Unha faísca ou un curtocircuíto na zona alta da factoría. Son as hipóteses que se barallan como orixe máis probable do incendio que na tarde deste luns arrasou máis da metade da factoría de Fandicosta en Moaña. A compañía, un dos xigantes do sector pesqueiro e un dos referentes europeos na produción de pescada, aneis de pota e peixe espada conxelado, traballa xa na valoración duns danos que o seu presidente, Ángel Martínez, estima de entre 14 e 18 millóns de euros. Mentres as compañías de seguros indagan no sucedido e calculan as compensacións económicas a compañía asegura que, alén de situacións provisionais, o emprego en Fandicosta está "garantido".
A alerta ao 112 chegou contra as seis da tarde do luns e, practicamente de xeito inmediato, o algo máis dun centenar de persoas que estaban a traballar no seu interior foron desaloxadas para evitar uns danos persoais que non chegaron a producirse en ningún caso. Tratábase de comezar a sufocar as lapas canto antes, pero tamén de evitar que o lume chegase aos depósitos de amoníaco, osíxeno e nitróxeno líquido empregados na elaboración de conxelados, circunstancia que provocaría fortes explosións e unha nube tóxica, tal e como detallaron os bombeiros.
Coa ponte de Rande e a súa contorna da autoestrada AP-9 cortadas por mor da mesta fumareda os servizos de emerxencia precisaron ata catro horas para controlar o incendio dende a terra e o mar, no que continuaron traballando durante toda a noite. Á veciñanza, mentres recomendóuselle permanecer nas súas vivendas por precaución e o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia permaneceu activado ata a mañá deste martes. O que si continúa activo, en fase de alerta, é o plan de contaminación mariña, e o buque Irmáns García Nodal, xunto a outra embarcación da Autoridade Portuaria de Vigo comproba posibles focos contaminantes na ría, segundo informa a Xunta.
Os traballos de extinción implicaron ata 33 bombeiros dos parques do Morrazo, O Porriño e Ribadumia nun incendio "moi complicado e difícil de controlar, xa que se propagou polo falso teito con gran rapidez", detalla o xerente do consorcio de bombeiros, Jorge Correa. Mentres se "liquida" de vez o incendio tamén comeza a retirada de cascallos, indica, unha retirada na que colaborarán tamén dúas escavadoras proporcionadas pola propia empresa.
Repercursións económicas e laborais
O incendio deste luns supón un duro golpe a unha empresa que, como informa Faro de Vigo, se atopaba en pleno proceso de expansión tras uns anos de crecemento nos que, segundo datos da propia compañía, chegou a facturar 110 millóns de euros durante 2014, cun crecemento medio anual dun 10% na última media década. Aínda que o "golpe" do incendio "é moi duro", o presidente de Fandicosta, Ángel Martínez, asegura que o persoal "pode estar tranquilo". Nun primeiro momento a compañía non descarta a solicitude "dun ERE temporal" para quen traballaban na área que ficou destruída. No resto da fábrica, di, "comezaremos a traballar en canto poidamos".
A empresa valora solicitar un ERE temporal para a parte da fábrica destruída polo lume
No nome do persoal o presidente do comité de empresa, Eduard de Llano, non agocha a súa "preocupación". En declaracións á TVG o representante laboral subliña que ás arredor de 200 persoas que forman o plantel cómpre sumar "outras 200" en postos indirectos. "Estamos desolados", constata, mentres agarda acontecementos.
Neste contexto a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, que permaneceu na zona dende o serán do luns xunto á conselleira do Mar, Rosa Quintana, e que este martes visitou a factoría en compaña da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apela á "colaboración" das administracións para que non estea en risco "ningún posto de traballo". Pontón, pola súa banda, ve "evidente" a necesidade de apoio e reclama que os diferentes gobernos actúen "con medidas como as adoptadas no sinistro da factoría de Campofrío", en Burgos, para "garantir a permanencia dos empregos".