Xuño será un mes decisivo para a permanencia da fábrica de ENCE no seu actual emprazamento no interior da ría de Pontevedra alén de 2018. Será en xuño cando o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente aprobe o regulamento que desenvolve a nova Lei de Costas e atenda á petición que a empresa realizou o pasado mes de decembro. Será tamén o momento no que a Xunta deberá emitir un informe sobre o impacto ambiental da factoría, un documento que non é vinculante, pero si moi importante para a decisión final que adopte o Goberno central. Unha posición favorable da Xunta aseguraría a continuidade de ENCE en Lourizán outros 75, e un informe negativo dificultaría moito esta posibilidade (aínda que o Executivo de Rajoy podería desoír a opinión do Goberno galego en base a razóns de interese xeral).
Esta semana os seus responsables foron un paso máis aló na súa presión, ameazando con paralizar todos os seus investimentos na planta pontevedresa, até que non se resolva a incerteza sobre a súa continuidade
De momento, a pasteira non agarda de brazos cruzados a resolución que adopten as distintas administracións competentes. Nos últimos meses foron varias as ocasións nas que realizou comentarios públicos sobre a importancia social e económica da factoría para a economía da comarca. Noutras ocasións a empresa fixo anuncios de proxectos en Lourizán que van máis aló do horizonte do ano 2018, dando por feita a renovación da concesión. Por exemplo, comunicou o reinicio do plan de construción dunha planta enerxética de biomasa. E esta semana os seus responsables foron un paso máis aló na súa presión, ameazando con paralizar todos os seus investimentos na planta pontevedresa, até que non se resolva a incerteza sobre a súa continuidade.
ENCE sinala as maiores facilidades que atopa para desenvolver a súa actividade noutras plantas próximas a Galicia, coma a que a empresa ten en Navia (Asturias).
A empresa refírese a todo tipo de actuacións, a medio ou a longo prazo, dende a renovación de maquinaria até proxectos máis ambiciosos, coma a devandita planta de biomasa. Os seus directivo lembraron os 238 postos de traballo xerados pola factoría, e laiáronse de que a reforma enerxética lles provocou perdas de 14 millóns de euros nos tres primeiros meses deste 2014, e de que o custe da produción de pasta de papel se incrementou en 19 euros por tonelada. Xustificaron nesta situación a súa decisión de reducir o prezo que lles pagan aos seus proveedores pola madeira.
En calquera caso, semella que tanto estas críticas coma o anuncio do bloqueo de novos investimentos na planta non son máis que novos elementos de presión dirixidos á Xunta e ás restantes administracións para que a partir de xuño adopten unha posición favorable á prórroga na concesión. De feito, unha e outra vez, sinalaron as maiores facilidades que atopan para desenvolver a súa actividade noutras plantas próximas a Galicia, coma a que a empresa ten en Navia (Asturias).
A APDR convocou unha manifestación o vindeiro sábado 14 de xuño
Será tamén en xuño cando volvan saír á rúa as entidades e persoas que dende hai anos apostan pola saída de ENCE do interior da ría de Pontevedra. A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que este martes votou en asemblea que Antón Masa continuará sendo o seu presidente dous anos máis, convocou unha manifestación o vindeiro sábado 14 de xuño. Este xoves, ademais, a APDR informará en rolda de prensa do estado actual dos distintos procesos de denuncia xudicial e administrativa que mantén abertos contra os vertidos da empresa ENCE.