Dous economistas advirten no Financial Times que "o tempo acaba" para España

O artigo afirma que "os españois necesitan que se lles diga cal é a situación real" © FT

"Rajoy tivo éxito durante décadas na política deixando que o tempo actuase sobre as cousas. Parece crer que os problemas non se solucionan, senón que se disolven con paciencia"

Os economistas Jesús Fernández-Villaverde e Luis Garicano -profesores da Universidade de Pensilvania e da London School of Economics- publican este luns un duro artigo no Financial Times no que advirten que "o tempo acaba" para España e no que urxen reformas profundas, máis aló dos recortes, acusando a Rajoy de inactividade e de crer que os problemas se resolven por si mesmos: "Rajoy tivo éxito durante décadas na política deixando que o tempo actuase sobre as cousas. Parece crer que os problemas non se solucionan, senón que se disolven con paciencia. O seu goberno veu aplicando esta fórmula á crise da eurozona con resultados catastróficos".

Fernández-Villaverde e Garicano afirman que "esta estratexia é un camiño a ningures" e denuncian que "a austeridade está entorpecendo o apoio ás reformas, pois os votantes non perceben diferenza entre os recortes e as reformas estruturais"

Fernández-Villaverde e Garicano afirman que "esta estratexia é un camiño a ningures" e denuncian que "a austeridade está entorpecendo o apoio ás reformas, pois os votantes non perceben diferenza entre os recortes e as reformas estruturais". Os economistas fan un balance moi negativo da situación, co incremento do desemprego, o aumento das débedas impagadas e o descenso dos depósitos bancarios. Tamén alertan de que o peso de España na Unión Europea descende: "a súa estratexia pasou por obter o apoio financeiro incondicional de Europa a través da ameaza de que poderían facer caer o euro. Foi un bluff. Non podes retar a alguén cando conduces un coche e o teu opoñente ten un tanque".

Conclúen afirmando que "os españois necesitan que se lles diga cal é a situación real"

Rexeitan que a saída de España do euro fose unha boa solución e ven sinais de esperanza no progresivo maior apoio do BCE a España e Italia, pero para a solución da crise esíxenlle a Rajoy reformas estruturais que faciliten a creación de emprego e que inclúan unha reforma fiscal con obxectivos a longo prazo. Conclúen afirmando que "os españois necesitan que se lles diga cal é a situación real".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.