Eduardo Garzón: "A cuestión é se o novo Goberno vai resistir ou se vai render ás esixencias da UE"

Eduardo Garzón CC-BY-NC-ND Ganemos Palencia

Dende hai un par de anos o economista Eduardo Garzón traballa na difusión dunha ambiciosa proposta de Traballo Garantido, que Esquerda Unida leva nos seus programas, unha iniciativa que consiste esencialmente en que o Estado lle garanta un emprego a todas as persoas que queiran traballar. Estes empregos estarían, primeiro, en todos aqueles labores que hoxe en día non se remuneran (comezando polos coidados), tamén no coidado e protección do territorio ou na rehabilitación de edificios e a súa adecuación ás esixencias de eficiencia enerxética. O custe total da medida sería de 21.000 millóns de euros, un 2,1% do PIB, cantidade inferior -destaca Garzón- ao que lle custou ao Estado rescatar a banca española (6,3% dende 2009 a 2012) e recuperable en boa medida a través de impostos e do propio impulso da economía.

Eduardo Garzón estivo este xoves en Ourense presentando a proposta. Falamos con el sobre ela, e tamén sobre o momento actual que vive a economía española, así coma sobre a política económica que se debuxa no horizonte inmediato, nun momento de negociacións para a formación do Goberno e de novas esixencias da UE.

"Isto está pensado inicialmente para economías con taxas de paro máis reducidas que a española. En España habería que facer moitas máis cousas, ademais do mecanismo de traballo garantido, para chegar ao pleno emprego"

En que consiste a proposta de traballo garantido?

A proposta ven sendo teorizada dende os anos 60 do século pasado, fundamentalmente por economistas estadounidenses. É unha proposta de política económica moi sinxela de definir: trátase de que o Estado ten a obriga de garantir un posto de traballo en condicións dignas e de carácter indefinido a todas aquelas persoas que queiran e poidan traballar. Calquera persoa que non atopara un emprego no sector privado ou no sector público convencional tería ese dereito, que podería estar recollido na Constitución. O obxectivo final é a consecución do pleno emprego nas sociedades actuais. É un obxectivo ambicioso pero que non ten por que acadarse da noite para a mañá, entre outras cousas porque isto está pensado inicialmente para economías con taxas de paro máis reducidas que a española. En España habería que facer moitas máis cousas, ademais do mecanismo de traballo garantido, para chegar ao pleno emprego.

Como se financiaría?

En canto ao financiamento, os teóricos do traballo garantido explican que non hai problema, en primeiro lugar porque as economías nas que se orixina a proposta teñen soberanía monetaria e poden crear a súa propia moeda e financiar todo o gasto público que necesiten. Es España, a existencia do euro é un problema neste senso, pero temos outros mecanismos: a creación de emprego non é un gasto per se, senón que é un investimento. A medida que vas creando postos de traballo, vas dinamizando a actividade económica e, polo tanto, vas recadando vía impostos boa parte do gastado no financiamento destes empregos. E, ao mesmo tempo, estás resolvendo ou paliando problemas derivados do desemprego que che custan moitos cartos: prestacións, axudas a familias sen recursos, gasto en policía para responder ao incremento da criminalidade...

"Hai moita xente que esta traballando, pero que non recibe remuneración, pero segue sendo traballo. A idea do traballo garantido, en boa medida, é pagar todo ese tipo de actividades, que son útiles para a sociedade"

Supoño que outra das preguntas ou das críticas que che fan habitualmente, ademais da do financiamento, é de onde saen eses empregos? Como se ofrece traballo nun país cunha taxa de paro de máis do 20%?

É unha pregunta recorrente, si: De verdade hai tanto traballo en España ou imos poñer a unha persoa a pintar unha parede unha e outra vez, aínda que non sexa necesario? Que agora mesmo non haxa empregos non quere dicir que non haxa traballo. Hai moita xente que esta traballando, pero que non recibe remuneración, pero segue sendo traballo. A idea do traballo garantido, en boa medida, é pagar todo ese tipo de actividades, que son útiles para a sociedade: unha persoa coidando os seus fillos ou familiares anciáns, ou a unha persoa discapacitada. E, ao mesmo tempo, quérese identificar novos traballos que serían útiles para a sociedade ou para o medio ambiente. Moitas cuestións relacionadas coa enerxía: temos moito traballo que facer para conseguir unha economía baseada nas enerxías renovables, como por exemplo a renovación de edificios para axustalos ás esixencias de eficiencia enerxética. Por último, moitas actividades de ámbito recreativo, cultural e de ocio, que tamén contribúen a que poidamos vivir mellor. A clave é que hai moita xente que quere e pode traballar e, ao tempo, moito traballo por desenvolver e que aínda non existe como emprego.

"Ao mesmo tempo que lle dás un traballo a unha persoa, estáslle dando a posibilidade de que se sinta útil, de que aprenda novos coñecementos, de que coñeza xente, de que socialice"

Como valoras iniciativas coma a renda básica universal, ou propostas coma as das rendas mínimas garantidas, que comparten o obxectivo final de ofrecer un sustento a toda a poboación, pero que difiren coa do traballo garantido no método? Son compatibles?

