Falciani, libre

Falciani, na Audiencia Nacional CC-BY-SA eldiario.es

A Audiencia Nacional vén de rexeitar a petición de extradición de Suíza sobre Hervé Falciani, o informático suízo que compartiu os datos obtidos polo seu traballo no HSBC para perseguir evasores fiscais. A Audiencia basea o seu auto en que non se dan os requisitos necesarios para a dobre incriminación, isto é, que os delitos polos que é perseguido polo país que pide a extradición, Suíza neste caso, concorran en España.

A xustiza española non ve como delito a revelación de segredos, que si se persegue en Suíza. É máis, en España hai obriga de informar dun delito, como é o branqueo de capitais ou a evasión fiscal, en caso de ver os datos que indiquen que se está cometendo.

En España hai obriga de informar dun delito, como é o branqueo de capitais ou a evasión fiscal, en caso de ver os datos que indiquen que se está cometendo

Francia, país do que ten pasaporte Falciani, xa rexeitara a orde de extradición e Falciani elixiu España, pola súa lexislación favorable, para defenderse ante os tribunais dos supostos delitos polos que o perseguía Suíza. Agora o informático, que está en réxime de liberdade vixiada, será posto en liberdade. En varias ocasións declarou a súa intención de seguir en España e continuar o seu traballo de colaboración coa xustiza española e as autoridades fiscais para continuar desentrañando a maraña de datos que compoñen a Lista Falciani.

O auto será firme se no próximos cinco días hábiles non se presenta recurso, algo altamente improbable, xa que só o podería presentar a defensa ou a fiscalía e esta última opúxose á extradición no transcurso da vista, o pasado 15 de abril.

 

Sen ánimo de lucro

O caso máis coñecido foi o da familia Botín que tivo que regularizar a súa fortuna en Suíza pola primeira fornada de información transmitida por Falciani

Un dos puntos máis escuros da historia, na que Suíza asegura que Falciani tentou vender a información a un banco en Beirut, non queda probado segundo o auto da Audiencia. Así, a Sala di que "este feito", en referencia á hipotética venda de datos, "aparece un tanto confuso e inconsistente dentro do relato fáctico que se nos presenta, no que si parecen con obxectividade episodios concretos de posta a disposición de información e colaboración eficaz con autoridades doutros estados, nos que se evidencia unha determinada actitude por parte de Falciani, na que non cabe apreciar móbiles económicos ou espurios".

O tribunal insiste en que non se indica con claridade se houbo tal cesión de datos e obtención de diñeiro por parte de Falciani. Finalmente, a Sala opta por "non dar un tratamento diferenciado, imbricándoo como un episodio máis, no conxunto dos que constan no relato". Durante a vista, Falciani asegurou que foi a Beirut para que saltase a alarma na patronal bancaria de que eses datos estaban dispoñibles, e activar así a fiscalía Suíza, renuente a iniciar un proceso contra os posibles feitos delituosos parapetados tras os datos.

Neste sentido, o auto recolle que queda probada a colaboración de Falciani, que fixo chegar de forma eficaz información fiscal a autoridades administrativas e xudiciais de varios estados, "entre eles España", o que produciu, segundo a Sala, "efecto directo e inmediato" no desvelamento de "moitas situacións delituosas encubertas, amparadas ou permitidas pola propia entidade financeira" e que permaneceron ocultas até o momento, "dado que até agora", prosegue o auto, "non fora posible realizar unha investigación eficaz". O caso máis coñecido foi o da familia Botín que tivo que regularizar a súa fortuna en Suíza pola primeira fornada de información transmitida por Falciani.

Falciani, na Audiencia Nacional CC-BY-SA eldiario.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.