Embargo ao patrimonio de Gayoso e Paredes por non depositar a fianza

Alberto Núñez Feijóo e Julio Fernández Gayoso © Xunta

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno vén de ordenar o embargo do patrimonio do ex presidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso e do ex director xeral adxunto executivo Javier García de Paredes, logo de que non depositasen as fianzas impostas en novembro de 2012 para poder facer fronte ás responsabilidades civís que se puidesen derivar do procedemento.

Fernández Gayoso e García de Paredes non fixeron fronte ás fianzas impostas no pasado mes de novembro

O titular do Xulgado Central de Instrución número 2, no marco da investigación sobre as prexubilacións millonarias destes dous ex directivos e doutros tres antigos drixentes, ordenou o embargo de bens mobles e inmobles, entre eles un vehículo ou varios produtos financeiros.

O embargo chega logo de que o maxistrado impuxese o pasado 6 de novembro unha fianza de máis de sete millóns de euros a García Paredes e tras declarar que Fernández Gayoso debía ser responsable civil solidario tanto desta caución como das que impuxo a outro tres ex directivos, que achegaron os dereitos económicos das pólizas das pensións que eles mesmos se atribuíron.

Así, o ex director xeral da caixa José Luis Pego, tivo que afrontar unha fianza de case 2 millóns euros; o ex responsable do Grupo Inmobiliario Gregorio Gorriarán avalou 1,22 millóns; mentres que o responsable da oficina de integración Óscar Rodríguez Estrada, asumiu uns 350.000 euros.

Segundo a Fiscalía Anticorrupción, esas foron as cantidades que os ex directivos terían percibido irregularmente, máis o que tiñan previsto ingresar se o seu plan de cobros até xubilárense concluíse con éxito. De non constituírse as fianzas, segundo sinalaba o auto, procederíase ao "embargo de bens da súa propiedade en cantidade suficiente para responder as sumas que se lles reclama".

Os ex directivos están imputados por un presunto delito de administración desleal ou apropiación indebida

Todos eles están imputados na comisión dun delito de administración desleal ou, alternativamente, de apropiación indebida. Na súa querela, Anticorrupción apuntaba que os exdirectivos "dispuxeron fraudulentamente de bens da entidade, ocultando ao consello de administración e ao Banco de España o importe das súas prexubilacións, e ás cales en parte non tiñan dereito, todo iso en menoscabo da entidade crediticia que administraban e do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB)".

O Estado é actualmente propietario do 90,6% da entidade, tras inxectarlle no momento da fusión 1.162 millóns de euros e outros 2.465 millóns de euros en 2011, a través do FROB. Logo desta nacionalización, a auditora BDO realizou un informe no que concluíu que a contabilidade de Novacaixagalicia non reflectía a súa "verdadeira" situación patrimonial e foi valorada en 188 millóns de euros, segundo explica Anticorrupción.

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.