Faltan catro anos para o 2018, data anunciada dende hai un tempo para o abandono de Lourizán, no interior da ría de Pontevedra, do complexo químico e pasteiro de ENCE-Elnosa. Porén, a posibilidade aberta para a súa continuidade pola reforma da Lei de Costas e as máis que evidentes maniobras da empresa para que o Goberno central lle conceda unha próroga de 75 anos aumentan as opcións de que as dúas empresas manteñan a súa localización alén de 2018. Este mércores, nunha mesa redonda celebrada na na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra no marco da Semana Forestal Europea, os directivos de ENCE adiantaron algúns dos seus plans se a factoría permanecen en Lourizán.
Entre outras cousas, anunciaron que retomarán o plan de construción dunha planta enerxética de biomasa, aínda que afirmaron que o plan non se concretará "até que quede resolto o futuro da fábrica en Lourizán". Antonio Casal, director da fábrica, non deu demasiados detalles sobre as accións que a empresa está levando a cabo para acadar unha prórroga da concesión que lle permite realizar a súa actividade na actual localización, pero si adiantou que "estamos traballando moi duro para demostrar que a nosa presenza aquí é beneficiosa para a poboación, o medio ambiente e para Galicia".
Hai uns días, Antia Marinho, secretaria da Asociación Pola Defensa da Ría e membro da Plataforma 2018, destacaba en Praza que "sabemos que unha prorroga de 75 anos suporía a condena á morte da Ría"e sinalaba que ENCE e o PP estaban aproveitando "un momento de crise económica, no que moita xente ten que afrontar problemas persoais de moita gravidade, cunha forte presión mediática que contrapón de forma interesada defensa do medio ambiente e defensa dos postos de traballo".
De cara ao futuro, ENCE destacou o investimento de máis de 160 millóns de euros nos últimos anos co obxectivo de “minimizar o seu impacto ambiental”
Durante o debate, tamén se presentaron as conclusións do Informe sobre a contribución da fábrica de Ence en Pontevedra ao desenvolvemento social, económico e ambiental de Galicia, que defende que a empresa lle achega ao PIB de Galicia un total de 459 millóns de euros e xera 5049 postos de traballo, directa ou indirectamente. Engadiron que ENCE xestiona directamente preto de 11.000 hectáreas de monte en Galicia, merca madeira a máis de 1800 provedores, por un valor total duns 176 millóns de euros, o que segundo KPMG, consultora responsable do estudo, supón unha contribución á “fixación da poboación no rural e á vertebración do territorio”. O presidente da confederación de empresarios Confemadera, Elier Ojea, foi máis aló e defendeu que "sen Ence o sector forestal en Galicia estaría nunha situación case de colapso".
De cara ao futuro, sinalando como obxectivo a continuidade en Lourizán até o ano 2093, ENCE destacou o investimento de máis de 160 millóns de euros nos últimos anos co obxectivo de “minimizar o seu impacto ambiental”, acadando, segundo estas cifras, a redución do “número de episodios con impacto oloroso” nun 83% en 2012, e buscando a “eliminación por completo dos cheiros” o vindeiro ano.