Dende o 2009 destruíronse o 21% dos empregos no sector primario

Evolución do número total de traballadores/as afiliados/as á Seguridade Social no sector primario Dominio Público Praza Pública

Dende o ano 2009 o número total de traballadores e traballadoras ocupadas no sector primario en Galicia reduciuse nun 21%, caendo dende as 73.823 ata as 58.271 rexistradas o 31 de decembro de 2016, segundo datos do IGE. O descenso foi especialmente acentuado ata decembro de 2013 (12.500 menos en só catro anos), pero a destrución de emprego -aínda que ralentizada- non se detivo dende entón, con tres mil afiliacións menos nos últimos tres anos.

"Galicia progresa cando o seu sector primario progresa", proclamou Núñez Feijoo na campaña electoral

"Se os galegos queren, este mesmo luns comezará a lexislatura do rural", afirmou Alberto Núñez Feijoo nos últimos días da campaña electoral que o pasado mes de setembro o levou a repetir a súa maioría absoluta. Naquel acto, celebrado no Saviñao, o presidente da Xunta asegurou que "o rural está no ADN de Galicia porque é a forma de vida que levamos dentro os galegos", mentres facía un retrato moi optimista da situación do sector primario concluíndo que "Galicia progresa cando o seu sector primario progresa".

Dende logo os últimos sete anos non ofrecen datos para o optimismo no que respecta ao emprego. En dez comarcas, todas do sur de Galicia, a destrución de postos de traballo superou o 30%, destacando os casos de Terra de Celanova e O Carballiño en Ourense e O Condado, Caldas e Tabeirós-Terra de Montes en Pontevedra. Pola contra, Arzúa e Terras de Melide foron as comarcas cun mellor comportamento do emprego no sector primario, as únicas con caídas por debaixo do 10%.

En nove comarcas, todas do sur de Galicia, a destrución de postos de traballo superou o 30%, destacando os casos de Terra de Celanova, O Carballiño, O Condado, Caldas e Tabeirós-Terra de Montes

A situación dos dous últimos anos tampouco é boa. O descenso no número de afiliacións é menor, pero continúa. De feito, 47 das 53 comarcas seguiron a perder empregos no sector primario. Tabeirós-Terra de Montes, Terra de Soneira, Eume, Ortegal, Terra de Caldelas, Bergantiños, O Sar e Chantada encabezan as perdas dende decembro de 2014.

Como curiosidade, O Saviñao, o lugar dende o que Núñez Feijoo proclamou que "Galicia non merece un presidente que o vexa todo negro", perdeu dende o 2009 85 dos seus 392 empregos no sector primario, 27 deles nos últimos dous anos. 

Segue habendo, con todo, unha Galicia na que o sector primario ten un peso determinante nas economías locais. Porén, a porcentaxe de persoas ocupadas na agricultura, gandaría e silvicultura ou na pesca e marisqueo descendeu nos dous últimos anos en practicamente todos os concellos do país. 

O peso no emprego do sector primario pasou do 6,7% en decembro de 2014, ao 6,4% en decembro de 2015 e ao 6,2% en decembro de 2016

O peso no emprego do sector primario pasou do 6,7% en decembro de 2014, ao 6,4% en decembro de 2015 e ao 6,2% en decembro de 2016 (4,3% no sector agrogandeiro e o 1,9% na pesca). En concellos agrícolas ou gandeiros coma A Capela (do 20.3% ao 16.9%), Forcarei (do 18.6% ao 15.6%), Porqueira (do 21.8% ao 18.3%), A Veiga (do 16.3% ao 12.7%), Ribeira de Piquín (do 28.9% ao 23.3%), Sandiás (do 22.6% ao 19%), Castro Caldelas (do 15.3% ao 13.1%), A Teixeira (do 20.2% ao 16.7%) ou A Pobra do Brollón (do 22.7% ao 19.7%) a porcentaxe de persoas traballando nestas actividades caeu varios puntos en só dous anos.

O mapa permite apreciar o peso do emprego na agricultura e gandaría na parte central da provincia de Lugo, unha boa parte da de Ourense e varias comarcas do interior da provincia da Coruña e do nordeste da de Pontevedra.

Na pesca e no marisqueo tamén houbo descensos xeneralizados no emprego. Chaman a atención os casos de Malpica (do 11.7% ao 7.5%), Porto do Son (14.9% ao 12%) ou Camariñas (do 26.6% ao 21.5%). 

Na pesca e no marisqueo tamén houbo descensos xeneralizados no emprego

Pesca e marisqueo teñen un gran peso no emprego nas comarcas litorais, especialmente no Barbanza, Costa da Morte, no Morrazo, en Muros e Noia, Ortegal e na Mariña lucense. 

Evolución do número total de traballadores/as afiliados/as á Seguridade Social no sector primario Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.