Dos concellos de 'xerentes' aos de 'ocupacións elementais': onde vive a Galicia que traballa

Mapas co peso porcentual do persoal de diferentes categorías laborais en cada concello sobre unha imaxe de traballadores contratados polo Concello da Cañiza © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Concello da Cañiza

A categoría laboral superior, a dos directores e xerentes, acada porcentaxes máis elevadas nos concellos das contornas das grandes cidades como Mondariz-Balneario, Oleiros ou Nigrán. Tamén en localidades costeiras como Sanxenxo ou O Grove

O Censo do Instituto Nacional de Estatística, que dende o 2021 se actualiza anualmente, inclúe detallada información sobre a ocupación profesional da cidadanía, indicadores que permiten trazar perfís diferenciados en función do sexo, a nacionalidade, a idade ou o lugar de residencia. Neste senso, hai concellos cunha singular concentración dunha determinada categoría laboral? Hai concellos de xerentes? Hainos de traballadores non calificados? E de operadores de maquinaria? E de persoal dos servizos de restauración?

Os datos correspondentes ao ano 2023, último dispoñible, publicados hai uns meses, debuxan unha vez máis varias Galicias en función do peso que en cada concello ten cada ámbito de actividade e categoría laboral, que aparecen coa súa denominación oficial, empregando sempre en exclusiva a denominación masculina como xenérica.

Observando en primeiro lugar a categoría laboral superior, a dos directores e xerentes, vemos que estes, sendo un grupo minoritario -só superan o 5% dos traballadores nunha vintena de concellos- acadan porcentaxes máis elevadas especialmente en localidades das contornas das grandes cidades como Mondariz-Balneario, Oleiros ou Nigrán. Tamén en localidades costeiras como Sanxenxo ou O Grove. E noutras, como A Pontenova ou Meira.

Os técnicos e profesionais científicos e intelectuais destacan especialmente nas sete cidades, nomeadamente en Santiago (32% de todos os traballadores), ademais de Oleiros, Ames, Teo ou Brión, nas contornas urbanas

Os técnicos e profesionais científicos e intelectuais destacan especialmente nas sete cidades, nomeadamente en Santiago (32% de todos os traballadores), ademais de Oleiros, Ames, Teo ou Brión, nas contornas urbanas.

Os técnicos e profesionais de apoio son máis tamén nas cidades e áreas metropolitanas, roldando o 13% en Vigo e na Coruña e nas súas contornas.

O mesmo sucede cos empregados contables e administrativos, de novo concentrados nas cidades, especialmente na da Coruña (12%) e en varios concellos da súa área metropolitana.

Moi distinta é a distribución do persoal de restauración, protección e vendedores, que acada as porcentaxes máis elevadas no sur provincia de Ourense (34% en Lobios), pero que tamén se achega ao 30% en moitos concellos da Ribeira Sacra, O Salnés, Ferrolterra, O Ribeiro ou A Mariña. 

Pola súa banda, os traballadores calificados da industria manufactureira e da construción acadan as maiores porcentaxes en Bergantiños e a Costa da Morte

Os traballadores calificados no sector agrícola, gandeiro, forestal ou pequeiro son máis no Deza (Rodeiro e Dozón), na Illa de Arousa e en boa parte das zonas rurais do centro da provincia de Lugo.

Pola súa banda, os traballadores calificados da industria manufactureira e da construción acadan as maiores porcentaxes en Bergantiños e a Costa da Morte, tamén no Barbanza e en varias comarcas da provincia de Pontevedra. Mentres, os operadores de instalacións e maquinaria destacan no Concello de Carballeda de Valdeorras, onde supoñen o 20% dos ocupados.

Finalmente, as ocupacións elementais teñen máis peso relativo nas zonas rurais, destacando o Concello de Avión, pero tamén outros como Sarreaus, Vilariño de Conso ou San Amaro. E, igualmente, en localidades industriais como Arteixo e Cerceda.

