Está en perigo o futuro do tren en Galicia?

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

O Ministerio de Fomento deu luz verde hai unhas semanas ao seu plan de racionalización de servizos ferroviarios. Detrás deste eufemismo agóchase a supresión das liñas e servizos de menor ocupación e rendibilidade económica: ao redor de 30 liñas de media distancia que supoñen unha cuarta parte do total. En Galicia polo de agora a única afectada é a liña Ourense-Pobra de Sanabria, da que se suprimen dous servizos, asi coma o peche definitivo de 9 estacións: Taboadela, Paderne-Cantoña, Ponte Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Alberguería-Prado, Laza-Cerdedelo, Castrelo do Val-Verín-Campobecerros e A Mezquita-Vilavella. Estes servizos deben deixar de prestarse antes de 2 xuño de 2013, a non ser que a Xunta formalice o correspondente contrato con Renfe Operadora.

O sindicato alerta ademais de que o futuro doutros servizos ferroviarios en Galicia tamén podería estar no aire. Trátase das liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, a Vigo-Ourense e a liña convencional entre Santiago e Ourense por Lalín

Esta situación é denunciada por CC.OO., que denuncia que "se está a permitir a morte" do negocio de mercancías e do negocio de Media Distancia de viaxeiros, "vítima dunha mala xestión". O sindicato alerta ademais de que o futuro doutros servizos ferroviarios en Galicia tamén podería estar no aire. Trátase das liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, a Vigo-Ourense e a liña convencional entre Santiago e Ourense por Lalín. A propia proposta do Ministerio abre a posibilidade suprimir máis trens nos próximos seis meses. Ademais, CC.OO. advirte de que a definición das obrigas de servizo público de FEVE que ten que resolverse antes do 30 xuño de 2013 suporá un recorte de servizos, "xa que no mes de xullo pasado se pretendera reducir 19 servizos na liña de Ferrol a Ortigueira e outros dous na liña de Ferrol a Ribadeo e que finalmente se mantiveron, probablemente ante a proximidade das eleccións galegas".

 

As outras liñas en perigo

Vigo-Ourense (11,7%), a Vigo-Ourense-Ponferrada (12,9%), a Coruña-Ferrol (13,3%) e a Coruña-Lugo-Monforte (14%) tamén están por debaixo do uso minimo esixido polo Goberno

O Goberno central está seguindo dous criterios para decidir a supresións de servizos. O primeiro ten que ver co seu uso efectivo: analizou as liñas con menos dun 15% de viaxeiros sobre o total de prazas ofertadas. Nese corte entra a liña Puebla de Sanabria-Ourense (4,2% de usuarios), pero tamén a Vigo-Ourense (11,7%), a Vigo-Ourense-Ponferrada (12,9%), a Coruña-Ferrol (13,3%) e a Coruña-Lugo-Monforte (14%). En principio o Goberno asegura que nas liñas que non foron suprimidas se realizarán modificacións para tentar mellorar estes ratios, recurtando custes ou empregando trens de menor tamaño. Tamén se asegura que se terán en conta outros criterios -de cohesión territorial- para impedir que ningunha vila ou cidade fique incomunicada.

Nestes proxectos de redución de custes tamén se prevé o peche de apeadeiros e estacións con baixa utilización. Nos datos que manexa o Ministerio de Fomento afírmase que un total de 48 paradas de tren en Galicia recibiron cinco viaxeiros ou menos por día en 2011. Todas elas poden ter os seus días contados. A Alberguería-Vilavella, A Escravitude, Areas, Bandeira, Barra de Miño, Begonte, Covas, Franza, Louredo, Montefurado, Paderne-Cantoña, Pobra de Brollón, Ponte Taboada, Ponteambia, Pumares, San Estevo do Sil, San Pedro do Sil, Taboadela, Vedra-Rivadulla e Vilariño de Conso figuran nesa lista de estacións e apeadeiros con menor tráfico.

Nos datos que manexa o Ministerio de Fomento afírmase que un total de 48 paradas de tren en Galicia recibiron cinco viaxeiros ou menos por día en 2011. Todas elas poden ter os seus días contados

Algúns medios publicaron recentemente que estas decisións do Goberno central poderían estar impulsadas polo "lobby asociado ao transporte por estrada" que incrementou a súa actividade en torno ao Ministerio de Fomento de Ana Pastor. Estas infomacións falan do interese de Alsa, Monbus, Avanza e Arriva, que buscan facerse con concesións gobernamentais para os servizos de transporte naquelas cidades nas que os servizos ferroviarios sexan suprimidos.

 

A proposta de CC.OO.

CC.OO. demándalle ao Goberno galego "unha aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte respectuoso co medio, seguro, como medio de cohesión social e territorial"

O sindicato denuncia que o obxectivo do Goberno é "o desmantelamento do servizo público de transporte de viaxeiros por ferrocarril" e que "a súa mala xestión serve como escusa para elo". CC.OO. cre que na actualidade "o ferrocarril en Galicia non pode competir con outros medios se non se inviste nunha modernización da infraestrutura, é necesario aumentar as frecuencias con servizos adaptados ás necesidades da poboación con prezos asumibles, é necesario estar presentes nos consorcios de transporte, apostar pola intermodalidade e interoperatividade dos transportes". CC.OO. demándalle ao Goberno galego "unha aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte intracomunitario respectuoso co medio, seguro, como medio de cohesión social e territorial e como un elemento decisivo no desenvolvemento económico das distintas bisbarras".

O sindicato cre que a Xunta de Galicia debe esixir ao Goberno central "que non se supriman servizos nin se pechen estacións, que se aumenten os servizos e as paradas para rematar cos agravios comparativos con outras comunidades do litoral con redes de cercanías ferroviarias". Así mesmo, anuncia que está a elaborar o estudo FASE (Ferrocarril Alternativo e Social en España), que propoñerá á empresa medidas para un "ferrocarril da cidadanía".

 

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.