implantar un modelo máis duro, máis individualista e sen tecido que ampare esta nova forma de traballar. Como freelancers carecemos de estrutura e do soporte organizativo das compañías tradicionais"

Doutroxeito: Doutroxeito é un coworking corporativo cunha comunidade en formación actualmente. As persoas que se achegaron ata o de agora participan dun alto sentido da comunidade: empresas que traballan con software libre, ONGs, empresas de deseño e creación, tradutores, programadores, axencia de social media e marketing online, consultoría de formación...

Magma: Neste momento en Magma Espacio estamos traballando 8 persoas de 6 empresas diferentes. Polo de agora somos máis xente procedente do mundo do deseño, aínda que xa contamos con outros sectores como a arqueoloxía. Realmente pensamos que canta maior diversidade mellor. O perfil da xente que nos visitou interesándose por participar do espazo é moi diverso: desde administración de fincas, xestión fiscal e contable, deseño, avogacía, .... O número de persoas e proxectos que se está a interesar por esta nova forma de vivir o traballo é elevado, o que nos fai concibir esperanza de poder ampliar o equipo en breve.

Cowoco: Cowoco é un espazo de coworking especializado en perfís creativos que dá servizos similares aos dunha axencia de publicidade, polo que hai deseñadores, programadores, profesionais do sector audiovisual...

 

Que vantaxes vos achega ás persoas que traballades alí? Facilita a posta en marcha de proxectos conxuntos?

Doutroxeito: O número de autónomos é o único que está a aumentar nas altas na Seguridade Social. Fronte ao simple discurso do emprendemento como solución única á situación actual, debemos construír un contexto que o favoreza. Estamos asistindo ao fin do modelo do estado de benestar europeo e estase a implantar un modelo máis duro, máis individualista e sen tecido que ampare esta nova forma de traballar. Como freelancers carecemos de estrutura e do soporte organizativo das compañías tradicionais. Por exemplo, unha miniempresa de comunicación precisará dos servizos dun programador de páxinas web, dun deseñador gráfico, dun tradutor etc. e terá que buscalo fóra. O coworking é o ecosistema adecuado para que flúa a colaboración e se comparta o talento, as ideas, os proxectos e os clientes.

O autónomo que traballa só, na súa oficina, non digamos xa na casa, ten menos posibilidades de que aparezan as sinerxias e a colaboración. O illamento non é produtivo. O papel da persoa xestora do espazo é o de facilitar os encontros, programar eventos de networking e actividades para saber uns dos outros e promover que falen e colaboren.

"É un caldo de cultivo onde as ideas se mesturan, compártense contactos, xorden encargos ou desenvolvemento de proxectos en común"

Magma: O punto principal é que nunca traballas só, eliminas a soidade, sempre hai alguén co que comentar ou tomar un café. Despois, a posibilidade de compartir traballos ou opinións sobre o proxecto no que estás a traballar é moi enriquecedor para todos, trátase de facer cousas o mellor posible e a critica construtiva é o mellor para poder facelo. Hai moitas vantaxes traballando nun espazo deste tipo: a redución de custes fronte a traballar nunha oficina ti só, o aumento da produtividade, estar rodeado de xente traballando axuda a que rindas máis, podes dar unha imaxe de empresa máis potente,… Nós nestes momentos xa compartimos proxectos con algún dos coworkers do espazo. Tes unha persoa que domina o seu sector ao teu lado e cando che fai falla botas man dela. É cuestion de tempo que xordan proxectos conxuntos de forma máis habitual.

Cowoco: Por unha banda creouse un grupo no que existe moi bo ambiente, organízanse ceas e almorzos xuntos, algúns quedan para facer surf..., é dicir, hai unha serie de vantaxes sociais polo feito de estar a traballar con outros e non só en casa. Doutra banda, o feito de que se traballe en sectores complementarios está a facilitar as sinerxías e os proxectos conxuntos. É un caldo de cultivo onde as ideas se mesturan, compártense contactos, xorden encargos ou desenvolvemento de proxectos en común.

 

Os espazos de coworking existentes en Galicia son 'illas' nun contexto laboral clásico. Credes que á sociedade e ás empresas lles custa mudar os esquemas e estrutura previas?

"O coworking tal e como o entendemos participa da tendencia antropotécnica do mercado laboral. Imos cara unha sociedade na que a tecnoloxía nos debe axudar a traballar mellor facendo un uso dela coherente e racional"

Doutroxeito: Estamos nunha década na que se están a dar grandes cambios sociais. O coworking tal e como o entendemos en Doutroxeito participa da tendencia antropotécnica do mercado laboral. Imos cara unha sociedade na que a tecnoloxía nos debe axudar a traballar mellor facendo un uso dela coherente e racional á vez que recuperamos unha dimensión máis humana onde ten cabida a solidariedade, a participación, a cooperación etc. dando  pé a un modelo de relación persoal no ámbito laboral. Os espazos de coworking temos por diante a tarefa de evanxelizar en que moitas das solucións aos problemas actuais virán da man da colaboración. Iniciativas como as que mencionei anteriormente están ocupando pouco a pouco o seu lugar no mercado, vanse estendendo e están a facer unha revolución silenciosa. O coworking a nivel de Estado medrou exponencialmente así que outro xeito de traballar está callando: enfrontámonos a un novo paradigma laboral e os cambios levan un tempo.

Magma: Hai moita xente quen si lle custa cambiar a idea de traballar nun espazo totalmente aberto, onde escoitas ao teu compañeiro de mesa falar por teléfono. Pero, por norma xeral, a xente máis nova coméntanos que levaban tempo buscando un lugar así para poder traballar, porque lle atopan sentido, ao tempo que lles interesa estar en contacto con outros profesionais. Hoxe en día xa case non quedan empresas grandes con diversidade de profesionais, polo que cando se necesita outro profesional este subcontrátase. De aí que aumenten os profesionais autónomos e as pemes en busca dun espazo deste tipo, escapando das oficinas compartidas ou centros de negocios. Nós pensamos que o coworking non é soamente un espazo de traballo, senón que é a escusa para fomentar a colaboración e interacción profesional entre os seus usuarios. Entre todos somos máis fortes e menos vulnerables, formamos unha familia profesional.

Cowoco: O coworking ten que ver con compartir, e non é o espazo de traballo o único que se comparte hoxe en día. Hai plataformas que favorecen o coche para compartir, billetes de tren comprados conxuntamente en camarote para que saia máis barato, intercambio de vivendas..., son cousas que non son novas, xa existían na sociedade, pero creo que hai dous factores que aceleraron estas dinámicas. Internet, que facilita que persoas cos mesmos intereses cheguen a coñecerse, e a crise económica

Instalacións de Magma Espacio, en Ourense Dominio Público Praza Pública
Zona de traballo de Coworking Coruña Dominio Público Praza Pública
Presentación de Doutroxeito no Off Culturgal © Disquecool

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.