A Xunta non afrouxa. Con máis de 2.000 traballadores públicos -funcionarios e persoal laboral- ás portas de San Caetano, o presidente do Goberno galego puxo en práctica un discurso de man de ferro en luva de seda para defender o seu paquete de medidas de recorte para o cadro de persoal da Administración. "A Xunta non se erguerá da mesa ata finalizar a negociación", asegura o xefe do Executivo, pero, a continuación, lanza unha advertencia aos sindicatos en forma de disxuntiva irresoluble que se podería resumir en que deben elixir entre perder dereitos ou perder salario.
Se ben o plan que impulsa a Consellería de Facenda tamén supón, na práctica, unha perda de ingresos para o persoal -pola vía da redución de xornadas, por exemplo- Feijóo ampárase no feito de que a súa reforma non toca os soldos en si mesmos, senón os complementos dos mesmos. "Comprendemos perfectamente que a ninguén lle agrada que lle modifiquen as condicións de traballo que se concretaron en momentos de bonanza económica", asegura o presidente, convencido de que o "rexeitamento" que este xoves se manifestou en forma de marcha ás portas da Xunta se transformará en comprensión. "A única alternativa realista -reitera- é unha diminución das retribucións", que "xa diminuíron bastante por decisións alleas á Xunta", di, en referencia aos recortes aprobados polo Goberno central en 2010.
Neste contexto, Feijóo sitúa a xestión como referencia no ámbito do Estado para sinalar que a súa intención é seguir "traballando" para "finalizar a lexislatura sen reducir" salarios dos empregados públicos, "medidas que en comunidades cun produto interior bruto superior ao noso xa se están aplicando", como Euskadi, La Rioja ou Madrid, refire. A protesta sindical continuaba fóra entre fortes medidas de seguridade e unha presenza policial redobrada no interior do complexo administrativo da Xunta. Mentres, Feijóo anunciaba que a negociación continúa cun "prazo de alegacións" ampliado". O luns, presentaralle as medidas ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey. En opinión do presidente, a redución de dereitos laborais que prevé aplicar a Xunta sería un alivio para aqueles concellos que "están facendo expedientes de regulación de emprego" ou "manifestan dificultade para poder pagar as nóminas".