En España hai case 13 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión

Evolución do indicador AROPE © El Diario

En España hai xa 12.741.434 persoas en risco de pobreza e/ou exclusión (cifras de 2011). Son os datos que se extraen do último seguimento do indicador de risco de pobreza e exclusión social en España entre 2009 e 2011 elaborado pola European Anti Poverty Network (EAPN). Segundo o informe, elaborado a partir do indicador AROPE (que combina tres elementos: poboación baixo o limiar da pobreza, poboación con privación material severa e poboación con baixa intensidade de traballo por fogar), no ano 2011 o índice de pobreza e exclusión en España foi 1,5 puntos maior que en 2009, alcanzando o 27% do total da poboación.

"A clase media e os grupos máis pobres da poboación española sufriron un proceso crecente de desvalorización da súa calidade de vida, que non foi contrarrestado con eficacia polas políticas sociais e outras medidas de loita contra a crise"

O gráfico amosa a evolución da taxa AROPE en España entre os anos 2004 e 2011. Nel percíbese un aumento significativo a partir de 2008. EAPN explícao: a partir dese ano, "a clase media e os grupos máis pobres da poboación española sufriron un proceso crecente de desvalorización da súa calidade de vida, que non foi contrarrestado con eficacia polas políticas sociais e outras medidas de loita contra a crise".

O informe debulla ademais os tres elementos que combina o indicador AROPE: poboación baixo o limiar da pobreza (aquelas persoas que viven en fogares cunha renda inferior ao 60% da mediana da renda nacional), poboación con privación material severa ou PMS (persoas que viven en fogares nos que non se poden permitir catro de nove ítems de consumo básico), e poboación con baixa intensidade de traballo por fogar ou BITH (a intensidade defínese como a relación entre o número de meses traballados por todos os membros e o número de meses que poderían traballar todos os membros en idade de traballar).

Por idade, destaca que a taxa de pobreza das persoas de 65 e máis anos reduciuse en 10 puntos desde 2009 debido á maior estabilidade de ingresos. No entanto, a pobreza dos grupos máis novos (16 - 29 anos) subiu 6,4 puntos desde o mesmo ano

De 2009 a 2011, a pobreza aumentou en España 2,3 puntos porcentuais, isto é, 10.287.527 persoas. A poboación masculina, sinala o informe, sufriu con maior intensidade as consecuencias da crise. No ano 2009, a pobreza feminina estaba entre 2 e 3 puntos por encima, pero a partir dese ano a diferenza reduciuse até menos da metade. Por idade, destaca que a taxa de pobreza das persoas de 65 e máis anos reduciuse en 10 puntos desde 2009 debido á maior estabilidade de ingresos. No entanto, a pobreza dos grupos máis novos (16 - 29 anos) subiu 6,4 puntos desde o mesmo ano.

Respecto da privación material severa, a taxa de poboación que en 2011 non podía permitirse catro ou máis ítems de consumo básico mantívose no 3,9%, igual que en 2010 e 0,4 puntos máis que en 2009. Con todo, o informe fai fincapé en que unha gran porcentaxe de poboación sofre restricións importantes en moitos dos ítems considerados básicos. Por exemplo, o 40% non pode permitirse unha semana de vacacións ao ano e unha de cada tres non podería afrontar gastos imprevistos. Por último, a baixa intensidade de emprego por fogar é o factor que máis creceu: dobrouse en tres anos. En 2011, 4.483.097 persoas vivía en fogares con baixa intensidade de emprego, o 9,5% da poboación.

O 40% non pode permitirse unha semana de vacacións ao ano e unha de cada tres non podería afrontar gastos imprevistos

O informe de EAPN mostra por último a enorme desigualdade que existe na taxa de pobreza e/ou exclusión social entre as diferentes comunidades autónomas. Así, Navarra, País Vasco, Asturias, Madrid ou Aragón teñen taxas inferiores ao 20%, mentres outras como Ceuta, Melilla, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias ou Andalucía superan o 30%.

A European Anti Poverty Network insiste "en que a inclusión social debe estar no centro da axenda política do país e que deben aplicarse políticas decidido que non estean centradas exclusivamente en incentivar o crecemento"

A EAPN realiza estes informes despois de que a Unión Europea acordase reducir polo menos en 20 millóns o número de persoas en risco de pobreza e exclusión social, entre 1.400.000 e 1.500.000 no caso de España entre 2009 e 2019. No entanto, tras analizar as cifras, "no caso de España este obxectivo está moi lonxe de cumprirse". A European Anti Poverty Network asegura que este "formidable aumento das cifras indica a urxente necesidade de reformular as medidas de protección á cidadanía" e insiste "en que a inclusión social debe estar no centro da axenda política do país e que deben aplicarse políticas decidido que non estean centradas exclusivamente en incentivar o crecemento".

Evolución do indicador AROPE © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.