EU pide unha banca pública galega, investimento en I+D+i e participación pública nos estaleiros

Faixa de Esquerda Unida © EU

Esquerda Unida celebrará o 27 de abril en Compostela a súa Asemblea Nacional, que debaterá un documento político e outro de análise e propostas económicas, que nestas semanas previas están sendo discutidos nas asembleas comarcais da formación. 

EU cre que España sofre severos problema na súa economía polo "excesivo peso de sectores con baixos niveis de produtividade, froito do comportamento especulativo do capitalismo español"

Este texto económico comeza analizando a actual situación social e de crise, que para EU ten a súa orixe no "afianzamento do discurso neoliberal que co tempo foi callando no seo das sociedades capitalistas máis desenvolvidas: é o discurso segundo o cal o mercado soluciónao todo, xera e reparte a riqueza". Denuncia que "baixo os gobernos do PSOE, dende González até Zapatero, até os do PP" España viviu "políticas orientadas á privatización da empresa pública, tanto do sector real como do sector servizos incluído o sector financeiro, co argumento de que a actividade privada xestiona mellor, que o público non funciona e que o sector privado, ou en definitiva" que provocaron "unha sociedade disciplinada e hipotecada por un consumismo que o propio sistema alimenta, tanto económica como ideoloxicamente".

EU cre que España sofre severos problema na súa economía polo "excesivo peso de sectores con baixos niveis de produtividade, froito do comportamento especulativo do capitalismo español", "o baixo nivel do I+D malia os enormes beneficios empresariais acumulados nos trece anos de expansión económica", "o baixo nivel salarial que potenciará os niveis de demanda á baixa atrasando aínda máis a saída da crise", "enorme desigualdade na distribución da renda que nos últimos corenta anos incrementou en catro puntos a participación das rendas empresariais na renda nacional" ou o "desequilibrio na carga fiscal".

"En Galicia desenvolveuse un proceso de acumulación capitalista sen parangón na historia cunha análoga aparición de grandes sectores de poder económico con incidencia clara no político"

Esquerda Unida defende, en termos xerais, "propostas alternativas que teñan en conta un suposto irrenunciable para unha forza política anticapitalista: a actividade produtiva e a actividade económica debe servir ao interese xeral e non como sucede no capitalismo" e lembra artigos da Constitucion, coma o 128, que di que "toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal for a súa titularidade está subordinada ao interese xeral", ou o 35, segundo o cal todos os españois teñen "o deber de traballar e o dereito ao traballo" ou a unha vivenda digna ou adecuada (Art. 47).

En canto a situación concreta de Galicia, Esquerda Unida denuncia que "entre 1998 e 2007, periodo de gran expansión da economía galega, con crecementos do PIB por riba da media europea e española; en Galicia desenvolveuse un proceso de acumulación capitalista sen parangón na historia cunha análoga aparición de grandes sectores de poder económico con incidencia clara no político".

Galicia asistiu "a un proceso de acentuación das diferenzas sociais, pauperización da clase traballadora e aparición dunha minoría beneficiada"

Salienta "o problema da perda de emprego asalariado", especialmente no trienio 2009-2010-2011 que suma un 10,5% do total, sendo un 30% do sector da construcción e un 16% da industria, "os sectores onde no trienio anterior, 2006-2007-2008 se produciran máis ingresos tributarios via imposto de sociedades e, especialmente significativo, máis dividendos accionariais". E engade que neses anos as grandes construturas galegas, os estaleiros en carga de actividade frenética, repartían centos de millóns de euros aos accionistas e inversores. Finalmente considera que Galicia asistiu "a un proceso de acentuación das diferenzas sociais, pauperización da clase traballadora e aparición dunha minoría beneficiada con sectores altamente especulativos como o ladrillo ou as enxeñerías financeiras".

 

Propostas

Esquerda Unida realiza unha serie de propostas de transformación, tanto no ámbito europeo, como estatal, como galego. A nivel español a formación defende a creación dunha banca pública, a nacionalización da banca que sexa obxecto de intervención ou poña en perigo a estabilidade social, a eliminación das prerrogativas das sicav, a convocatoria de 4.000 postos de inspectores de Facenda, fiscalidade especial para as empresas con beneficios extraordinarios, a recuperación do imposto de patrimonio, a elevación do ive para bens de luxo,  reforma fiscal con tipos impositivos cunha maior progresividade, a paralización dos procesos de desafiuzamentos, a creación dun parque de vivendas en réxime de aluguer co parque pertencente á banca intervida polo Estado, modificación da Constitución para garantir un mínimo do PIB en gasto social e para fixar un teito ao gasto militar respecto ao PIB.

Pide a creación dunha Banca Pública a partir das caixas intervidas polo Estado

En canto a Galicia, pide a creación dunha Banca Pública a partir das caixas intervidas polo Estado, liñas de crédito especiais ás PEMES, o fomento das políticas de I+D+i, o incremento do gasto sanitario, en educación e investigación, o incremento do gasto que garanta unha maior atención de acordo coa Lei de Dependencia, a planificación dos investimentos nas empresas industriais de máis de 500 empregados fomentando os sectores de crecemento, en especial no ámbito dos novos materiais, a óptica as biotecnoloxías e as telecomunicacións, o deseño dun modelo de Formación Profesional que garanta unha formación de acordo coas necesidades sociais e da transformación tecnolóxica do tecido social, a cooperación e a coxestión da masa forestal por parte do goberno autonómico e as Comisións de Montes ou o fomento do transporte público nas cidades e en toda Galicia, sobre todo o ferroviario.

Propón a participación pública nos asteleiros da Ría de Vigo

En canto á situación do naval e atendendo á dramática situación do sector naval en Ría de Vigo, con case 11.000 postos de traballo perdidos entre directos e indirectos, propón a participación pública nos asteleiros da Ría de Vigo. E con respecto a Navantia, considera que "é urxente que a Xunta e o goberno español suscitan en Bruxelas a imperiosa necesidade de eliminar as restricións actualmente en vigor para que Navantia poida operar no campo da construción naval de carácter civil".

Faixa de Esquerda Unida © EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.