CxG propón unha ducia de medidas urxentes para a creación de emprego

Xoán Bascuas e Xulia Guntin na presentación do documento Dominio Público Praza Pública

Compromiso por Galicia presenta unha Proposta de medidas urxentes para a creación de emprego en Galicia. A formación pon o énfase na aposta polo emprendemento e a solución ao impagamento da administracións e propón a creación dun contrato de inserción laboral para mozos recen titulados, parados de longa duración e desempregados con perfis específicos. Tamén se aposta polo lanzamento dun Plan de Investimento Verde dirixido á creación de emprego e ao impulso das enerxías limpas, que conteña "un ambicioso plan de aforro enerxético, con incidencia inmediata na infraestrutura pública". Como medidas de financiamento inmediatas, a formación galeguista aposta pola creación dun imposto autonómico ás vivendas baleiras ou instar ao Estado a transferir as competencías normativas e de redacción sobre o imposto sobre depósitos bancarios.

Propón a creación dun contrato de inserción laboral para mozos recen titulados, parados de longa duración e desempregados con perfis específicos

En primeiro lugar o documento prevé un plan urxente de ordenamento das políticas activas contra o desemprego, baseado na priorización da orientación a desempregados, a coordinación no mesmo servizo de todas as medidas de orientación laboral e a posta en marcha de planos de formación especializados en convenio co sistema público de educación. Propón igualmente a creación dun contrato de inserción laboral para mozos recén titulados, parados de longa duración e desempregados con perfis específicos. Este contrato tería unha duración de 15 meses e un período de formación previo de 3 meses (ao abeiro dun plan de formación específico). Estaría financiado ao 50% entre a Xunta de Galicia e as empresas interesadas e tería unha remuneración bruta mínima de mil euros mensuais. 

Compromiso pon o énfase tamén no impulso ao emprendemento, coa creación de novas figuras de dedución fiscal para o emprendemento a e eliminación de taxas e outros tributos

Compromiso pon o énfase tamén no impulso ao emprendemento, coa creación de novas figuras de dedución fiscal para o emprendemento a e eliminación de taxas e outros tributos de titularidade autonómica para as empresas de nova creación e autoempregados durante o primeiro ano da súa actividade. Así mesmo, demanda a creación da xanela única do emprendedor, lugar no que efectuar todas as xestións necesarias ante as diferentes administracións para a posta en marcha dunha empresa ou actividade económica, facilitando a intendencia administrativa previa ao comezo da actividade. Pide igualmente a creación dun Fondo de Investimento para apoio ao emprendemento financiado por achegas deducibles/bonificables no IRPF, a captación de fondos de investimento, business angels e capital risco privados.

Así mesmo, quere que exista un labor de asesoramento en materia de creación e xestión empresarial para os novos emprendedores, aproveitando as unidades existentes no Sistema Universitario Galego. A isto sumaríase unha axuda directa de 6000€ para a creación de empresas por parte dos menores de 35 anos de idade e unha axuda de 2000€ por cada emprego creado no primeiro ano de vida da empresa. Todo dando prioridade a aqueles sectores máis traballo-intensivos e aqueles vinculados co coñecemento, nomeadamente TIC e coas industrias creativas e culturais.

Pide que se solucione o impagamento da administracións. En primeiro lugar, a través do impulso dun plano de resolución de facturas impagadas por parte das administracións galegas e tamén pola solución, a través de canles de crédito, á falta de liquidez provocada polo impagamento de facturas, e polo abono do seu correspondente IVE á administración. Propón tamén a creación de plans especiais de dinamización do medio rural, que promovan a incorporación de persoas en desemprego ao mundo laboral a través do coidado de persoas dependentes e accións de desenvolvemento medioambiental.

Propón tamén a creación de plans especiais de dinamización do medio rural

O documento de CxF finalmente incorpora a proposta de catro medidas de financiamento inmediatas:

  1. Incremento dos tipos impositivos ás rendas elevadas no tramo autonómico do IRPF.
  2. Instar á administración do Estado a transferir competencias normativas e de recadación sobre o imposto sobre depósitos bancarios.
  3. Posta en marcha de novas figuras de tributación ambiental.
  4. Creación dun imposto autonómico ás vivendas baleiras.
Xoán Bascuas e Xulia Guntin na presentación do documento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.