O obxectivo é practicamente o mesmo, que é garantir a existencia material de toda a xente: todas as persoas polo feito de naceren teñen o dereito de vivir, o dereito a non pasar fame. Pero hai diferenzas notables entre as propostas: cando a unha persoa lle das unha renda monetaria, non lle dás nada máis, e a pobreza non é só a ausencia dun ingreso monetario, senón tamén a falta de opción de participar na vida pública, o feito de non sentirse útil na sociedade e de non participar no colectivo. Ao mesmo tempo que lle dás un traballo a unha persoa, estáslle dando a posibilidade de que se sinta útil, de que aprenda novos coñecementos, de que coñeza xente, de que socialice. Creo que a proposta é compatible coas propostas de renda básica ou renda garantida, porque non imos chegar a unha sociedade de pleno emprego de forma inmediata. O ensino e a sanidade públicas son un exemplo de renda social non monetaria, e o mesmo podería ocorrer co dereito ao transporte, o dereito á enerxía e o dereito á vivenda.

Na túa charla de onte en Ourense destacaches o papel dos concellos na aplicación da iniciativa. Que papel teñen as entidades locais?

A proposta está pensada para ser executada a nivel municipal, porque aínda que o seu financiamento corresponde ao Estado central, como ente administrativo máis potente, a decisión, a xestión e o control desas actividades corresponde á propia sociedade civil, a nivel comunitario. De xeito que a cidadanía decida en asembleas a nivel local que necesidades hai que satisfacer nesa localidade.

"Da crise financeira tentouse saír dando unha patada cara adiante, dándolles aínda máis cartos aos bancos, para que o poñan en funcionamento. Pero isto non está sucedendo e o que fan é metelo de novo no ciclo financeiro, xerando unha nova burbulla"

Como analizas o escenario económico actual? Podemos dicir que a crise é cousa do pasado? Que ameazas se presentan no horizonte?

Eu aquí distinguiría dous ámbitos: o puramente económico e o social, que é para o que debería servir o económico. En termos macroeconómicos a cousa mellorou un pouco, diminuíu algo o desemprego, incrementouse algo o PIB, pero iso simplemente significa que rebotamos dende un punto moi baixo ao que chegáramos. Temos que preguntarnos se a renda que se está xerando está sendo distribuída, canto e que tipo de emprego se está creando, se se están resolvendo as grandes bolsas de pobreza que existen, etc. E a realidade é que neses aspectos apenas melloramos. E cando observamos as previsións a curto prazo, as perspectivas non poden ser boas. Non hai máis que ver o recente movemento do BCE, que reduciu aínda máis os tipos de interese, ata o 0%, o que nunca ocorrera. Hoxe atopamos situacións paradoxais, nas que por exemplo Suíza ten que pedirlles aos seus habitantes que paguen os impostos máis tarde, porque na actualidade o Estado está pagando intereses negativos por ter os cartos depositados en contas bancarias. Da crise financeira iniciada en 2007 e 2008 tentouse saír dando unha patada cara adiante, dándolles aínda máis cartos aos bancos, para que o poñan en funcionamento. Pero isto non está sucedendo e o que fan é metelo de novo no ciclo financeiro, especulando con activos e xerando unha nova burbulla. Isto estoupará nalgún momento, e xa estamos vendo algúns sinais, coma os de China ou Brasil, ou o tema do Deutsche Bank. E isto acabará por repercutir na economía real. Non son optimista, creo que máis tarde ou máis cedo isto nos levará a unha situación complicada.

"A cuestión aquí é se o Goberno que se forme vai ser capaz de resistir e de dar a batalla fronte a ese poder representado por Alemaña na UE ou se se van render ás súas esixencias"

Como valoras os programas, en política económica e social, que estas semanas se están presentando de cara a chegar a un acordo de investidura? Van na boa dirección? Responden ás necesidades reais da poboación?

O que vexo é moito circo e moito espectáculo á hora de presentar propostas, documentos que nin sequera foron debatidos, pola xente, nin sequera no interior das formacións políticas. Creo que son simplemente mensaxes que se están transmitindo por se acaso hai novas eleccións xerais; seguimos en campaña electoral e cada formación está xogando o seu papel. Dígoo ademais por outra cousa: xa vimos como PSOE e PP chegaron ao Goberno cun programa electoral que, ao cabo, foi papel mollado, porque se renderon ás ordes dunha Unión Europea moi esixente. A cuestión aquí é se o Goberno que se forme vai ser capaz de resistir fronte a ese poder representado por Alemaña na UE ou se se vai render ás súas esixencias. Ti podes ter moi boas ideas ou moi boas intencións, pero se despois te vas render ao que che esixan dende a UE sen presentar batalla, pois pouco se vai poder facer. Eu fixaríame máis nesa posición de rebeldía ou de submisión. Vexo claras algunhas cousas: PSOE e Ciudadanos non cuestionan nin sequera unha coma do que a UE ditou en política económica.

 

Eduardo Garzón CC-BY-NC-ND Ganemos Palencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.