Eurodeputados non españois, "perplexos" ante a "fraude" das preferentes en Galicia

Os representantes da Coordinadora de Plataformas de Afectados de Galicia, xunto a Ada Colau na Eurocámara © Delmi Álvarez

"O noso estado de perplexidade vai medrando; é inaceptable e non debemos falar en termos delicados do comportamento destes bancos, que foi fraudulento, valéndose do abuso da confianza dos clientes". Quen así fala non é ningún estafado, senón Victor Bostinaru, europarlamentario romanés do grupo socialista, logo de escoitar os relatos dos afectados galegos polas preferentes que denunciaron este mércores ante a Comisión de Peticións da Eurocámara a súa situación.

"De ser a situación como se conta, o comportamento dos bancos españois foi de todo menos correcto", continou o parlamentario. "Asináronse contratos de preferentes co dedo, cunha cruz ou a persoas con Alzheimer?", chegouse a preguntar, sorprendido polos exemplos -moitos deles documentados- que os afectados galegos levaron á Eurocámara. "Non hai que ser xurista para entender que estas operacións fixéronse en base a abusos e enganos", engadiu, tras cuestionarse as "pescudas e investigacións" do Goberno español e logo de cualificar de "delictivas" as actividades das entidades financeiras españolas.

Un eurodeputado romanés cualificou de "delictivas" as vendas masivas de preferentes e criticou o "abuso" e a "fraude" dos bancos españois

Non foi Bostinaru o único que amosou a súa perplexidade ante os casos de afectados polas preferentes. Margrete Auken, eurodeputada danesa da Alianza Libre Europea, cualificounos de "escándalos de magnitude impresionante". "O que escoitei hoxe é moito peor do que estou afeita a escoitar, e estou afeita a oír cousas moi malas", asegurou tras incidir tamén nas dificultades dos aforradores españois para reclamar ante a Xustiza pola suba das taxas. "Visto o visto, o sistema xudicial en España non é xusto e é delictivo; estou alucinada co que ocorre nese Estado, onde é imposible que os cidadáns recorran ao sistema xudicial de maneira normal".

"É un escándalo impresionante; o que escoitei hoxe é moito peor do que estou afeita a escoitar", dixo unha eurodeputada danesa

Os eurodeputados non españois foron moi críticos co proceder do Goberno e das entidades financeiras no caso das preferentes, que consideraron unha "fraude" e un "abuso" dos bancos, pero tamén coa actitude dos seus colegas españois do PP e do PSOE, que durante o debate se dedicaron a reprocharse mutuamente. "Non usen isto para facer política de partidos porque se trata de defender os intereses dos cidadáns e iso non axuda nada aos aforradores", asegurou un eurodeputado alemán, que lembrou que no seu país "rescatouse a banca para rescatar os aforradores", pero tendo en conta "que os bancos non son razonables cando a cuestión é gañar diñeiro".

"Se existe fraude, hai que meter os culpables na cadea, aínda que isto non restitúa os aforros dos afectados", chegou a dicir, tras apoiar claramente que se manteña aberta a petición e reclamar, como no caso do resto de europarlamentarios non españois, que a comisión "se implique máis" na solución do problema.

Eurodeputados estranxeiros recriminaron aos de PP e PSOE de usar o problema "para facer política de partidos"

O caso é que antes, todos os representantes do PP nesta Comisión de Peticións defenderan a actuación do Goberno de Mariano Rajoy no problema das preferentes, do que culparon o Executivo de Zapatero. "España xa está achegando solucións", dixeron, tras defender a arbitraxe como a vía máis factible para recuperar os cartos. O eurodeputado galego Millán Mon chegou a asegurar que o Estado tiña "as mans atadas" á hora de buscar unha saída porque dependía do que lle ordenase a Comisión Europea.

Malia todo, houbo excepcións. O parlamentario español Miguel Ángel Martínez, do grupo socialista, definiu o caso das preferentes como "unha estafa non puntual, senón xeralizada e cientificamente levada cara a adiante contra a xente máis vulnerable" e pediu tamén máis implicación á Comisión Europea para que artelle "unha solución que permita a devolución de todos os aforros".

Ana Miranda pediu á Comisión Europea e ao Estado español que non botasen balóns fóra á hora de arranxar o problema

Porque antes, Fábregas Fernández, en representación da Comisión, botara balóns fóra ao centrar no Estado español a responsabilidade de dar solución á estafa. "É responsabilidade dos tribunais nacionais e autoridades abordar compensacións por posibles malas praxes bancarias", dixo, obviando a lexislación europea sobre produtos financeiros.

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, respondeulle acusando a Comisión de "desleixo". "Non se trata de obter información, senón de dar solucións a estes cidadáns que sufriron un roubo e unha estafa facilitada tamén polo desleixo do Goberno español, que se lava as mans ante o problema", insistiu. Ademais, censurou tamén a actitude dos eurodeputados do PP que interviron no debate por "remitir vergoñosamente ao laudo e á Xustiza". "Para que? Para que paguen máis taxas xudiciais? Acaso non saben de sobra que a arbitraxe non é arbitraria, senón que os afectados son chamados polo banco? Curiosamente, antes das eleccións chamaron a moitas persoas e moitas delas vinculadas ao PP", espetou.

Así, Miranda pediu que que a Comisión de Peticións manteña as denuncias abertas ata dar unha solución e reclama reclama ao Parlamento Europeo "unha resposta política clara" a favor dos miles de afectados polas estafa das preferentes.

Antes, José Manuel Estévez, en representación da plataforma de afectados polas preferentes de Vigo e Val Miñor, e Xesús Domínguez, pola de Compostela, relataran ante os eurodeputados a "estafa masiva" sufrida por uns 80.000 galegos atrapados na "fraude" provocada polas antigas caixas. "Unhas 25.000 persoas estanse enterando aínda agora de que están afectados", explicaron os voceiros da Coordinadora de Plataformas de Afectados de Galicia, tras acusar o Goberno galego e español de "complicidade" e logo de contar os casos máis sangrantes: "persoas con Alzheimer, sinaturas falsas, nenos pequenos". "Todos abusando da confianza que os cidadáns tiñamos nas sucursais de toda a vida".

"Axúdennos a recuperar estes aforros; que de aquí saia unha voz clara e firme que lle diga ao Goberno español que cometeu un atropelo e que está roubando os cidadáns para salvar a banca estafadora", rematou Domínguez.

A Comisión de Peticións acordou levar o caso á Comisión de Asuntos Económicos e aposta por diferenciar "entre investidores e aforradores"

Xa para rematar, o presidente da Comisión de Peticións, Willy Meier, apostou por "traballar" para conseguir "a devolución integral dos aforros" e para "facer unha diferenza" no memorando da UE que afecta a España entre "o que son investidores e os pequenos aforradores". Ademais, acordouse remitir toda a información achegada polos afectados e europarlamentarios á Comisión de Asuntos Económicos co obxectivo de "buscar unha solución", así como enviar unha carta ao Goberno español "para ver como traballar desde alí para arranxar o problema". "Por suposto, esta comisión de petición mantense aberta", sentenciou.

Os representantes da Coordinadora de Plataformas de Afectados de Galicia, xunto a Ada Colau na Eurocámara © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.