Europa pide máis recortes a cambio de máis tempo para reducir o déficit

Mariano Rajoy © EFE

Máis recortes, máis tempo. Esa é a proposta europea para España. Chámenlle proposta, chámanlle concesión, chámenlle chantaxe ou chámanlle como queiran. A Comisión Europea dará a España unha prórroga dun ano para situar o déficit por baixo do 3% do PIB (até 2014) se o Goberno concreta "novos axustes orzamentarios" para 2013 e 2014 que garantan o cumprimento do novo obxectivo, tal e como informaron fontes europeas a varios medios. Confirmouse despois en rolda de prensa, onde a Comisión Europea asegurou que os axustes aplicados polo Executivo non son suficientes aínda. Queren máis.

Esta prórroga proposta por Bruxelas terá que esperar a que o Goberno de Mariano Rajoy concrete os novos axustes e tamén a que logo a Comisión considere se son suficientes ou non para concederlle ese tempo extra ao Executivo. Porque Europa semella preocupada por España e pola fonda recesión que está a vivir logo dos primeiros recortes aplicados pola dereita.

Bruxelas pide a España que suba o IVE e acelere o atraso da idade de xubilación porque "ten marxe de manobra"

O plan de Bruxelas é ben claro: que España rebaixe as cotizacións sociais, que suba o IVE e que acelere o atraso da idade de xubilación aos 67 anos. Esa é a menciña proposta para garantir a sustentabilidade das contas públicas a longo prazo. "España ten marxe de manobra para mellorar a eficacia do sistema fiscal desprazando os ingresos cara aos impostos que crean menos distorsiones, como os que gravan o consumo (en particular o IVE)", sinala un informe elaborado polo Executivo comunitario.

Mentres, a UE intentou dar tamén esperanzas ao anunciar a intención de que o fondo de rescate da UE recapitalice direcamente a banca, sen pasar polos Estados. No entanto, rapidamente o vicepresidente da Comisión e responsable de Asuntos Económicos, Olli Rehn, admitiu que esta fórmula "non é unha opción dispoñible" para España porque a normativa vixente non o permite. Bruxelas suxeriu este mércores cambiar a lei para facelo posible, pero se se aproba tardaría meses en poder aplicarse.

 Rehn eludiu ademais especular sobre o impacto no déficit da recapitalización de Bankia porque, segundo dixo, o Goberno español aínda non decidiu como a financiará. "Está claro que non son posibles as inxeccións directas aos bancos coas disposicións legais do fondo europeo de estabilidade financeira", dixo o vicepresidente da Comisión ao ser preguntado por se recomendaría a España que pida axuda ao fondo de rescate para recapitalizar a banca.

Suprimir os tipos reducidos e superreducidos

 

O aumento do IVE, suxire Bruxelas, podería lograrse suprimindo gran parte dos tipos reducidos (8%) e superreducidos (4%) que se aplican a algúns produtos. Os ingresos por IVE de España ascenderon ao 5,5% do PIB en 2010, a porcentaxe máis baixa de toda a UE. E o tipo normal do imposto (18%) está entre os máis baixos dos Estados membros, segundo destaca a Comisión.

"Debido á ampla aplicación do tipo reducido e o superreducido e á cantidade de exencións, o ingreso real por IVE alcanzou unicamente o 42% do nivel teoricamente posible", denuncia o Executivo comunitario, que tamén lamenta a "falta de eficacia das medidas para reducir o nivel de evasión do IVE".

Polo que se refire ás pensións, a Comisión cre que a reforma aprobada en 2011 que atrasa a idade de xubilación aos 67 anos e amplía en 10 anos o período para calcular o importe da pensión, e que se aplica progresivamente até 2027, é un "paso importante" pero non suficiente.

"Para mellorar a sustentabilidade das finanzas públicas, o Goberno debe garantir suficientes superávits primarios a medio prazo, acelerar o incremento gradual previsto na idade de xubilación e levar a cabo unha actualización anticipada do factor de sustentabilidade previsto no sistema de pensións reformado" para axustalo aos cambios na esperanza de vida, reclama Bruxelas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.