Empresas galegas da escavación "malvenden" a súa maquinaria a causa dos impagamentos

Un intre da poxa celebrada en Madrid © AEXGA

Hai poucos días celebrábase en Madrid a considerada maior subasta mundial do sector da escavación. Organizada pola corporación Ritchie Bros, do Canadá, foi unha caste de gran supermercado da maquinaria deste sector a prezos moi inferiores aos do mercado. A este certame acudiron, moi ao seu pesar, varias empresas da Asociación de Escavadores de Galicia (AEXGA) para, admiten, "malvender" parte da súa maquinaria. A causa, explican, non é outra que os reiterados impagamentos que están a sofrer, as máis das veces por parte de grandes empresas da construción.

Neste contexto, esas vendas a prezo de saldo deron lugar a rebaixas de ata o 75% no valor das máquinas, sinalan, ata o punto de que, por exemplo, "un dos asociados de AEXGA desprendeuse por 100.000 euros dunha das súas escavadoras, adquirida hai dous anos por 500.000 euros". Esta, afirman, é unha valoración "só un 10% superior á da ferralla". Esta situación límite prodúcese malia á entrada en vigor, hai dous anos, da Lei de Morosidade, din, xa que "as compañías vulneran sistematicamente os tempos máximos de pagamento".

"Se en seis meses non se atopa unha solución, prevén que dez empresas máis cesen a súa actividade, deixando sen emprego a un milleiro de persoas"

Nomeadamente, no ámbito da construción "as grandes corporacións abonan as súas facturas ás subcontratas en períodos comprendidos entre os 200 e os 300 días" aínda que a normativa vixente "fixa en 75 días o prazo límite para pagar". "A esta realidade -abondan- súmaselle o impedimento, por parte da banca, de descontar pagarés, xa que algunhas entidades non descontan papel de construtoras españolas". Estas prácticas de "abuso", aseguran, prodúcense mentres o Goberno central as permite "tacitamente", xa que non desenvolveu un réxime sancionador axeitado.

Dende esta asociación empresarial o seu presidente, Manuel Mejuto, asegura non entender "a permisividade das autoridades ante o incumprimento desta normativa cando outras similares se penalizan duramente". Así, por exemplo, cita, "cando existe un atraso, aínda que só sexa dun día", no pagamento de tributos coma o IVE, "a Administración sanciona a empresa cun 20% de recargo". "É incomprensible que no caso de contratos entre compañías, cunha lei en vigor, non aconteza o mesmo, máis aínda cando o tempo de demora no abono dos traballos realizados triplica ou cuadriplica o máximo establecido".

Neste contexto, AEXGA asegura que "se esta situación se algona moito máis no tempo, a consecuencia será que Galicia perda o seu parking de maquinaria para poder executar obras de infraestruturas no futuro". Polo momento, só nos últimos dous anos "vinte e cinco das corenta e catro empresas asociadas a AEXGA tiveron que botar o peche, destruíndo 2.000 postos de traballo". "Se en seis meses non se atopa unha solución a este problema, prevese que dez empresas máis cesen a súa actividade, deixando sen emprego a un milleiro de persoas", advirten.

Un intre da poxa celebrada en Madrid © AEXGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.