Denuncian a proliferación dos 'minijobs' na Xunta

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

A CIG denuncia que a Xunta emprega de forma reiterada bolsas de formación dirixidas a mozas e mozos universitarios cun alto grao de cualificación para facer todo tipo de traballos correspodentes aos empregados públicos e mesmo o traballo de persoal de Gabinete. Segundo o sindicato "estas bolsas aprovéitanse da necesidade e desesperación dos nosos mozos e mozas universitarias cun alto grao de cualificación que non atopan outro traballo na nosa terra". Cita o caso concreto da Dirección Xeral de Comercio, que vén de publicar no DOG a resolución de concesión de 4 bolsas de “formación”. Porén, o sindicato asegura que estes minijobs "foron sempre moi empregados na Xunta por outros organismos ou centros, entre os que atopábamos a Secretaría Xeral de Universidades, a extinta Dirección Xeral de I+D+I, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e mesmo a Asesoría Xurídica Xeral".

A CIG denuncia que a Xunta emprega de forma reiterada bolsas de formación dirixidas a mozas e mozos universitarios cun alto grao de cualificación para facer todo tipo de traballos correspodentes aos empregados públicos e mesmo o traballo de persoal de Gabinete

As devanditas bolsas de Comercio veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. En 2010 convocáronse 8 bolsas cunha retribución bruta de 1.300. Actualmente as retribucións son de 900€ e as persoas bolseiras teñen que pagar do seu peto tanto un seguro de saúde como de accidentes laborais. Segundo o sindicato, o traballo que desenvolven estas mozas e mozos baixo esta condición de "bolseiros" adoita enmarcarse nas funcións de “chicos/as para todo”. A central asegura que "a súa etapa de formación soe durar días ou mesmo horas e acaban pasando polos distintos departamentos ou servizos botando unha man no que faga falta” mentres que "se deixa aparcadas nun curruncho a determinadas empregadas e empregados públicos que non gozan da suficiente confianza”.

A CIG denuncia que deste xeito a Xunta "consegue man de obra barata e sumamente obediente"

A CIG denuncia que deste xeito a Xunta "consegue man de obra barata e sumamente obediente" e afirma que "a Xunta volve a crear o caldo de cultivo ideal para denuncias por cesión ilegal e fraude laboral cuxas consecuencias económicas acabará asumindo a cidadanía".

Edificios administrativos de San Caetano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.