Traballos de homes e traballos de mulleres

Hai traballos masculinos? E femininos? Sería desexable dicir que non, pero aínda que a igualdade vai chegando aos poucos a todos os ámbitos de actividade, segue a haber empregos (moitos) moi marcados polo xénero das persoas que os realizan

Hai traballos masculinos? E femininos? Sería desexable dicir que non, pero aínda que a igualdade vai chegando aos poucos a todos os ámbitos de actividade, segue a haber empregos (moitos) moi marcados polo xénero das persoas que os realizan. Os datos de ocupación que se derivan da información do Censo amosan, por exemplo, que en Galicia o 97,9% dos empregados domésticos son mulleres, ou o 85,7% dos traballadores dos coidados ás persoas en servizos de saúde e o 93,1% das persoas que realizan outros traballos dos coidados ás persoas.

Sucede o mesmo cos caixeiros, persoas que realizan traballos de atención directa ao público por exemplo en supermercados (o 85% son mulleres), cos dependentes en tendas e almacéns (o 75% son mulleres) e cos empregados de axencias de viaxes, recepcionistas e telefonistas (o 69,8% son mulleres). Teñen sexo feminino tamén o 74,4% dos profesionais da saúde e o 70,5% dos profesionais do ensino infantil, primaria, secundaria e postsecundaria, é dicir do persoal docente.

E, pola contra, en que traballos os homes son maioría en Galicia? Os peóns da construción e da minería son homes nun 95,7% dos casos, tamén son homes o 94,2% dos soldadores, chapistas, montadores de estruturas metálicas, o 95,3% dos traballadores en obras estruturais de construción, o 92% dos mecánicos e axustadores de maquinaria, o 92% dos traballadores especializados en electricidade.

As traballadoras de coidados e do fogar, as caixeiras, ensinantes e profesionais da saúde son maioritariamente mulleres. Os traballadores da construción, industriais, condutores, forestais e os técnicos científicos e tecnolóxico con maioritariamente homes

Igualmente, hai unha clara maioría masculina entre os condutores de vehículos para o transporte urbano ou por estrada (89,9%), nos traballadores dos servizos de protección e seguridade (85,3%), nos peóns do transporte, descargadores e repoñedores (79,6%) ou nos traballadores cualificados en actividades forestais, pesqueiras e cinexéticas (78%). E, ollo, mantense o carácter masculino das actividades tecnolóxicas ou científicas, pois o 77,8% dos técnicos das tecnoloxías da información e as comunicacións son homes, o mesmo que o 77% dos técnicos das ciencias e das enxeñarías.

Hai algunha actividade nas que a distribución por sexos sexa máis ou menos homoxénea? Pois, afortunadamente, si, hai bastantes. Tendo en conta que o 51% das persoas ocupadas en Galicia son homes e o 49% son mulleres, hai un amplo grupo de actividades que se achegan a ese dato. Profesionais en dereito (58,8% de mulleres), empregados de bibliotecas e servizos de correos (53,6% de mulleres), traballadores da industria da alimentación (53,3% de mulleres), camareiros e cociñeiros propietarios (51,5% de mulleres), traballadores cualificados en actividades gandeiras (52,6% de homes) e agrícolas (53,7% de homes), ou profesionais da cultura e o espectáculo (53,2% de homes).

Os traballos das persoas estranxeiras

Os traballadores con nacionalidade estranxeira eran en 2023 o 4,4% do total, pero a porcentaxe era moi superior no persoal doméstico, na hostalaría ou no sector primario

Os datos de ocupación recollidos no censo amosan tamén grandes diferenzas en función da nacionalidade dos traballadores e traballadoras. No ano 2023 as persoas con nacionalidade estranxeira supuñan o 4,4% (no total da poboación galega eran o 5,16%), un dato sensiblemente inferior ao das persoas nacidas no estranxeiro, que en Galicia supuñan en 2023 o 10,5%.

Fronte a esa porcentaxe total dun 4,4% de persoas ocupadas con nacionalidade estranxeira, en certas actividades a proporción era sensiblemente superior. É o caso das actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico e das actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio, unha categoría na que o peso dos traballadores estranxeiros era catro veces superior (o 17,6%). Tamén da hostalaría (un 11,4% de traballadores estranxeiros), dúas veces e media por riba da media. Ou da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (7,6%).

A ausencia de información máis detallada para Galicia (só se ofrecen os datos en categorías máis xerais) impide coñecer a porcentaxe de persoas estranxeiras que realizan o seu traballo como empregados domésticos  (no conxunto do Estado é o 43,5%), como peóns agrarios, forestais e da pesca (39,6% no conxunto de España) ou como traballadores asalariados dos servizos de restauración (22,6% no dato global para todo o Estado)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.