España podería pedir o rescate esta fin de semana

Mariano Rajoy, nunha comparecencia ante a prensa © Goberno de España

España quere pedir o rescate xa e solicitar axuda á zona euro para as súas finanzas públicas. O Goberno está preparado para facelo incluso nesta mesma fin de semana, coa campaña electoral xa iniciada en Galicia e Euskadi, pero Alemaña pídelle que espere un pouco. Así asegura Reuters que está a situación na crise de débeda soberana, ademais de engadir que os mercados e outros socios europeos están a presionar o Executivo de Rajoy para que solicite xa un rescate que permita ao Banco Central Europeo comprar os seus bonos.

Fontes europeas citadas por Reuters aseguran que España cambiou de rumbo e quere o rescate xa

"Os españois dubidaban un pouco pero agora están preparados para pedir axuda", seica dixo un alto cargo europeo. Outras tres fontes na zona euro confirmaron o cambio de rumbo na posición española, pero todos eles baixo a condición de gardar o anonimato porque non estaban autorizados a falar do asunto.

Mentres, Alemaña semella non ter présa. O ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schäuble, di que España está a levar a cabo todos os pasos necesarios para superar os seus problemas fiscais e non necesita un rescate, argumentando que os investidores o recoñecerían e recompensarían no seu debido tempo. Pero non parece moi real a súa afirmación.

Merkel prefire esperar ante as reticencias do seu Parlamento ao rescate

Diplomáticos europeos e un alto cargo alemán asegurarían tamén que a chanceler Angela Merkel prefería evitar expor máis rescates individuais para países da zona euro en dificultades ante un Parlamento que é cada vez máis reacio a estas axudas.  "Non ten sentido enviar decisións inminentes sobre Grecia, Chipre e posiblemente tamén sobre España unha por unha", dixo a fonte. "Empaquetalas ten sentido, pola sustancia e tamén politicamente".

Participantes no cumio de ministros da zona euro a mediados de setembro dixeron que houbo tensos intercambios na reunión celebrada en Chipre cando Schäuble dixo aos seus socios que Berlín non pode asumir outro rescate sobre España tan pouco tempo despois de que se aprobase o rescate de até 100.000 millóns de euros para os bancos españois en xullo.

O Goberno asegura non saber nada dun posible veto de Alemaña ao rescate español

Segundo Reuters, un portavoz do Goberno alemán nega oficialmente que se presione a España: "Cada país decide por si mesmo. Alemaña non está a presionar nin nunha dirección nin noutra". Do mesmo xeito, voceiros do Executivo de Rajoy aseguran tamén que non saben de veto ningún por parte de Berlín.

"Estamos centrados en levar a cabo as decisións tomadas en xuño cando se aplicou a unión bancaria. Iso sería enviar unha forte mensaxe de confianza aos mercados", dixo referíndose a unha decisión da UE para centralizar a vixilancia dos grandes bancos para evitar unha repetición dunha crise que ten algunhas das súas raíces no sistema financeiro.

Mentres, a prensa internacional continúa cebándose con España. Nun editorial dedicao á crise española, o New York Times advirte de que o foco da crise económica en Europa está posto sobre Madrid e que a Rajoy non lle quedan solucións para recortar gastos "sen arriscarse a un desastre social". O xornal urxe a Alemaña a que aposte por politicas de crecemento e non de austeridade

De Guindos e Rajoy, na Zarzuela © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.