Do 8 ao 15 de outubro celébrase a Semana de Acción Global contra a Débeda e as Institucións Financeiras Internacionais, na que participa, de forma destacada, a Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda (PACD). Vanse levar a cabo numerosas actividades en varios puntos de España para denunciar a ilexitimidade da débeda e os recortes. A Semana da Débeda, que vai xa pola súa séptima edición, celébrase conmemorando o asesinato de Thomas Sankara, presidente de Burkina Faso, quen xa denunciou en 1987 que o pago da débeda "expreme a poboación para enriquecer unha minoría".
Este 12 de outubro está convocado un pasarrúas polo centro de Ourense, a partir das 19 horas
En Galicia as actividades concentraranse na Coruña, Ourense e Ribadeo, onde xa nos últimos días se viñeron realizando debates, conferencias e proxeccións de documentais. Este 12 de outubro está convocada unha concentración na Coruña, no Campo da Leña, a partir das 12 horas, e tamén un pasarrúas polo centro de Ourense, a partir das 19 horas. A PACD quere aproveitar tamén a Semana da Débeda para “ofrecer á poboación a posibilidade de unirse ao proceso de Auditoría Cidadá iniciado no noso país hai máis de ano e medio”.
Roberto Laxe, un dos voceiros da PACD galega, destaca que o obxectivo é "explicarlle á poboación cales son as ligazóns entre as políticas de austeridade e os recortes e o pago da débeda" e salienta que a débeda do Estado español, dun billón de euros, equivalente ao total do PIB, é "unha débeda case impagable, teríamos que traballar un ano gratis para pagala". Laxe sitúa a orixe do actual problema da débeda no tratado de Maastricht, que lles impón aos estados membros da UE o financiamento a través dos mercados financeiros, "non permitindo que o BCE financie directamente os estados, polo cal créase un negocio redondo para os bancos, que mercan diñeiro moi barato no BCE e véndenllo máis caro aos estados". Laxe recoñece que ás veces é "difícil" explicar estes mecanismos, de carácter técnico, pero que "o que é seguro é que a xente percibe as súas consecuencias: os recortes, o peche de hospitais e escolas, a redución das bolsas".
Laxe subliña que "a débeda ten un carácter estrutural", pois "atenta contra o sistema que estamos defendendo todos de estado de benestar, con servizos sociais públicos". Láiase de que "ás veces partidos políticos que están a favor do impago da débeda non asumen a tarefa de traballar unitariamente para levar ao conxunto dos traballadores e da cidadanía a necesidade de esixir o “non debemos, non pagamos”, é dicir, que é unha débeda ilexítima, unha débeda que nós non xeramos e polo tanto non temos que pagar nada". E fai un chamamento á "unidade", á "unidade fraterna, sen sectarismos e sen institucionalismos, na rúa e explicándollo á poboación".
O pago de xuros da débeda previsto para 2014 será seis veces maior que o destinado a I+D+i (5.633 millones de euros), 25 veces o destinado a bolsas (1.413)
O pago dos intereses, 6 veces o investimento en I+D+i
Dende a PACD destácase que “no contexto actual, de recortes e austeridade, é de vital importancia continuar coas mobilizacións de denuncia da lacra da débeda, tanto no noso país coma fóra das nosas fronteiras”. No Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado, aprobado polo Consello de Ministros do pasado 27 de setembro, o pago dos xuros da débeda acadará os 36.590 millóns de euros. Só entre 2008 e 2012 teñense destinado 113.156 millóns de euros a pagar xuros, e por exemplo o pago de xuros da débeda previsto para 2014 será seis veces maior que o destinado a I+D+i (5.633 millones de euros), 25 veces o destinado a bolsas (1.413), 47 veces maior que o orzamentado para vivenda (770 millóns de euros) e 451 veces o que se dedicará a cultura (81). "Esta situación é absolutamente inxusta. É unha loucura recortar en gasto social para pagar unha débeda que beneficia á banca e ás grandes empresas", afirman dende a Plataforma.
A PACD tamén destaca que “os recortes e reformas impulsadas polo goberno, lonxe de reducir os niveis de débeda pública, non fixeron máis que incrementalos”. A débeda pública pasou do 41,1% do PIB no 2007 ao 101,9% a finais de 2012. Segundo o propio goberno, a débeda pública seguirá crecendo no 2014, en grande parte debido ao rescate do sector financeiro. E, segundo o FMI, non se estabilizará até 2018.
A PACD tamén destaca que “os recortes e reformas impulsadas polo goberno, lonxe de reducir os niveis de débeda pública, non fixeron máis que incrementalos”
Esta Semana da débeda servirá ademáis para visibilizar os froitos do traballo elaborado pola PACD ao longo do seu ano e medio de existencia. Vai ser presentado en Madrid e Sevilla o Informe dos Rescates á Banca, no que se explica, de maneira pormenorizada, como os distintos mecanismos de inxección de liquidez á banca repercuten na débeda pública. En Barcelona e Sevilla vaise presentar tamén o libro Por que non debemos pagar a débeda? Razóns e Alternativas (Editorial Icaria) no que se recolle o proceso de endebedamento do estado español, os impactos en sectores como a educación ou a sanidade, a relación entre débeda e empobrecemento da poboación, así como do concepto de débeda ilexítima e a proposta de auditoría cidadá da débeda. Durante a Semana da Débeda vaise facer público tamén o informe sobre o Sistema Fiscal e a Débeda, elaborado desde a PACD, e vai ser difundido o traballo realizado no ámbito municipal e autonómico.
Ademáis, a PACD súmase á acción internacional que, baixo o lema “Not our debt” (Non é a nosa débeda), pretende recoller a través das redes sociais accións internacionais, fotografías e mensaxes de persoas que, en todo o mundo, se unen ao grito unánime de rexeitamento a unha débeda que non contraeu a cidadanía e que en moitos casos presenta claros indicios de ilexitimidade.