Cumpriranse esta vez as previsións do Plan Estratéxico da Xunta?

Capa do Plan Estratéxico 2015-2020 © Xunta

Este martes debateuse no Parlamento o Plan Estratéxico da Xunta para o período 2015-2020, un proxecto que segundo o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, dará “un impulso aproveitando a saída da recesión, tanto ao que é a posibilidade de vivir cun salario estable e digno en Galicia, como aumentando o crecemento ao longo do tempo". Segundo o presidente da Xunta, que mesmo foi máis aló na valoración, "economistas de prestixio din que é o mellor plan estratéxico da economía galega que fixo un goberno". O texto é, esencialmente, un documento de análise da economía galega, con grandes liñas de actuación e previsións de comportamento no vindeiro lustro. Unhas previsións que, á vista do Plan Estratéxico precedente (2010-2014), cómpre asumir con precaución, pois as expectativas fixadas naquel plan quedaron moi lonxe da realidade

Este foi un dos aspectos máis sinalados polos grupos da oposición, que cualificaron o documento de "palabras bonitas baleiras de contido" (Carmen Gallego, PSdeG-PSOE). Ou que lle lembraron os incumprimentos do plan estratéxico 2010-2014: "o país está peor en todos os indicadores principais que cando se presentou o plan anterior, foi unha desfeita, con previsións nada rigorosas para un Goberno incapaz de cumprir os obxectivos” (Antón Sánchez, AGE). Ou definírono como “operación de propaganda ás portas do remate da lexislatura” (Francisco Jorquera, BNG).

Números moi optimistas, sobre todo se temos en conta que nos últimos cinco anos estes indicadores non melloraron, senón que empeoraron, incumprindo amplamente as igualmente xenerosas previsións do Plan Estratéxico 2010-2014

O plan do Goberno galego prevé un crecemento económico anual por riba do 2,5% do PIB, a creación de máis de 100.000 novos empregos, a redución en 100.000 persoas en risco de pobreza, ademais de converxer 8 puntos coa UE e 5 con España. Ou que o investimento en I+D supere o 1,7% do PIB. Números moi optimistas, sobre todo se temos en conta que nos últimos cinco anos estes indicadores non melloraron, senón que empeoraron, incumprindo amplamente as igualmente optimistas previsións do Plan Estratéxico 2010-2014. Desta volta, ademais, aínda que as previsións para 2020 son xenerosas, están moi lonxe dos obxectivos que en 2010 se fixaron para o final da década. 

  2010 Previsión 2014 Previsión para 2020 (en 2010) Dato actual Nova previsión para 2020
PIB per cápita de Galicia en relación coa media dos 27 90% 95% 100% 87% 88%
Poboación empregada entre 20 e 64 anos 63% >65% >75% 58,18% 70%
Fracaso escolar 26% <20% <10% 20,1% 15%
Investimento en I+D 1% >1,5% >3% 0,88% 1,7%
Produción enerxías renovables sobre consumo total 13,8% 20% 30% 18,6% 30%

 

Optimismo nos obxectivos

No Plan Estratéxico debúllanse unha serie de liñas de actuación en ámbitos diversos, e tamén fíxanse determinados obxectivos e valores que se esperan acadar de aquí a catro anos. Algúns son particularmente optimistas, sobre todo se temos en conta a evolución seguida nos últimos anos. Dise, por exemplo, que a taxa de natalidade (actualmente no 7,2 por 1000, descendendo dende o 8 por 1000 do ano 2010) crecerá ata o 10,4, acadando unha media de 2,1 fillos por muller (hoxe no 1,1). Ou que a porcentaxe de residuos domésticos recollidos selectivamente (hoxe no 15,5%) practicamente se duplicará (27,3%).

Dise, por exemplo, que a taxa de natalidade (actualmente no 7,2 por 1000, descendendo dende o 8 por 1000 do ano 2010) crecerá ata o 10,4, acadando unha media de 2,1 fillos por muller (hoxe no 1,1)

Outros indicadores, pola contra, son moito menos ambiciosos. Neste grupo podemos citar, por exemplo, o tempo de medio de espera cirúrxica nas patoloxías de tipo 1, hoxe nos 20,3 días, e que a Xunta espera que en 2020 estea por debaixo de 30. Ou a taxa de risco de pobrez ou exclusión social, hoxe no 22,8% e que o Goberno galego prevé reducir unicamente ata o 19,9% en 2020.

 

Capa do Plan Estratéxico 2015-2020 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.