E se me desenchufo da rede eléctrica?

Paneis solares nunha vivenda © http://nergiza.com/

Os continuos incrementos do prezo da electricidade (arredor do 70% nos últimos cinco anos) están provocando que cada vez máis persoas se interesen polas posibilidades do autoconsumo eléctrico, a través de paneis fotovoltaicos ou unha pequena instalación eólica. Recentemente o Goberno impuxo un novo obstáculo ao autoconsumo nos fogares, aprobando unha peaxe de respaldo que as persoas que xeren enerxía na súa propia casa lle deben pagar ás compañías. Esta peaxe sitúase entre 4 e 9 céntimos por cada kWh xerado por unha instalación fotovoltaica para consumo propio, pero só se cobra se a vivenda está conectada á rede eléctrica.

É posible estar completamente desconectado da rede, xerando enerxía para o consumo propio e, a través de baterías de acumulación, conservar enerxía

Porén, é posible estar completamente desconectado da rede, xerando enerxía para o consumo propio e, a través de baterías de acumulación, conservar enerxía para os momentos nos que a instalación caseira non sexa capaz de xerar a suficiente (nos meses de inverno, no caso das placas fotovoltaicas). Abonda con rexistrar a instalación no departamento de Industria correspondente, que certificará a súa seguridade a través dun trámite sinxelo e case automático. Iso si, no caso de non estar rexistrado, a lei prevé fortes multas.

O blog Nergiza.com realizou un cálculo das potencias e custes necesarios para a construción dunha estrutura fotovoltaica de autoconsumo nunha vivenda estándar, cun consumo de 161kWh ao mes. Tendo en conta unha profundidade de descarga das baterías do 50% e outros parámetros, calculou que sería necesaria unha potencia instalada de 2.250W, que cos paneis (nove placas de 250w), as baterías e outros elementos imprescindibles elevarían o prezo até os 5.500 euros, e a instalación até os 1.500, deixando un total de 7.000 euros.

Os paneis (nove placas de 250w), as baterías e outros elementos imprescindibles elevarían o prezo até os 5.500 euros, e a instalación até os 1.500, deixando un total de 7.000 euros

O blog propón mesmo realizar a instalación nun primeiro momento sen desconectarse da rede eléctrica "a xeito de proba", para logo desconectarse por completo. Nas súas simulacións, defende que a enerxía dispoñible acumulada nas baterías, mesmo durante decembro e xaneiro, sempre é positiva, polo que non hai perigo de quedar sen subministro en ningún momento. Tamén destaca que, en realidade, esta instalación xera un exceso de enerxía (para poder ter unha marxe de seguridade), que se pode aproveitar para quentar auga ou outros usos, incrementando o aforro.

Nos seus cálculos, sinala que esta alternativa supón un aforro de 43 euros ao mes, uns 512 ao ano, polo que cos actuais prezos da electricidade o custe da instalación sería completamente amortizado en 13 anos. Porén, salienta que, dado que é previsible que os prezos sigan crecendo moi por riba do IPC, a amortización podería chegar antes dos dez anos.

 

Agasallo a Iberdrola

A árbore de 75 metros de altura e 40 metros de ancho simboliza "a posibilidade de desconectarse da electricidade producida polas grandes empresas do sector eléctrico"

O pasado sábado 21 de decembro un grupo de activistas de Amigos da Terra levaron a cabo unha acción "para denunciar as políticas a favor das grandes eléctricas españolas". Escaladores da organización ecoloxista representaron unha árbore de nadal cuxa silueta está delimitada por lámpadas led fotovoltaicas na parede, de 150 m de alto, da montaña Pena Rubia, xunto ao Encoro de Santo Estevo do Sil. A árbore de 75 metros de altura e 40 metros de ancho simboliza "a posibilidade de desconectarse da electricidade producida polas grandes empresas do sector eléctrico". Con esta acción Amigos da Terra e Anpier (Asociación Nacional de Produtores de Enerxía Fotovoltaica), queren tamén "reclamar unhas políticas enerxéticas que fomenten as renovables e unha enerxía descentralizada".

A acción desenvolvida xunto ao encoro propiedade de Iberdrola, que conta coa maior instalación en potencia de Galicia (400 MW), tamén busca trasladarlle á opinión pública "a realidade de custos e beneficios", pois producir 1 MW nunha central hidroeléctrica (que abastece de enerxía a preto de mil vivendas) custa 3 euros, "mentres están a cobralo a 65,9 € (CNE ano 2008), o que permite uns beneficios do 2.200%".

Amigos da Terra tamén denunciou a "permisividade" que as distintas administracións teñen con Iberdrola, "á que se lle permite saltar moita normativa ambiental". "É intolerable que a sociedade, ben como consumidora, ben como autoprodutora de enerxía, teña que cargar cuns custos que non lle corresponden. Á súa vez é inadmisible que o Estado apoie unhas políticas á medida das grandes eléctricas, en vez de lexislar para toda a cidadanía," destaca neste senso Pedro Díaz.

Desmontarán as lámpadas fotovoltaicas instaladas fronte ao encoro e estas serán obsequiadas a Iberdrola, "nun acto simbólico que representa o repudio pola actuación do oligopolio enerxético reinante en España"

Nos vindeiros días Amigos da Terra realizaralle un agasallo a Iberdrola, "felicitándolle o Nadal, polo logro de influír no Goberno para que as enerxías renovables paguen a peaxe de respaldo impedindo o seu desenvolvemento, e en moitos casos, a quebra". Así, desmontarán as lámpadas fotovoltaicas instaladas fronte ao encoro e estas serán obsequiadas a Iberdrola, "nun acto simbólico que representa o repudio pola actuación do oligopolio enerxético reinante en España". O transporte das lámpadas será en bicicleta dende o Encoro de San Estevo do Sil ata a sede Central de Iberdrola, en Bilbao. Con iso preténdese ampliar o alcance da mensaxe non so á electricidade senón á mobilidade sostible, impacto ambiental (redución dos gases de efecto invernadoiro), e eficiencia enerxética.

'Árbore fotovoltaica' instalada xunto ao Encoro de Santo Estevo do Sil © Amigos da Terra
Paneis solares nunha vivenda © http://nergiza.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.