Endesa confirma a continuidade da central térmica das Pontes

A central térmica das Pontes é responsable dunha parte importante da nosa contaminación © El Diario

A central térmica das Pontes manterá a súa actividade. En principio, o seu peche nunca estivo na axenda de Endesa, pero a empresa (propiedade da italiana ENEL) estaba obrigada a confirmar, antes do 1 de outubro, se optaba por clausurar esta e outras dúas centrais de queima de carbón (en León e Teruel) ou se as mantiña en funcionamento, realizando iso si importantes investimentos para adaptalas ás esixencias europeas sobre contaminación, presentadas na Directiva de Emisións Industriais.

No caso de ter optado polo peche, a central das Pontes tería iniciado unha redución progresiva da súa actividade ata o ano 2023, operando unicamente 17.500 horas máis. A decisión de manter abertas a instalación obrigará a Endesa a investir ao redor de 200 millóns de euros antes do ano 2020, co obxectivo de reducir as actuais emisións contaminantes. A multinacional gaña tempo, polo tanto, á espera "dunha clarificación do escenario económico e normativo que permita adoptar unha decisión sobre os investimentos ambientais", declarou Borja Prado, presidente de Endesa. O Ministerio de Industria debe aprobar unha orde que regule as axudas para a desnitrificación.

As centrais das Pontes e Meirama son responsables de entre o 30% e o 40% de todas as emisións de CO2 de Galicia

A instalación pontesa dá traballo a 330 persoas. Porén, esta central térmica e a situada en Meirama son responsables de entre o 30% e o 40% de todas as emisións de CO2 de Galicia, procedendo a maior parte da planta de Endesa. De feito, debido á presenza en Galicia destas plantas, as nosas emisións medias por habitante (ao redor de 9,9 toneladas/ano) superan as medias do Estado español e as da UE. A suma das emisións das súas centrais, que descendera entre 2007 e 2010 (pasara de 14 millóns de toneladas a pouco máis de 5), volveron incrementarse dende entón, crecendo ata as 11,5 millóns de toneladas en 2012 e algo máis de 10 millóns en 2013, favorecidas polos obstáculos ás enerxías renovables e a dispoñibilidade de carbón barato.

O pasado ano a Comisión Europea rexeitou o Plan Nacional Transitorio sobre emisións industriais presentado polo Goberno central, sinalando en concreto as emisións da central térmica das Pontes, que obrigou a limitar. O informe La calidad del aire en el Estado español, elaborado por Ecologistas en Acción, alertaba de que a contaminación provocada pola grande industria ou as centrais térmicas espállase por Galicia "afectando zonas máis afastadas e rurais".

A central térmica das Pontes é responsable dunha parte importante da nosa contaminación © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.