Draghi dá un novo pau aos afectados polas preferentes

Mario Draghi CC-BY Parlamento Europeo

O Banco Central Europeo non está de acordo co plan do Goberno español para darlle liquidez ás preferentes. Un ditame do seu presidente, Mario Draghi, censura con dureza as modificacións realizadas polo Executivo sobre o Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), que prevén que se destine diñeiro deste fondo á compra das accións que recibirán os afectados logo da quita.

Draghi cre que a compra de accións de NGB por parte do FGD "é contraria" á idea principal de que "conte cun patrimonio de elevada liquidez"

O documento do pasado 10 de abril analiza o proxecto de Real Decreto do Goberno español sobre medidas de liquidez das Administracións Públicas. No informe Draghi amosa o seu rexeitamento ao cambio nas normas de investimento do FGD para que este poida "mercar accións de entidades non cotizadas", en referencia a Novagalicia Banco e Catalunya Banc. "O BCE considera que a proxectada adquisición de accións de entidades non admitidas a cotización é contraria a ese principio prudencial de contar cun patrimonio de elevada liquidez e desaconsella modificar as normas de investimento de aplicación ao FGD que permitan esas adquisicións", di con claridade.

O BCE insiste en que a "función principal" do FGD é a protección do aforro dos clientes, pero non se refire ao dos afectados polos preferentes, aos que considera investidores. A súa idea é que esta reforma non saia adiante, pero o Congreso xa a convalidou o pasado xoves co apoio do PP e doutros partidos conservadores (CiU, UPN e Foro Asturias.

A idea do Ministerio de Economía é que aos afectados polas preferentes de Novagalicia (e Catalunya Banc) se lles entreguen accións da entidade a cambio da aplicación da quita, que de media chega ao 43% no caso galego. O responsable de financiar estes títulos é precisamente o FGD grazas a unha derrama extraordinaria dos bancos que estaría entre os 1.500 e os 2.000 millóns, unha medida que non contenta a grandes como o Santander ou o BBVA. Agora, o BCE deixa claro que non ve con bos ollos que o FGD perda liquidez para intentar poñerlle un parche ao problema das preferentes, xa que entende que se está a poñer en perigo a protección dos depósitos.

O BCE cre prioritario "repoñer os recursos do FGD" antes que "beneficiar os investidores minoristas"

"Debe examinarse ademais a conveniencia de usar os recursos limitados do FGD en beneficio dos investidores minoristas en lugar de dstinalos a outros fins de estabilidade financeira, como repoñer os recursos do FGD e reforzar así a confianza do mercado na capacidade deste para levar a cabo a súa función principal", insiste Draghi, que ve unha "alternativa": que as entidades "restableza as súas reservas de capital" en lugar de poñer máis cartos no fondo.

Do mesmo xeito, o BCE cre "esencial" esa segunda quita que sufrirán os afectados coa compra destes títulos. Considéraa básica para que o prezo sexa "xusto" no "marco dos exercicios de responsabilidade subordinada". "A falta de cotización, o prezo debe ser o prezo do mercado inferido, é dicir, baseado na valoración económica da entidade só como punto de partida", insiste, ao aclarar que se debe evitar que os accionistas dos bancos cotizados sexan os desfavorecidos.

Draghi tamén é moi crítico co feito de que os bancos que participen no denominado banco malo, o Sareb, acheguen menos diñeiro ao FGD. "Non é necesario eximir do pago da achega extraordinaria ao GD a entidades que decidiron investir no Sareb por razóns de negocio", remata o BCE.

Manifestación de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG
Mario Draghi CC-BY Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.