Este é o calendario das reformas esixidas polo rescate bancario

Luis de Guindos, ministro de Economía © Goberno de España

Mariano Rajoy preside este xoves a reunión da Comisión Delegada para Asuntos Económicos, que prepará o Consello de Ministros deste venres, o primeiro despois de dúas semanas e que terá un marcado contido económico. O Ministerio de Economía redactou un decreto que facilita a intervención urxente dos bancos, que lle dá máis poder ao Banco de España para intervir anticipadamente e que acelerará a destitución de xestores de entidades.

O rescate bancario solicitado polo Goberno de España o pasado mes de xuño incluía unha serie de condicións de obrigado cumprimento e un detallado calendario para a súa concreción, no coñecido como Memorando de Entendemento. Algunhas das condicións xa comezaron a ser satisfeitas ao longo dos meses de xullo e agosto, coma a preparación dos plans de restruturación do sistema financeiro ou a comunicación a Europa de información fidedigna sobre o estado real das entidades bancarias españolas.

É partir de setembro cando o Goberno vai ter que poñer sobre a mesa a meirande parte das reformas esixidas pola troika para a inxección de 100.000 millóns de euros para os bancos españois

Porén, é agora, a partir de setembro, cando o Goberno vai ter que poñer sobre a mesa a meirande parte das reformas esixidas pola troika para a inxección de 100.000 millóns de euros para os bancos españois. Estas son algunhas das datas clave do calendario esixido polo Memorando:

  • Finais de agosto: Reforma das competencias do FROB e do Fondo de Garantía de Depósitos
  • Segunda quincena de setembro: Completar o novo test de resistencia ao sistema financeiro español, banco por banco
  • Finais de setembro: Nova proposta de regulamentación sobre a mellora da transparencia dos bancos
  • Outono: Os bancos cun significativo déficit de capital levarán a cabo os Programas de Responsabilidade Subordinada
  • Comezos de outubro: Os bancos elaborarán plans de recapitalización
  • Outubro: Plan de reestruturación dos bancos do Grupo 2
  • Novembro: Proposta para o fortalecemento das entidades non bancarias de intermediación financeira
  • Finais de novembro: Proposta para a cotización en bolsa dos bancos que se beneficiaran das axudas estatais
  • Finais de novembro: Lexislación que "clarifique" o papel das caixas de aforros na súa calidade de accionistas das entidades de crédito con vistas á redución da súa participación
  • Finais de decembro: Transferencia das facultades de control e outorgamento de licenzas do Ministerio de Economía ao Banco de España
  • 1 de xaneiro: Esixir a todas as institucións financeiras que cumpran cun capital Tier 1 de cando menos un 9% até 2014
  • Finais de febreiro: Lexislación para limitar a venda de preferentes e débeda subordinada a clientes minoristas
Luis de Guindos, Soraya Sáenz de Santamaría, Cristóbal Montoro e Fátima Báñez CC-BY-NC-SA Moncloa
Rajoy, con Sáenz de Santamaría no Consello en que se aprobaron os recortes © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.