España xa lidera a Unión Europea... en risco de pobreza

Fonte: Eurostat CC-BY-SA Praza Pública

"Soy español, ¿a qué quieres que te gane?". Hai poucos meses esta expresión circulaba polas redes sociais de internet e mesmo por algunha portada da prensa para resumir os éxitos do deporte español polo mundo. Á marxe de paixóns deportivas, a crise económica e a vaga de recortes sitúan o Estado español noutro liderado que ocupa menos espazo mediático que os goles de Iniesta pero que é bastante máis palpable que a "furia" futbolística. A oficina estatística da Unión Europea, Eurostat, vén de facer públicos os seus rexistros de risco de pobreza ou exclusión social correspondentes ao ano 2011 e España xa está nos postos de cabeza.

Na UE dos vinte e sete un 17% da poboación está en risco de ser oficialmente "pobre", isto é, de non obter o 60% da renda media do Estado, unha vez descontadas as trasnferencias sociais. Este dato medio elévase no caso español ata o 22%, segundo Eurostat, unha cifra que é a "máis alta" da UE e que igualan Bulgaría e Romanía. Tampouco está lonxe Grecia, que chega ao 21%. Na banda contraria sitúanse a República Checa, co 10%, os Países Baixos, co 11% e Austria, Dinamarca e Eslovaquia, os tres co 13%. Non obstante, advirte a oficina comunitaria, cómpre ter en conta que este indicador non ten o mesmo significado en todos os estados, dado que a media de ingresos varía moito entre eles e, ademais, "caeu nos últimos anos" debido á propia crise.

O 27% da poboación do Estado está "en risco de pobreza ou exclusión social", segundo Eurostat

Neste contexto, os datos españois non son mellores ao ollar un chisco máis polo miúdo o estudo de Eurostat. Ademais do devandito 22% de persoas en risco de pobreza, a estatística reflicte tamén a existencia dun 12,2% da poboación adulta do Estado que non puido traballar nin o 20% do seu "potencial" durante un ano. Ademais, case o 4% da cidadanía vive nunha situación de "pobreza material severa", isto é, responde a, cando menos, catro destes indicadores: non pode aforrar, ten dificultades para pagar o alugueiro ou a hipoteca, non ten cartos para poñer a calefacción, élle imposible afrontar gastos intesperados, non pode comer carne ou peixe cada dous días nin ir de vacacións unha semana ao ano ou non dispón de recursos para ter coche, lavadora, televisor ou teléfono.

Sobre esta base Eurostat realiza outro cálculo que eleva aínda máis este preocupante liderado español. Tendo en conta as persoas que responden a, cando menos, un dos anteriores tres criterios -dispoñen de menos do 60% da renda estatal, traballan menos do 20% do que poderían ou padecen privación material severa-, o estudo conclúe que o 27% da poboación do Estado está en "risco de pobreza ou exclusión social". Esta cifra, sempre segundo Eurostat, supón un punto e medio máis que en 2010 e catro puntos por riba do mesmo indicador no ano 2008.

Fonte: Eurostat CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.