Feijóo contradí os datos oficiais para unirse á euforia económica de Rajoy

Feijóo, durante a sesión de control © Xoán Crespo

A finais de febreiro o IGE ratificou o estancamento da economía galega durante 2014. Aínda que o PIB do país volveu medrar en termos interanuais dende o inicio da crise fíxoo a un escaso ritmo do 0,4%. A economía galega quedaba así por tras do Estado despois de que a Consellería de Facenda augurase que o crecemento galego ía ser "maior" que o da media estatal. Asemade, ese 0,4% supuña a metade do crecemento previsto pola Xunta cando elaborou os Orzamentos Xerais de 2014 e un terzo do 1,2% que chegou a prognosticar. O estancamento e as previsións erradas estiveron este mércores sobre a mesa na sesión de control ao presidente da Xunta, que se aferrou ao feito de que "fronte ao decrecemento, iniciamos o crecemento" nun contexto no que chegou a contradicir os propios datos oficiais.

Feijóo, como antes Rajoy, asegura que "España é o país que máis medrou en 2014 de toda a UE", pero os datos desménteno

Fronte ás peticións de explicacións o presidente considerou "non histórico, pero si inédito" que "a oposición en pleno empece a falar" de que "empeza a crecer a economía galega", cuxo menor dinamismo ao respecto do Estado xustifica polos problemas dos sectores naval e automobilístico. "Lles parece que debería crecer máis, a min tamén" pero "supoño que o señor Rajoy estará moi satisfeito de que o PSOE, BNG e Izquierda Unida [en referencia a AGE] digan que España vai moi ben". El, obviamente, concorda con esta afirmación, toda vez que "España é o país que máis medrou en 2014 en toda a Unión Europea", sentencia.

O que din os datos

A afirmación de Feijóo a respecto do crecemento español é practicamente idéntica á lanzada por Mariano Rajoy en numerosas ocasións nos últimos meses e, como no caso do presidente do Goberno de España, é falsa. Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, indica que o PIB español pechou o cuarto trimestre de 2014 cun crecemento do 2% a respecto do mesmo trimestre do ano anterior. Se ben é certo que ese medre é superior ao doutros estados non o é menos que ata nove economías da UE (Letonia, Eslovaquia, Romanía, Lituania, Estonia, Suecia, Reino Unido e Hungría) creceron máis que a española, como é posible observar na gráfica que acompaña esta información. Así, o ascenso do PIB español está case punto e medio por tras do húngaro, que foi o que máis medrou cun 3,4%.

O 0,4% co que o PIB galego pechou 2014 sitúan o país nos últimos postos da Unión Europea

O presidente da Xunta difire dos datos oficiais nun contexto no que, como nos últimos anos, afirma ademais que durante a recesión Galicia "tivo unha fortaleza superior á das demais comunidades autónomas" e "hoxe está nunha posición de optimismo". Aínda que o que o INE denomina "contabilidade rexional" aínda non está pechada para o ano 2014 o dato máis recente, o de 2013, indica que nese ano Galicia aínda sufría unha recesión do 1%, inferior á media estatal e á de 12 comunidades autónomas pero que non foi dabondo para ser a economía que menos decreceu do Estado, toda vez que nese ano Catalunya, a Comunitat Valenciana, Balears e Canarias tiveron mellor comportamento.

Atendendo a todas estas cifras oficiais unha ollada comparativa ás cifras de crecemento de Galicia a respecto do horizonte europeo deixaría o país nos últimos postos do continente. Á espera de coñecer os datos de Irlanda, Luxemburgo e Malta, aínda non dispoñibles en Eurostat, só seis estados da UE pecharon o 2014 con peor comportamento do seu PIB que Galicia. O crecemento galego foi idéntico ao 0,4% de Croacia, un chisco superior ao 0,2% de Francia e está xusto por tras do 0,7% de Portugal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.