"Culpar da crise á sociedade non axuda a frear os suicidios"

Acto da Plataforma de Afectados pola Hipoteca © Carmen Secanella

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza este xoves, a partir das 20 horas  ás 20 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche de Compostela, un faladoiro sobre un dos maiores dramas da crise económica. Baixo o título Unha ollada profesional sobre os desafiuzamentos, abordaranse desde múltiples perspectivas estes procesos e as súas implicacións, grazas á participación de expertos como o psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez. O facultativo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago analiza nesta entrevista as causas que levan as persoas a situacións límite, así como as medidas que habería que tomar para evitalas.

Que achega o mundo da psicoloxía a un faladoiro sobre o drama dos desafiuzamentos?

Axudar a entender como hai persoas que acaban véndose situadas nun estado de risco para a súa saúde mental que chega a ter efectos de toma de decisións sobre a súa propia vida, O drama dos desafiuzamentos espertou a atención de todos cando comezaron a darse casos de suicidios de xente que ía perder a súa casa, así que a clave será explicar como se pode chegar a esa situación é que se debería facer, desde os ámbitos de responsabilidade, para procurar a redución dese risco.

"Todas as crises que provocan desemprego e empobrecemento aumentan os índices de sucidio"

Como chega unha persoa a suicidarse por problemas económicos?

A resposta está no ámbito da crise. É ben sabido, e a Organización Mundial da Saúde (OMS) xa emitiu un informe hai tempo sobre isto, que as crises económicas que implican desemprego e empobrecemento da sociedade acaban provocando un incremento sensible dos índices de suicidio. Xa era coñecido desde os anos 30 e é algo que se repite en todas as crises, ao igual que está a acontecer agora en España.

Que medidas se poden tomar para evitar chegar a estas situacións límite?

Das cinco accións mínimas que propón a OMS, só unha se refire á atención médica. A OMS propón claramente potenciar a atención primaria de saúde, aquela á que a xente acode en primeira instancia. As persoas en situación de risco, xeralmente, van tomar primeiro contacto co seu médico de cabeceira e aí é onde se pode actuar xa nun principio. As outras catro medidas que se propoñen teñen que ver xa con outros ámbitos e outro tipo de políticas, xa que refírense a potenciar o emprego, apoiar as familias, actuar sobre a demanda de alcohol ou fomentar programas de apoio para axudar a sobrelevar a carga económica da débeda queu sofren as persoas.

"A OMS propón potenciar a atención primaria para reducir o risco de suicidio, pero para iso os médicos precisan tempo e que se incrementen os recursos"

E está preparada a atención primaria para reducir ese risco de suicidio?

O primeiro que se precisa para atender estas persoas é tempo, ese tempo tan reclamado polos médicos de primaria e que é un dos bens máis escasos na nosa sanidade. Reforzar esta atención primaria pasa por dotar dun xeito adecuado esta liña asistencia e non só reorganizar os recursos, senón incrementalos, algo que sen lugar a dúbidas non se está a producir.

"A responsabilidade de culpa que se lle inculca á xente con algunhas declaracións actúa moi destrutivamente"

Inflúe algo máis nestes casos extremos?

Os suicidios hai que entendelos como consecuencia do empobrecemento e do desemprego e, por suposto tamén, polo sentimento de culpabilidade que sofre moita xente. Esa explicación masiva de que se viviu por riba das nosas posibilidades ou que a crise foi culpa de todos os que formamos a sociedade non axuda nada. Este argumento espallouse a partir de 2007 e a última vez que se dixo foi no primeiro semestre de 2012, cando Rajoy dixo aquilo de que viviamos por riba das nosas posibilidades. A responsabilidade de culpa actúa moi destrutivamente.

"Quen di que a xente desafiuzada ten dereito a fracasar está a dicir unha frivolidade despectiva"

Dicir que a xente ten dereito a fracasar, como declarou Soraya Sáenz de Santamaría hai uns días, tampouco axudará...

Hai cantidade de intervencións neste sentido. Quen di isto está a dicir unha frivolidade despectiva con aqueles que a día de hoxe está nunha situación que non se debe chamar fracaso. Non se pode pensar que cando menos cinco millóns de persoas fracasaron por factores individuais.

Os medios de comunicación adoitan a non publicar novas de suicidios, agás en casos como os dos desafiuzamentos, por temor ao efecto de imitación, é axeitada esa política?

Non é cuestión de non publicalo, senón de como publicalo. Hai determinados suicidios que son espectaculares e se só nos quedamos niso, si se pode provocar imitación, pero cando a información se toma en serio e se desvelan os diferentes compoñentes que levaron a esa situación, non debería influír. Cando se humaniza, se personaliza e se pon rostro ao suicidio, non hai risco. Hai que informar con coidado, fuxir do sensacionalismo e chamar á axuda da sociedade ante estes problemas.

"Non é cuestión de non informar sobre suicidios nos medios, senón de informar ben, con coidado e sen sensacionalismo"

Non pode haber banqueiros con remordemento de conciencia ou problemas psicolóxicos polas súas actuacións en casos de desafiuzamentos?

Son escéptico respecto diso por unha razón: pola andamiaxe de argumentos que deixa a salvo dunha forma difícil de explicar a aqueles que máis se beneficiaron ou se están beneficiando da crise. Hai toda unha argumentación baseada en causas económicas que impide responsabilizar directamente a esta xente. Non creo que exista sentimento de culpa neses sectores tan minoritarios. Na crise do 29, nos Estados Unidos, tirábanse polas fiestras en Wall Street, pero non coñecemos nin un só caso de suicidio aquí.

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Santiago CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.